Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
XOSÉ MANUEL BEIRAS

Figuración sen mesturas de don Xesús Carro García

Portavoz nacional de Anova, deputado no Parlamento galego e catedrático da USC

Publica hoxe EL CORREO en exclusiva esta curiosidade histórica: a semblanza que Xosé Manuel Beiras fixo de Xesús Carro, o seu antecesor no escano da RAG, antes da súa renuncia, provocada polo recurso contra a Lei de normalización lingüística incoado dende a Delegación do Goberno, ostentada entón polo proprio presidente da Real Academia Galega, Domingo García-Sabell. Case trinta anos despois, o texto, deitado nos arquivos da RAG, ve por vez primeira a luz pública, na súa literalidade, mesmo coa ortografía do orixinal de entón.

"É lamentabel isa postura dos 'inteleitualiños' co noso gran Daniel. Falarán canto queiran, pero non son capaces, xuntos, de imprentar unha obra do valer, que avantaxe 'As cruces de pedra na Galiza'. Que calen e teñan vergonza!"

Xesús Carro. Carta a Núñez Bua do 4-XI-1965

"Pouco podemos facer os que nos atopamos niste paraíso. Póñennos toda crase de trabadoiros. Trátannos como abafados. Temos fianza, non embargante, qu'istes padecementos algún día seian semente dun amor máis grande ás nosas cousas: a todo aquelo que é noso".

Xesús Carro. Carta a Luis Seoane do 26-X-1959

É noite pecha de vran en Compostela. Fixo un día de calor abafante que caldeou coma un forno a fraga fósil da cidade, e aínda destas horas o enlousado e máis o perpiaño de rúas e fachadas desprenden un lentor que ha durar deeica o mencer se o nordés non se ergue. Nun portal das Hortas asoma unha forma humán, envolta en manteo máis mouro aínda cá noite. Chantada na soleira, un algo debruzada cara fóra, axexa e mantense un intre á espreita. A rúa está deserta e non se sinte nin de lonxe o ecoar siquera de trouqueleo algún nin pasos de alma viva. A forma humán desaparece por un intre no oco avesío do portal e deseguida rexurde e bótase a camiñar cara San Froitoso. Nesto que pasa ao pé dun farol e a lus define a súa silueta: é un clérigo, camiña escorado dunha banda, como lastrado por un peso lateral, e dese costado o negro manteo fai uin bulto amorfo, coma un bandullo descolocado.

Esta secuencia que ninguén filmou e eu obviamente non presenciei, pro que moitas veces imaxinei dende neno visualizando relatos orais do meu pai, acontece unha noite calquera das posteriores ao dazaoito de xullo no vran do trinta e seis. O crego é Xesús Carro, a quen, fortuitamente, teño a inmerecida honra de suceder no escano desta Real Academia Galega. O portal, na rúa das Hortas compostelán, é o da casa onde tiña a imprensa 'Nós' Ánxel Casal, alcalde de Compostela polo Partido Galeguista, un irmán nacionalista que o dazanove de agosto acaba de ser paseado "nun trasanco a carón da estrada na parroquia de Cacheiras" polos fascistas -a prol de Una España Grande y Libre. O fardel oculto que abulta o manteo de don Xesús é un feixe de pregos imprentados xa, anque sen encadernar, da transcrición do Codex Calixtinus preparada polo Seminario de Estudos Galegos e lista dende un ano atrais.

Carro, don Xesus Carro, membro do Seminario e direitor da súa seición de Arqueoloxía e Arte, tenta desesperadamente salvar os fondos editoriais de 'Nós'. Non pode contar con axuda algunha: recabala de calquera dos poucos merecentes de confianza naqueles intres siñificaría poñer en perigo libertade e até vida de quen se prestase a axudalo. Il só, precariamente amparado pola súa condición e hábitos de crego, teima en facelo aos poucos e comeza polo Calixtino, auténtica xoia e obra póstuma do labor do Seminario que non verá a lus até oito anos máis tarde, baixo a cobertura do Instituto Padre Sarmiento e co pé de imprenta usurpado por un prelo madrileño.

Pouco máis poderá poñer a seguro don Xesús do armacén da imprensa de Ánxel Casal. O resto será case íntegramente destruído: o Xuzgado pecha 'Nós' e sela as portas da casa das Hortas, mais pouco despois un libreiro de Vigo merca os libros e publicacións do seu fondo editorial e, chegados en caixóns a esa cidade, energúmenos fascistas do Frente de Juventudes préndenlles lume -relátallo Carro a Luis Seoane en carta do 24 de xaneiro do 1959-, na que non se reprime de facerlle constar tamén -pra que todo sexa dito- "a fuxida dalgúns traidores naqueles momentos tráxicos, pasándose ao mouro e renegando de Nós".

A devoción de don Xesús por Nós e Ánxel Casal permanecerá tan viva ao longo dos anos que eu, que o coñecín dende a miña adolescencia mais nunca tiven moito trato con il, lémbrome de terlle ouvido falar adoito diles co meu pai. E cando Seoane lle envíe un exemplar adicado do seu 'Fardel de esiliado', Carro escribirálle na súa carta do 31-I-53: "Edicións Ánxel Casal lémbrame o asesinato do probe Ánxel nun trasanco a carón da estrada, na parroquia de Cacheiras. Calemos e recemos. Tempos virán pra falar".

Probe inocente don Xesús: pra falárese de Casal como compre e render homenaxe á súa exemplar memoria os tempos seica non son chegados nin siquera agora que xa se cumple meio século da súa tráxica morte. Só por escrito a iniciativa de Edicións do Castro froleceu na publicación do libro de Francisco Fernández del Riego na coleición de 'Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia'. Pro as voces que bradan nas rúas e nos foros públicos o nome de Casal, e Camilo Díaz tan avincallado a il, e dos demáis, só son as de algún supervivinte honesto de aquil Partido Galeguista e as dos nacionalistas galegos que a actual democracia española e os seus menestrais ouservan con receio e hostilidade: as do Bloque Nacionalista Galego. Toda unha leición de desmemoria histórica interesada da xeneralidade das pretensas elites actuais deste país: a antítese mesma da fidel memoria histórica e lealtade ética de don Xesús Carro García.

No intre da sublevación fascista chamada polos bempensantes de onte e hoxe Alzamiento ou Movimiento Nacional español, era presidente do Seminario de Estudos Galegos don Ramón Otero Pedrayo. E era segredario Bastián González García-Paz, catedrático de Arqueoloxía en home do Partido Galeguista ben activo, que fuxe esiliado a Puerto Rico. Don Xesús Carro, coido que por prudente indicación de don Ramón, faise cárrego da segredaría do SEG como medida cautelar entramentras non se define o desenlace da Guerra de España.

Tamén nesta manobra, apostase pola cobertura de abeiro que o sacerdocio pode dar ao labor de defensa da supervivencia e continuidade do Seminario e do seu patrimonio naquelas circunstancias -anque ben saibamos todos que non faltaron daquela curas perseguidos e mesmo fusilados entre os poucos que entenderon o sacerdocio cabalmente, é decir, ai servicio dos humildes, dos desposuídos, dos espoliados, dos perseguidos: do frente popular en fin, na súa espresión política do entón.

E non era sen razón, poisque toda manobra precautoria resultaba necesaria e urxente: xa o vinteún de setembro de aquil fin de vran sanguiñento un castrón de purpurina -que non 'd'ouro'- de mal nome Mas del Rivero, asasino direito de varios dos membros do Seminario desaparecidos, constituido en 'Delegado Gubernativo', tenta coaccionar a don Xesús pra espoliar 'legalmente' o cobizado patrimonio do Seminario. Trunfa Carro naquel lance inicial, mais non poderá impedir máis logo un espólio progresivo.

Requisaráse, pra unha pretensa "ayuda a las víctimas de la guerra" -da banda fascista, craro é- toda a filigrana de prata compostelán do século XVIII contida nunha das vitrinas do Museu Etnográfico de Galiza creado no seo do SEG, primeiro museo galego desa caste na nosa historia, e que contaba con valiosísimos materiais, desde pezas arqueolóxicas deica de artesanato urbán -e mesmamente esceicionais coleccións de prateiría compostelán e padronesa.

Tampouco logra don Xesús manter incólume a biblioteca do Seminario, que xa nos primeiros anos trinta sobardara os cinco mil volumes, sen contarmos folletos, revistas e material documental e bibliográfico: até foron parar libros dese fondo a man de 'chicos' do SEU, ágrafos e analfabetos -cando menos en galego- todos iles, por vocación e principios ideolóxicos, amén de estulticie. Algúns son hoxe secretarios generales, gobernadores civiles et allia na transparente democracia española actual.

Outro tanto aconteceu coa colección de Arte Moderno Ga- lego, nutrida en boa medida das aportacións dos proprios artistas plásticos que eran membros numerarios do Seminario, e doaban unha obra como aportación de ingreso na institución: a maioría das pezas desa colección están hoxe en "ignorado paradero", ou non descoñecido pro obxeto de apropiación privada, como no caso da famosa escultura de Eiroa tiduada 'Nai', que estaba considerada como a peza escultórica máis importante do chamado 'movemento anovador' da arte galega, que como tal presidía a entrada do recinto do SEG, e que andando o tempo sería mercada pra sí por Álvaro Gil, sen que nunca se obtivese dil o nome do vendedor.

De aí en diante, o Seminario carecerá de actividade deica a súa definitiva desaparición. Carro non pode facer apenas outra cousa ca contestar algunha correspondencia que segue a chegar, e repregarse, trincheira após trincheira, na defensa medúlica do tesouro cultural que a sede do SEG acobilla. Pro no 1940 comenza o asalto definitivo ao Seminario. O nove de abril dese ano, o reitor-títere da universidade, Ruiz del Castillo, chama ao seu despacho a don Xesús Carro, don Paulino Pedret e, presumíbelmente, Otero Pedrayo que, segundo testemuña de don Paulino, tería escramado a seguida con desconsolo: "Hoxe enterramos o Seminario!".

Non é iste lugar nin ocasión pra pormenores: considérase ao SEG fóra da lei (por non renovación de cárregos e incumprimento do regulamento!), e propón Ruiz incorporalo á Universidade manténdose museu e biblioteca na sede do Seminario. Nin siquera isto se vai cumprir, e ao cabo esíxeselle a Carro a entrega das "cosas" do SEG. Don Xesús mantén a espranza de recuperar a institución e opónse ás esixencias reitorais. Inútilmente, craro é: trasládanse os libros en sacos, sen control nin reparo algún.

Carro non desespera. Aínda no 1941 escribirálle a Chamoso a Madrid (carta do 17-VI-41) en español por razóns imaxinábeis: "... he manifestado que no entregaría lo que aún resta del Seminario en tanto no se me oficie, en debida forma, el acto de la referida entrega. Ésta, además, será mediante inventario y haciéndose la Universidad responsable de todos los depósitos y compromisos que tiene y ha adquirido el Seminario". E engade: "Conjeturo que esta precipitación de la entrega del Seminario depende de que los enemigos del Seminario, al enterarse (de) que nos movíamos y que tratábamos de reanudar nuestras tareas, se nos adelantan y nos cortan el paso; porque su ideal es hacer morir esta Institución, que honraba a su Tierra. Nos odian todavía, porque se les demostraba que, sin necesidad de ellos, sabíamos trabajar. Conseguirán, no lo dudo, su anhelo. Así ya no tendrán envidia a nuestros trabajos y podrán descansar tranquilamente, panza arriba, como verdaderos zánganos".

Esactamente así foi -pro durante moito máis tempo do que seguramente o proprio don Xesús, mesmo lonxe de toda inxenuidade xa como se víu, podía imaxinar daquela. En boa medida, a situación aínda dura: quen traballan hoxe seria e comprometidamente a prol da cultura galega na ciencia, nas artes, no ensino, en calquer eido de criación cultural combativa, e que apoio reciben das institucións oficiais que destragan recursos en seudo-investigación suntuaria, en encher bandullos agradecidos de ineptos e filisteus, cando non poñen asedio de difamación e sabotaxe ao labor científico-cultural dos bós e xenerosos darestora? Que vixencia non segue a ter o modelo molierián do tartufo na escea da cultura oficial 'galaica' presente?

Hoxendía, ter unha praxe nacionalista a prol da cultura e a ciencia na Galiza séguese a pagar co ostracismo e a marxinación: o home bó coma o pan que foi en vida don Xesús Carro non podía imaxinar tan longa duración e sofisticadas metamorfoses prá aberrante obstinación represiva que il vira padecer ás auténticas elites coas que il solidariamente traballara e que tan verdadeiramente ademiraba e amaba.

"Quen non se sacrifica pola súa Terra é un malfadado e un verdadeiro lacazán" escribíalle Carro a Seoane en xaneiro do cincuenta e nove. Moito me temo, señores académicos, que esta tosca pro elocuente sentencia de don Xesús Carro, o meu a un tempo humilde e egrexio devanceiro na posesión deste escano olímpico, teña hoxe en Galiza, e maiormente na Galiza da cultura e a política oficiais e institucionais, unha vixencia máis xeral ca esceicional. Que neses eidos, empregando unha lúcida espresión dun vello amigo de meu, sexan moitos máis os que viven de Galiza, do que os que viven pra Galiza -e non temo, créanme, señores, desafiar ao testo evanxélico en ser eu o primeiro que ouse guindar esta pedra pra que caia alí onde as deidades celtas dos meus antergos e Pondal decidan que deba caír, na testa que o mereza.

Compostela, primavera do 1986

24 jul 2015 / 22:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito