Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ al sur }

Filgueira, si

    O catálogo da Biblioteca da USC ten 721 entradas se un teclea "Filgueira Valverde", un pontevedrés universal envolto nunha cronoloxía redonda: 1906-1996. Neses centos de títulos hai, ademais dos seus traballos, escritos doutros intelectuais e profesores que escriben sobre el. Así e todo, ninguén poderá negar que escribiu arreo ao longo da súa vida. Coido que o primeiro traballo que lle lin foi sobre San Ero de Armenteira, pertencente a unha das Cantigas de Santa María, que Filgueira publicou na Revista Nós, tema ao que dedicou a súa tese. Escoitei dos seus beizos moitas pezas sobre literatura, arte, historia, pensamento, música. Era, máis que un erudito, un apaixonado de Galicia. Por iso moitos dos cargos que desempeñou foron para promocionar a educación e cultura: dende a época do Seminario de Estudos Galegos ata a presidencia do Consello da Cultura Galega, pasando polo seu (e o meu) Instituto Sánchez Cantón, o Museo de Pontevedra ou a Consellería de Cultura da man do presidente Albor.

    Coincidía con el cada 17 de agosto na misa de Bóveda, na capela do cemiterio de Pontevedra. Non fallou ningún ano. Pouco antes do seu pasamento, asistín a súa investidura como Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo. Foi a nosa despedida. Mais un humanista como Filgueira non morre nunca. Quedan as súa obras, o seu amor a nosa terra. Por iso, felicito a Real Academia Galega por dedicar o Día das Letras do 2015 ao prof. Filgueira Valverde. É un acto de xustiza que prestixia á institución. ¡Filgueira, si!

    Catedrático de Filosofía

    13 jul 2014 / 19:06
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito