Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A falta de tempo lastra os hábitos culturais en Galicia

Música, contidos audiovisuais, lectura, cine e museos son as actividades que máis interesan aos galegos// Máis da metade son lectores de prensa diaria

A falta de tempo é o principal motivo que alega a cidadanía galega para non visitar máis museos, exposicións ou galerías de arte, pero tamén para non ler máis. Canda estas razóns, xustifica na falta de interese non frecuentar bibliotecas ou teatros.

Son algúns dos indicadores do último Documento de Traballo (DT-OCG) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que mide hábitos e prácticas culturais na nosa comunidade.

O documento, que proporciona datos da enquisa realizada polo Ministerio de Cultura e Deporte, analiza as nosas prácticas culturais; é dicir, a asistencia a espectáculos e eventos culturais, o consumo de medios, a lectura de libros e a convivencia e hábitos no ámbito familiar.

Segundo se desprende desta enquisa, o que máis lle interesa á poboación é, nunha escala de 0 a 10, a música (7,6), os contidos audiovisuais (6,5), a lectura (6,4), o cine (6), os museos (4,6) e as visitas a xacementos arqueolóxicos e exposicións (4,4). Suscitan menor interese as visitas ás galerías de arte (3,5), o circo (3,5), o ballet (3,2) e a visita a monumentos (5,7). Cunha puntuación inferior a 5 atópanse o teatro e ópera (2,9) e as bibliotecas (2,5).

O 30,8 % non vai nunca a un museo, menos que no Estado, e os que asisten fan 2,5 visitas cada trimestre.

Os que non len alegan que non teñen tempo (52 %) e que non lles gusta (19,2). Con todo, o interese pola lectura aumenta, mesmo en maior medida que no conxunto de España.

Os fogares galegos con libros son nove de cada dez, e onde hai libros, o número medio tende aumentar e sitúase nos 239 exemplares.

En canto ao libro dixital, o crecemento é moi importante, aínda que algo menos que no Estado. Os que consultan neste formato len máis e teñen máis.

A enquisa tamén revela que seguimos a ser bos lectores de prensa, máis da metade dos galegos e galegas fano a diario, case un 10 % por riba do total de España. A poboación galega tamén é algo máis afeccionada a escribir.

No apartado das artes escénicas, a falta de interese é a principal explicación que esgrimen os que non van ao teatro (31), ópera (48,3), zarzuela (53.6), danza (46,0) e circo (45,6). Séguelles de lonxe a falta de tempo e a pouca oferta. Con todo, o teatro segue a ser o espectáculo que máis cidadanía atrae e, aínda que a influencia é inferior ao conxunto do Estado, ten unha evolución positiva nos últimos anos.

O custo da entrada só é significativo no caso da ópera e do cinema.

Con respecto a este último, a frecuencia de asistencia a salas en Galicia é baixa, pero aqueles que acostuman ir fano cunha periodicidade similar ao conxunto de España.

As cifras indican que se está a recuperar o hábito de ir ao cine, moi lastrado durante os anos da crise. En comparación, en Galicia se ven algo menos outros contidos audiovisuais. Con todo, un 15,7 % ve diariamente filmes e un 22,2, series. O tempo dedicado a vídeos é de 373 minutos á semana. Case unha cuarta parte está subscrita a plataformas dixitais de pago.

Se constata ademais unha baixa no uso de medios gratuítos e sen licenza.

14 feb 2020 / 20:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito