Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fóra eucaliptos en máis de 500 hectáreas

Verdegaia pechou a campaña das brigadas de limpeza de montes deste ano// Foron nove meses nos que 350 voluntarios sacaron especies invasoras

Pouco máis de medio ano, 350 brigadistas voluntarios e 533 hectáreas é o balance que fai a asociación ecoloxista Verdegaia da súa campaña de deseucaliptización dos montes galegos.

A iniciativa, que da boa conta da sensibilidade que levou a que deseucaliptización foxe elexida como palabra do ano na votación organizada este ano pola RAG, botaba a andar no mes de abril, na área conservada pola comunidade veciñal de Froxán, no concello coruñés de Lousame -a primeira no país recoñecida con esta figura de protección das Nacións Unidas, explica Verdegaia-. Nacía deste xeito unha iniciativa de voluntariado ambiental, impulsada por esta ascociación ecoloxista da man de numerosos colectivos e comunidades de montes a nivel local, co obxectivo de recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización nos montes galegos.

Deste xeito, 533 hectáreas foron incorporadas a esta iniciativa en oito concellos das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, incluíndo parcelas de titularidade municipal de Corcubión, montes veciñais de Lousame, Dodro, Cotobade, Ponteareas e Pazos de Borbén, así como parcelas de propietarios individuais no Ribeiro. Os 350 brigadistas repartíronse en grupos de arredor de 50 persoas para traballar de balde nos montes para mantelos con boa saúde, protexidos do lume e libres de especies invasoras. Porque non só se orientaban a eliminar eucaliptos, senón tamén outras invasoras como as acacias, por exemplo as mimosas, que inzan extensas zonas de alto valor natural, paisaxístico ou patrimonial.

A campaña do 2018 finalizou o 8 de decembro, de novo no lugar onde comezou todo, Froxán. Desta volta, eliminaron eucalipto nun hábitat comunitario de interese prioritario de queirogal húmido asentado nunha zona húmida. Tal e como explica Verdegaia, a intervención estivo baseada nunha guía de adaptación ao cambio climático do Minsiterio de Transición Ecolóxica para rexións vulnerables. Ao finalizar, tradicional xantar de albaroque e despedida ata xaneiro, cando farán a limpeza de Amoedo, en Pazos de Borbén.

29 dic 2018 / 22:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito