Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fin de semana gastronómica e musical en Boqueixón

Boqueixón recendeu durante toda a fin de semana a castañas, chocolate, bacallau, empanada e outras exquisiteces que se encargaron de elaborar seis establecementos da zona. E é que tivo lugar o gran arranque da oitava edición do concurso de tapas Que rico estás Boqueixón.

Durante os pasados venres, sábado e domingo os locais participantes ofreceron os seus petiscos en horario de 12.00 a 15.00 horas e de 21.00 a 23.30. En concreto, o bar-restaurante O Imprevisto presentou unha Tosta de brandada de bacallau con hummus de garavanzo e millo torrado con pasas de Corinto; o Bar O Záramo deu a degustar dúas distintas: ¡Bim, bam, bum! e Lambonada de castaña e chocolate. Pola súa parte, Casa de Xantar Casa Castro elaborou o petisco chamado Sabores da outonía; Vente Vindo preparou a Richada soleada e a Tosta do Bo-Queixón. Por último, a cervexería O Vikingo participou cos Bocadiños de alcachofa e roliños de espinaca; e Vía da Prata con Empanada de zamburiñas e mostra e a elaboración De pinchos na punta do Pico.

Veciños e visitantes animáronse a probar estas tapas doces e salgadas, que poderán degustarse de novo o vindeiro venres 26, sábado 30 e domingo 1 de decembro.

As xornadas gastronómicas estiveron ademais acompañadas de cantos de taberna de cinco agrupacións musicais do municipio que percorreron os establecementos. Son de Gaita actuou o venres e o sábado; As Pandereteiras de Codeso amenizaron a ruta de tapas o venres e Re-Voltas actuou onte. A próxima fin de semana tocaralle o turno a Os Brañas de Lamas e Muxicas da Silveira.

Por certo que os partipantes poderán optar a dous premios: un de 180 euros e un vale de 120 € para canxear por unha comida ou cea no establecemento gañador. Das votacións do público sairán as propostas gañadoras.

24 nov 2019 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito