O festival de outono de corais abre o vindeiro sábado a programación do Auditorio para o mes de outubro
O ciclo de concertos O teu Xacobeo e actuacións das bandas de Valga e Caldas de Reis son outras das propostas musicais // A biblioteca organiza dous contacontos no marco do programa de dinamización Ler conta moito
A programación cultural do Auditorio Municipal para o mes de outubro dá comezo o vindeiro sábado, día 5, co XIV Festival de Outono, organizado pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro e no que participarán un total de catro agrupacións.
Ademais do colectivo anfitrión, actuarán a Rondalla de Cariño, a Coral Abraira de Asados (Rianxo) e a Polifónica de Tapia de Casariego (Asturias). O concerto dará comezo ás 19 horas con entrada de balde para o público.
Para o domingo, 6 de outubro, ás 19:30 horas está fixada unha nova actuación musical: o concerto Deriva, que se enmarca no ciclo En Ruta e no programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo. A música contemporánea e o Camiño Portugués únense da man da galega Lula Romero (música electrónica), a suíza Katharina Rosenberger (saxo, violín, frauta, violonchelo, guitarra eléctrica, piano e percusión) e a americana Victoria Cheah (saxo, percusión e piano). A entrada é gratuíta e as tres artistas ofrecerán unha segunda función o luns pola mañá coa asistencia de alumnado dos distintos centros educativos de Valga.
Para este mes de outono están tamén programados o V Encontro Intercentros das tunas de maiores, promovido polo Centro de Día e que terá lugar o xoves 17, un concerto das bandas de música de Valga e Caldas o día 26 de outubro ás 21 horas, e unha Noite de Terror na biblioteca e unha chocolatada para festexar o Samaín.
Ademais, a biblioteca municipal organiza dous contacontos no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito. O primeiro, A detective peregrina e o insólito caso Antón Fraguas, celebrarase o día 11 a partir das 17:30 horas. E o venres 26, á mesma hora, será o turno de A pirata Escarlata. Ambas actividades son gratuítas.
Lembrar, asimesmo, que durante todo o mes pode verse na sala de exposición do Auditorio a mostra Presenzas de muller, na que os usuarios do CODI ofrecen a súa particular visión sobre diferentes problemáticas e temáticas vencelladas á muller: dende a violencia de xénero e a igualdade ata a discapacidade ou a natalidade.