Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Á BEIRA DO SAR

Frankenstein

    POR deformación profesional ou por vicio (vén sendo o mesmo), sempre estou atento ao metaforismo tremendista da linguaxe pública, sobre todo da política: "Frankenstein" é como se lle di ao goberno horribilis que seica pode armar Pedro Sánchez. Foi o finado de Rubalcaba o primeiro que guindou este monstrónimo, que despois herdaron non poucos politólogos, tanto de palacio coma de palleiro.

    Desde logo, as posibilidades alegóricas de Frankenstein son moitas. Todos os elementos estruturais da famosa novela de Mary Shelley resultan aproveitables. O que pasa é que co- mo os politólogos non len literatura gótica, a súa ins-piración de fotograma re- duce a imaxe de Frankenstein só a un horror cefálico de xeometrías e tornillos. Máis ou menos coma o goberno que quere enfeixar Sánchez (a quen, falando de tornillos, ás veces parece que lle falta algún).

    Pero en puridade argumental (no relato de Shelley) Sánchez no fondo é un bo rapaz, porque fai o papel de Víctor F, que traballa con ilusión no seu laboratorio de química en favor do progreso da humanidade, pero fállalle o experimento. Víctor F, buscando o "elixir da vida" crea un monstro; e Pedro Sánchez, buscando "mejorar la vida de la gente" crea a Pablo Iglesias.

    Ás veces as ambicións mellor intencionadas acaban en abismos. Víctor F parte da inocua alquimia de Cornelio Agrippa e Sánchez parte da inocente parvicie de Zapatero, pero ao final manda sempre un gran feo: o monstro, Iglesias. "Ti es o meu creador pero eu son o teu amo", dille (na novela) o monster ao pobre químico. "Ti es o presidente pero aquí mando eu", diralle o monstro Iglesias ao doutor Sánchez.

    Os nosos politólogos son moi reducionistas cando abusan da metasemia Frankenstein, porque a narrativa de Mary Shelley contén unha reserva de suxestións alegóricas moi didácticas e preventivas que aínda está sen explotar. En calquera momento o monster Iglesias pode planear, coma o seu conxénere gótico, a aniquilación da encantadora Elizabeth Lavenza, ou sexa Nadia Calviño; ou incluso o monstro vicepresidente podería (coma na novela) esixirlle ao infeliz presidente a creación dunha parella, un monstro feminino ministerial, ou sexa unha monstrua. Todo se andará.

    Metaforicamente Frankenstein dá moito de si nestes días en que a política se nos está poñendo moi gótica, e nin Sánchez nin nós podemos durmir tranquilos. Por certo, Victor F tamén perdeu o sono.

    Escritor

    06 dic 2019 / 22:41
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito