Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Investigador e profesor titular de Historia da USC

Francisco Javier González García: “A orixe centroeuropea dos celtas xa non está tan clara”

{ A Coruña, 1964} Francisco Javier González García, doutor, profesor titular do Departamento de Historia da Universidade de Santiago (USC) e investigador, foi investigador posdoutoral invitado en Nanterre-París X.

Toda sociedade ten varias historias e toda nación necesita ter cando menos unha historia?
As varias historias dunha sociedade débense á súa falta de homoxeneidade ideolóxica, social, etc., por iso existen historiografías conservadoras, marxistas, feministas... Cada presente ten a súa propia aproximación ao pasado, o que fai que as distintas explicacións históricas que se producen en cada momento estean chamadas a ser revisadas cando cambia a sociedade. En canto á relación entre nación e a historia, todos os estados e nacións, desde a súa xénese no século XIX, necesitan un relato sobre o pasado que ofreza a explicación oficial da orixe nacional, a súa xenealoxía, e que se constitúa nun elemento fundamental da ideoloxía nacional.

De onde viñan e a onde chegaron os celtas na península?
Esta é, a día de hoxe e especialmente no cronolóxico, unha pregunta sen resposta. Cando a arqueoloxía era o elemento fundamental, os celtas eran poboacións centroeuropeas cunha cultura material tipo Hallstatt ou La Téne que, ao longo da Idade de Ferro, desprazáronse polo centro e oeste de Europa, penetrando tamén na península Ibérica ata o extremo occidente. Actualmente o material arqueolóxico xa non é fundamental para “certificar” a celticidade dun territorio e ao mesmo tempo foi gañando importancia outro tipo de documentación, como a lingüística. En consecuencia, a orixe centroeuropea e a vinculación coa Idade de Ferro xa non parecen tan claras, abríndose a posibilidade dunha orixe atlántica que quizais xa se poida rastrexar desde a Idade de Bronce.

Por que o celtismo foi utilizado como argumento das reivindicacións nacionalistas en Galicia?
Por esa necesidade, propia do historicismo do século XIX, de explicar historicamente o pasado, dotando a Galicia dun discurso sobre a orixe do seu carácter diferente dentro da península (lingua, cultura, etc) que xustificase as súas reivindicacións. O recurso aos celtas permitía facer retroceder a un pasado moi remoto a diferenza, pois xa desde a Prehistoria Galicia era distinta ao resto de España.

Manuel Murguía formula o celtismo como rasgo diferenciado de Galicia dende unha perspectiva racial superior dos pobos arios sobre os pobos semíticos ?
Si, efectivamente. Murguía creou ese discurso sobre os celtas que pasou a ser asumido polo nacionalismo galego de inicios do século XX. A diferenza de Galicia con respecto ao resto de España radicaba, na súa opinión, no seu carácter racial ario, ao non ser colonizada polos fenicios na Antigüidade nin conquistada e integrada polos árabes dentro de Al-Andalus, acontecementos históricos responsables da semitización do centro, levante e sur da península. É un argumento que, así expresado, resulta hoxe en día moi duro pero a verdade é que a ciencia e a sociedade do século XIX eran terriblemente racistas, existindo discursos similares tanto noutras zonas de España como de Europa.

O relato nacional católico que intenta construír Vicente Risco sobre o suposto ser Galicia está próximo ao nazismo alemán?
A pregunta, así exposta, resulta un pouco confusa e, por iso, perigosa. Explícome. Entre o nacionalismo de Risco e o nacionalsocialismo hai elementos en común, froito da orixe última do nacionalismo romántico europeo: o gusto polo pasado, a recuperación dunhas tradicións folclóricas e populares que conservan a esencia do pobo e da nación, etc. Trazos que forman parte do que, en alemán, se coñece como völkisch. Xunto con este acompañamento tamén está o racismo e o antisemitismo que ambos comparten, así como o influxo dos movementos esotéricos, plasmados, no caso do Risco máis novo, na súa vinculación coa revista La Centuria. Pero tamén hai elementos que non teñen nada que ver. Por exemplo, o peso do catolicismo na ideoloxía de Risco é un trazo ausente do nacionalsocialismo para quen o cristianismo era un dos elementos responsables da desnaturalización racial de Alemaña por ter substituído á primitiva relixión orixinal dos xermanos.

A creación en pleno franquismo (1944) do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, ten como obxectivo a conservación do celtismo como argumento histórico?
Non foi o obxectivo fundamental pero si un dos seus logros. A idea era salvar gran parte da actividade desenvolvida antes de 1936 polo Seminario de Estudos Galegos, responsable da introdución en Galicia duns estándares científicos similares aos do resto de Europa e da España, pero abandonando o compoñente de reivindicación política implícito na actividade do Seminario. Por iso o Instituto Padre Sarmiento naceu baixo o control do réxime do xeneral Franco integrado no CSIC, encargado nesa época de supervisar a ortodoxia ideolóxica da ciencia. O celtismo do Seminario sobreviviu dentro do Padre Sarmiento ata a década de 1970, momento en que, curiosamente, comezou a ser criticado desde esa mesma institución.

Liberado da carga ideolóxica, que hai do celtismo galego?
Hai un problema histórico que, para ser resolto, precisa saber cales foron as características da poboación céltica do cuadrante noroeste da península. Como, cando e por que aparecen poboacións da lingua e tradición cultural céltica nesta área, como era a súa lingua, a súa relixión, como se fusionaron cos restantes poboadores da zona, cal foi o seu papel na configuración dese fenómeno arqueolóxico que se denominou cultura castrexa, etc.

Que importancia ten a Idade de Ferro na constatación dunha Galicia con presencia céltica?
Fundamental, pois a Idade de Ferro, entre o 800 a. C. e a conquista romana no caso de Galicia, é o período cronolóxico de desenvolvemento básico das culturas celtas europeas prehistóricas, se ben poden, en tanto que procesos históricos, afundir as súas raíces en periodos anteriores, como o Bronce Final.

APUNTAMENTOS PARA UN GLOSARIO

PLAN BOLOÑA “Correcto, como proceso de homoxeneización e converxencia dos estudos universitarios en Europa. Mal, como “etiqueta” dos cambios que se implantaron na universidade: mercantilización, incremento da burocratización, financiamento segundo rendementos, etc.”.

UNIVERSIDADE “Necesaria e mellorable. Urxe expor que modelo de universidade pública queremos e como enfocamos a súa actividade baixo criterios educativos e científicos e non só ás demandas do mercado”.

PROFESORADO “Fundamental, á marxe de reformas e políticas educativas: bos profesores con malos plans de estudo poden facer unha universidade digna, pero á inversa é imposible. A docencia ten que ser reforzada, pois é a razón de ser do profesor”.

ALUMNO“Mellorable, como o ten sido desde sempre. É moi fácil cargar contra el cando o problema radica nun sistema educativo que falla desde a base”.

INVESTIGACIÓN“Baixo mínimos. Hai que incrementar o investimento en I+D para non tirar pola borda o esforzo das últimas tres décadas. Non facelo é condenar ao fracaso ao país, a súa economía, a súa cultura”.

03 jul 2016 / 20:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito