Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ enlazarte }

Fedón e un Réquiem

    HAI doce anos que colgamos uns axóuxeres e unha campaíña no enreixado da tumba do meu pai. Ese son agudo e tintinante transpórtanos, por uns segundos, á súa memoria. A aquel momento no que ao chegar á casa movía as chaves como unha maraca para avisarnos de que Dositeo xa estaba con nós. Ese son, o dos axóuxeres, regálanos sempre un sorriso.

    Recoñezo que, coma moitos, levo a morte dos meus seres queridos como podo. Recoñezo que me axudan os réquiems de Mozart, Brahms, de Morales ou Stravinsky, que traen a paz dos mortos aos vivos. Recoñezo que é cómo filosofar é aprender a morrer de Montaigne, ou o Fedón de Platón, axúdanme a non torturarme tanto sobre a nosa existencia.

    Pero tiven a sorte de que a música e a filosofía foran as ferramentas coas que me criei, querendo e sen querer: a miña xeración tiña esas dúas disciplinas no horario escolar.

    Samaín, Fieis Defuntos, Día de los Muertos… chamémoslle o que lle chamemos, creamos no que creamos, a morte tamén merece ser celebrada. Lémbranos que estamos vivos, axúdanos a revalorizar as nosas vidas, a apreciar os pequenos momentos.

    Todos temos defuntos. Todos temos algo de, como escribía Rosalía, "viúvas de vivos e mortos". E non está mal ter un día para recordar aos mortos e para reflexionar sobre a morte.

    E hoxe, 2 de novembro, reflexionemos sobre a realidade de que as novas xeracións quizáis non teñan a oportunidade de preguntarse, en horario escolar, qué é a morte ou cal é o sentido da vida. E recordemos que as novas xeracións quizáis xa non terán a oportunidade de pararse a escoitar, en horario escolar, a Lacrimosa do Réquiem de Mozart.

    Aprendemos como podemos a entender a vida, e a morte. A música axúdanos a sentir emocións tan fortes que non poden ser explicadas. A filosofía axúdanos a entender que non todas as preguntas requeren respostas…

    E visto así, ten algún sentido que estas dúas materias morran no noso actual sistema educativo?

    Gaiteira e pianista

    01 nov 2015 / 21:06
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito