Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
tribuna libre

Filgueira Valverde

    O NOMEAMENTO de Filgueira Valverde para ser homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2015 está a ser cuestionado polos mesmos de sempre, eses que se arrogaron a patente galeguista sen que ninguén lles dera ou cedera tal cousa. Estes que agora o están denigrando son os mesmos ou seguidores daqueles que montaron un vergoñento espectáculo o día do traslado dos restos de Castelao a Santo Domingo de Bonaval. E agora están denigrando a alguén que precisamente destacou polo seu galeguismo e moitas cousas máis no eido da cultura galega, con achegas moi importantes.

    Alá pola primeira metade dos anos 1950 estudaba eu no Instituto de Ensinanza Media de Pontevedra, onde D. José Fernando era director e catedrático de Literatura Española e Universal. Endexamais lle oín ningunha proclama ou comentario político sobre o réxime franquista. O del era a ensinanza, e o Museo de Pontevedra, do que foi fundador. Lémbrome dunha das súas clases na que desenvolveu o Corán como figura literaria. Nese mesmo Instituto era catedrático de Latín D. Aquilino Iglesia Alvariño. Estas dúas persoas e outras foron determinantes na miña formación, e cítoas sempre no meu currículo.

    Cando foi alcalde de Pontevedra, unha das súas teimas foi coidar a parte vella de cidade, salvándoa das agresións urbanísticas, que lle serviu o actual alcalde para mellorar e humanizar esa zona, inda que agora é un dos que arremete conta el.

    ¿Que representatividade teñen estes da Mesa para a Normalización Lingüística? ¿Por quen foron elixidos na nosa terra para dicir o que está ben e o que está mal? E os bloqueiros que se arrogan a esencia do galeguismo, ¿quen lles dou a representatividade da cultura galega? Se non fora de mala educación, repetiría aquí a frase que fixo célebre ese gran actor que foi F. Fernán Gómez.

    Menos mal que saíron voces coma o editorial de EL CORREO GALLEGO e o articulo no mesmo periódico "Lendas Urbanas, inquinas e tibieza", de Caetano Díaz, que veñen a poñer as cousas no seu lugar. Non como a actitude do presidente da Real Academia Galega, con esa covarde e vergoñenta nota para aclarar o seu propio voto, que o debería levar a presentar a súa dimisión, pois non representa na RAG a diversidade do pobo galego. Ao mesmo tempo que lle dou gracias ós que apoiaron a candidatura do profesor Filgueira Valverde.

    Analista financiero

    16 jul 2014 / 21:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito