Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 21 septiembre 2021
02:02
h
de aquí y de allá

Filgueira, sí

    A MIN, a verdade, o lerio e aínda escándalo farisaico co gallo do nomeamento -xa ía sendo hora- da inesquecible figura de José Fernando Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas vindeiro, faime lembrar a actitude de cerrazón mental dos que lle negaron o pan e mais o sal como catalán a Eugenio d´Ors no seu día polo feito de non ter a súa escrita enteira na lingua catalá, tan respectable como a nosa, ou na dos que lle negan a Wenceslao Fernández Florez o recoñecemento da condición de escritor galego polo feito -din- de ter pouca obra en galego. Non é mesmamente o caso de Filgueira -a ver cantos poden amosar a cantidade e a calidade das súas obras en galego-, pero a actitude sectaria e partidista dos que rachan as súas vestiduras supostamente galegas e ousan chamarlle fascista a Filgueira porque foi alcalde de Pontevedra -e ben que o fixo- baixo Franco, lévame a poñer ao mesmo nivel a uns e outros.

    Marcelino Agís, catedrático da Universidade de Santiago, lembrou nestas páxinas, baixo o título Filgueira, si, que eu asumo, algúns dos moitísimos méritos lingüísticos, literarios, como investigador e aínda como persoa dunha grande humanidade, de quen a miña Universidade de Vigo, nomeu doutor honoris causa pouco antes do seu pasamento. O profesor Agís, que estivo connosco nese solemne acto, láiase de que foi "a nosa despedida" -del e do profesor galeguista-. Eu, que tiven a honra de ser membro da cátedra Filgueira Valverde da miña Universidade, gábome da presencia desta e doutras testemuñas que mesmo ousan publicamente felicitar á Real Academia Galega por adicar o vindeiro Día das Letras Galegas a quen fora un dos máis prolíficos e agarimosos defensores da nosa lingua nai. Si, hai que berralo ben alto, trátase "dun acto de xustiza que prestixia a institución". Así o vexo eu tamén.

    Catedrático de Periodismo

    14 jul 2014 / 20:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito