Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Exploran Carballo a través dun obradoiro de urbanismo

Participaron trinta cativos de entre 5 e 12 anos // A idea era que coñecesen a súa cidade e se identificasen con ela // Durante toda a semana fixeron xogos en distintos puntos do municipio e incluso un proxecto arquitectónico

A concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana de Carballo, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos, puxo en marcha durante toda esta semana unha novidosa iniciativa titulada A cidade do mañá, que tivo por obxectivo estimular unha actitude crítica para que os nenos e nenas comecen o seu desenvolvemento coma cidadanía activa.

Un total de 30 nenos de entre 5 e 12 anos reuníanse o pasado luns para comezar as actividades. Ese día, segundo explicou a organizadora, Sandra González, foi "unha primeira toma de contacto coa visión que teñen os nenos do espazo no que habitan". Para elo pedíronlles que debuxasen o que máis aprecian de Carballo e ademais saíron á rúa para ir enmarcando cun gran marco dourado todo aquelo que lles resultaba interesante.

O segundo día, os cativos probaron diferentes texturas no chan e empregárono como soporte para os seus proxectos. "Traballouse co elemento plano, co elemento línea e con elementos tridimensionais. Son eles os que crean o seu espazo de xogo con ditos elementos", explicou Sandra. Durante o mércores e o xoves os participantes xogaron con espellos para buscar distintos reflexos na vila, apropiáronse de espazos urbanos para o xogo e o último día construiron novos elementos arquitectónicos con caixas de cartón. "O venres, na última sesión, pedíuselles un pequeno proxecto arquitectónico para un espazo determinado de Carballo", explica Sandra González.

A cidade do mañá é un proxecto que lles permite aos cativos coñecer e apreciar mellor o lugar no que habitan. Non só se leva a cabo en Carballo, senón que os vindeiros meses tamén terá cabida en Rianxo, Bueu, Vilagarcía e Ferrol. Ademais, o ano pasado xa se puxo en marcha en Rianxo, Ames, A Pobra, Mondoñedo, Ribeira e Verín. A organizadora, Sandra González, explicou que con este proxecto entenden a cidade como taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para os nenos "que a través de ferramentas propias da infancia, como son o seu propio movemento e o xogo, teñen que descubrir, vivir, coñecer e valorar o seu hábitat para poder actuar nel".

En definitiva, segundo apuntan os organizadores do proxecto, a idea é que os pequenos se identifiquen coa súa cidade e ademais aprendan a apreciar a arte e a arquitectura. A iniciativa foi todo un éxito en Carballo e, segundo apuntou Sandra, A cidade do mañá conta cun gran recoñecemento tanto a nivel nacional coma internacional. De feito, recibiu varios recoñecementos: ponencia e mención nas II Xornadas de Innovación Docente; ponencia e mención no congreso organizado polo Sindicato dos Arquitetos no Estado de São Paulo; ponencia e mención na Biennale di Venezia 2018; e ponencia e mención en inquEDU. A cidade do mañá viaxará en setembro a Viena para estar na novena edición de Child In The City World Conference.

21 jul 2018 / 22:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito