Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OS CARROUCHOS

Facer graza

    No corcho do meu despacho conservo dúas viñetas de hai tempo. Unha de Máximo (1932-2014) que ilustra a portada dun libro titulado Sabiduría cero, e que leva na faixa o lema El libro más profundo del año. E outra de El Roto na que a exclamación ¡Qué claridad de confusión! sóltaa unha persoa que lé o periódico. Un humor retranqueiro cheo de significado sen apenas dicir e case que sempre afirmando contrarios. Moi achegadas esas ocorrencias ao grande Forges (1942-2018) e tamén común en boa parte do cine de José L. Cuerda (1947-2020), quen tristemente acaba de marchar. A súa conta de twitter (https://twitter.com/cuerda1936) é, coma os seus filmes, unha fonte extraordinaria de agudezas concentradas ao estilo de B. Gracián (1601-1658), que encaixan no formato reducido de precisión desa rede. Facer graza para reaccionar pensando. Como tantas veces repetía o enorme Gila (1919-2001), "o humor mellora o mundo".

    Non resulta doado definir en que consiste o humor nen como se consegue facer graza. Aínda que hai estudos e propostas científicas que se ocupan do tema. A miña colega Leonor Ruiz Gurillo lidera na Universitat de Alacant un sólido grupo de investigación sobre ironía e humor en español (http://griale.dfelg.ua.es/). O humor como producto comunicativo que impacta, que provoca. Facer humor consiste en comunicar alterando a expectativa. Rompendo o previsto. Batendo no inesperado. Hai nas ocorrencias inxeniosas novos códigos que fan posible a comprensión dos chistes. Mais como tantas veces acontece na interacción corrente, tamén nos canais extraordinarios do humor pode fracasar o facer graza. Como diríamos nós, depende.

    Depende de que se compren- da o código, mais non abonda. O emisor, o cómico, ha ter talento para ser efectivo e chegar aos receptores que o escoitan ou o len. As destrezas para comunicar en clave humorística marcan diferenzas: hai cómicos que inducen gargalladas en certas persoas, e outros que non causan graza. Con ver a X. M. Touriñán ou a J. Mota, eu xa me parto de risa. Non me facía o mesmo efecto Chiquito de la Calzada (1932-2017). Así que tamén, e máis que nada, depende de quen reciba o chiste.

    Porque non se debera asumir esa afirmación tantas veces pro-xectada de "non teren sentido do humor". As disposicións persoais son moi variadas, non hai un modelo único de como sentir as mensaxes chistosas. O meu primo Luis Ángel paréceme simpático desde que eramos nenos. Posúe un enxeño natural para facer graza im- provisada, sei de antemán que vou rir con el. Incluso no caso de ocorrencias bastas e case que burlei-ras me causa gargallada. Hai sen dúbida un compoñente de afinidade emocional que regula como sentimos cadaquén os chistes. E que curiosamente nalgúns casos se ergue como peneira xeral para decidir que humor é correcto. O problema é que talvez o adxectivo correcto non cadra co que sustancialmente é o humor.

    Nas ocorrencias, no facer graza, no humor, hai dúas motivacións básicas: provocar rompendo as expectativas, e bater no que é normativo e previsible. Non pode pretenderse que as representacións que inxeniosamente se constrúen no humor sexan políticamente correctas. Así como non hai un modelo do sentido do humor, son moitos os xeitos para a sátira e a ironía. A revista Hermano Lobo. Semanario de humor dentro de lo que cabe (1972-1976) era un espello que reflectía en viñetas de inxenio a realidade que non se contaba. Iso que se chama «facer graza» ten que ir inevitablemente da man da tolerancia para non sentírmonos ofendidos: os chistes sempre molestan porque de natural son incisivos e porque quebran as ordes.

    Catedrática de Lingüística na USC

    14 feb 2020 / 22:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito