Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
á beira do sar

Fibra e febra

    A DESILUSIÓN que veu espallando En marea (coas súas confluencias) é de bolero (polo que puido ter sido e non foi). Neste seu breve tempo delátanse varias insuficiencias, pero a máis rechamante é a inacabada feitura dun líder. Había que facer un home pero só se fixo un humus, un eido, un espazo (demasiado se veu cacarexando iso de "espazo político de cambio", "espazo común", "espazo de unidade"...); ou sexa, moita xeometría -que diría Pascal-, pero pouca fineza. De xeito que Luís Villares quedou a medio facer, cando de primeiras había materiais (carne, ideas, efectos de ilusión e confianza) para proceder á súa construción como líder.

    Pero ao final non se lle quixo (ou non se lle soubo) traballar o corpo (a "eloquentia corporis", que dicía o clásico, é dicir os tres uves: voz, visu e verba) nin o streetstyle, que é fundamental hoxe para seducir as subculturas urbanas. Total, que Villares quedou un pouco a monte como figura de suxestión electoral, sen que no seu discurso se vise tampouco maior elaboración retórica (abusou do tremendismo verbal contra Feijoo á maneira de Pontón).

    E o resultado final/actual é esa caste de melancolía que produce a falta da intelixencia que debeu haber e non houbo. Aínda así, material para a feitoría dunha estampa máis atractiva de En Marea segue habéndoo. Agora que en política se leva tanto (por mor do pressing feminista) o chamado connubio electoral, ou sexa a parella harmoniosa cuxa virtude icónica pode ser rendible en urna (que non ten por que cadrar coa parella sentimental; a proba é que, con Arrimadas, Rivera gaña votos, pero con Malú pode perdelos), pois tamén podería resultar estimulante o enfeixamento electoral Villares- Alexandra. En serio.

    Porque, despois da fuxida co rabo entre as pernas dos políticos piernas (eses deputados en Madrid que pensan coas extremidades), o que quedou en En Marea é o mellor: Villares e Fernández. Eles demostraron teren algo case desaparecido nas actancias políticas dos nosos días: fibra moral. Demostrárono na ocasión de episodios aparentemente periféricos pero eticamente principais: el, na sórdida noite dos espellos escachados; ela, no inspirado día no que votou en contra da tramitación dos Orzamentos do goberno de Sánchez.

    Xa é moi tarde para ensaios de cartel. Pero polo menos reconforta un pouco a aparencia de que aínda hai quen mantén fibra moral. Porque, infelizmente, o que máis se ve hoxe en política é febra morral (do moito morro de cortello que algúns lle botan á res publica).

    Escritor

    15 mar 2019 / 22:36
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito