Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
tribuna libre

Fabeiro na memoria

    Días atrás, coa celebración do curso da USC titulado Avilés de Taramancos e a memoria histórica tivemos ocasión de centrarnos de novo na figura deste escritor noiés e universal. Pero non só nel, estudar a Avilés tróuxonos o eco doutras persoas que coincidiron con el no tempo e, entre eles, a lembranza de Manuel Fabeiro, Manolé.

    Córrese o risco de que nunha terra tan fecunda en artistas e homes/mulleres de letras como Noia, algúns dos seus imprescindibles poidan quedar silenciados ante a celebridade doutros, por iso quixera aproveitar esta ocasión e este recordo para traelo á actualidade.

    Recoñecelo non é facer máis que continuar a estela que outros comenzaron ao homenaxear aos que o merecían, accións que atopamos no mesmo Avilés de Taramancos que sempre se esforzou en facelo como demostra o feito de que as súas primeiras composicións poéticas -aquelas que gañaran o premio do casino de Noia nos anos cincuenta- levaban o título de dous noieses de pro, Antón de Noia e Cadarso ou en Agrelo e Hermida cando escriben Efemérides noiesas.

    Fabeiro, o creador dunha saga que continuou os seus traballos tanto no ámbito da investigación histórica como no da filatelia, era un muradán que se asentonu neste fondo da ría para xunguir unha e outra vila do seu ideario. Cronista oficial de ambas as dúas, publicou as Páxinas históricas de Noia e Páxinas históricas de Muros na editorial Toxosoutos, pero tamén outros estudos como A feligresía de Santa María do Obre en Muros, vila mariñeira (en Vieiros, revista do padroado da Cultura Galega de México). Nesta revista tamén publicaría Poesía allea verquida ao galego, igual que na revista Lar editada en Bos Aires un 25 de xullo do 1954, escribira aquela noticia Sobre Antonio Avilés Vinagre. El poeta más joven de Galicia. Coa referencia a este artigo volvemos a esa capacidade de recoñecer os demais que, neste caso Fabeiro, exerce sobre alguén moito máis novo ca el, alguén a quen lle vai abrindo as fontes da cultura galega para que se alimente e dea os seus froitos e tamén as portas para que poida publicar nos poucos lugares nos que daquela era posible facelo. Mestre de galeguismo, que vai entregando en mán os libros que falan dunha realidade distinta á da longa noite de pedra, que vai presentando aqueles autores que falan na lingua do país e co zume das súas árbores.

    El mesmo era un deles, un poeta da xeración da guerra, que publicara Follas dun arbre senlleiro en 1951, volume no que recolle textos que andaban espallados por revistas e xornais, e tamén Cachemare da saudade que fora premiado polo Centro Galego de Bos Aires. Poeta que atopamos na música de Suso Vaamonde, naquel Pranto en Compostela do disco Santiago, mar de pedra.

    Un poeta, tradutor e crítico, un creador e estudoso da nosa literatura, un colaborador habitual nas revistas e antoloxías da época. Un investigador ao xeito da xeración Nós, aqueles escudriñadores da realidade que tentaban cosela cos fíos da memoria para gardar a alma do país impedindo que desaparecera, así Fabeiro, recollendo o Cancioneiro de Muros que sería publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos en 1958, facendo pescudas folclóricas, históricas..., coma no traballo Noia: unha manifestación da heráldica galega. Un home cunha grande curiosidade intelectual que abrangue tamén o campo da filatelia onde foi un traballador infatigable, alma mater das exposicións do seu tempo, tal como se lle recoñece na homenaxe recibida en 1999. Ningún campo lle era alleo para aquel home que tanto estudaba as marcas de canteiro como calquera outra manifestación patrimonial. Galegos imprescindibles que sostiveron a lingua, noieses indispensables que mantiveron viva a cultura da vila indagándoa, facilitando o camiño a novos escritores e datos aos investigadores mozos, facéndoa visible a través da publicación Tapal que dirixiu con Millares.

    Volver a Fabeiro é volver reencontrarnos co mellor de nós, tal como fixera o IES Campo de San Alberto cando o homenaxeara na entrega do premio Leixaprén no 2002.

    A sociedade ten ese encargo, manter viva a memoria daqueles que traballaron polo común. E Fabeiro foi un dos que o fixeron naqueles tempos difíciles nos que ata o ceo semellaba pedra.

    12 oct 2008 / 23:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito