Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
galicia natural

Fraga de Catasós, en terra de pazos e catiñeiros

Trátase dunha pequena área de bosque caducifolio autóctono na que se encontran algúns dos castiñeiros máis altos de Galicia.

    Encóntrase situada ó noreste da provincia de Pontevedra, na parroquia que leva o mesmo nome e pertencente ó Concello de Lalín. Tamén se coñece co nome de Carballeira ou Souto de Quiroga. Trátase dunha pequena área de bosque caducifolio autóctono, aínda que de gran singularidade e beleza, na que se encontran algúns dos castiñeiros máis altos de Galicia. Foi declarada Monumento Natural pola Xunta de Galicia despois de que a mediados do século pasado a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, reclamara a protección deste espazo singular.

    A Fraga de Catasós constitúe un interesante bosque mixto de carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa). Os exemplares desta última especie arbórea atópanse entre os de maior porte e tamaño de Europa,  chegando a alcanzar alturas de ata 30 metros e máis de 5 de perímetro na base, o que lle confire a este núcleo da especie un alto interese científico. Os exemplares que forman parte deste espazo natural galego, e a fraga no seu conxunto, están incluidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

    Outros valores naturais destacablesdesta zona do Concello de Lalín son a presenza do narciso (Narcissus cyclamineus), endémico de Galicia e norte de Portugal, e da vacaloura (Lucanus cervus). Ámbalas dúas especies están recollidas no anexo II da Directiva Hábitats e considéranse vulnerables en Galicia. A igrexa parroquial de Catasós, levantada sobre as ruínas da anterior a finais do século XVIII e cun retábulo datado no século XVI, ou o pazo de Donfreán, próximo á Fraga de Catasós e ata o que se pode chegar a través dun sendeiro que discorre polo medio do Monumento Natural, son algúns dos lugares que non se poden deixar de visitar cando se chega ata este  singular espazo natural lalinense.

    Ver: ademais da Fraga, protagonista deste espazo, a pouca distancia de Catasós atópase a capital municipal, Lalín. Na vila existen numerosos lugares ós que acudir para coñecer a súa historia e as súas xentes como o Museo Municipal Ramón Mª Aller, que ocupa a antiga casa do astrónomo e fillo ilustre de Lalín que lle da nome e que alberga obras do pintor Manuel Otero Abeledo "Laxeiro", o Museo Etnográfico Casa do Patrón, na parroquia de Doade, que nos permite coñecer o pasado do concello e da comunidade galega en xeral, como unha homenaxe ós nosos antergos, ou o Museo da Paisaxe, nas parroquias de Mouriscade, Zobra e Doade. Ademais, este municipio conta con outros espazos naturais de singular beleza como as carballeiras de Barcia, Vilatuxe ou Donramiro ou a Serra do Candán.

    Chegar: a parroquia de Catasós sitúase na estrada N-525, a escasos quilómetros do centro urbán do concello de Lalín en dirección Ourense. Ademais, conta cunha saída cercana da autopista Santiago-Lalín-Ourense.

    Comer: as principais protagonistas da cociña lalinense nestas datas son as carnes de terneira á grella. Numerosos restaurantes da zona fan deste prato o auténtico reclamo das súas cartas. Sen embargo, para o viaxeiro que acuda en outono e inverno, o Cocido de Lalín é o prato máis representativo desta terra, ó que incluso se lle adica unha gran festa no mes de febreiro. As carnes, as excelentes patacas e legumes, o polbo ou o pan son algún dos “representantes” da cociña lalinense, xunto con postres tan típicos como as filloas, ourellas, leite frita ou o queixo con marmelo.

    Aloxamento: a nosa recomendación son as casas de turismo rural da zona, como as de Celsa e  Trigueira, na parroquia de Zobra, a de Vixide, en Anseán, ou o Pazo de Bendoiro, na parroquia do mesmo nome situado a carón da N-525, un pazo do século XVI recuperado para o turismo rural.

     

    23 may 2010 / 18:40
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito