Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
epigrafe

De 'A frauta i-o garamelo'

    A atraínte vila de Noia rememora a Antón Avilés de Taramancos, un dos nosos máis brillantes poetas contemporáneos, nacido en 1935 naquelas terras da beiramar e en 1992 alá inhumado. A lembranza céntrase no cincuentenario da publicación do seu libro inicial, en sentido estricto, con once composicións poéticas titulado A frauta i-o garamelo, que seguiu á publicación de As moradías do vento, separata de sete poemas aparecidos na revista Atlántida, alá por mediados do século pasado. Daquel poemario alboral, teño dito que nos amosou un léxico traído elegantemente dos estratos máis puros da lingua popular, de forza anovadora e un poderoso dicir poético que nos ha ir levando dende o corazón da fala por todos e cada un dos seus versos memorabeis... Presenza da natureza, non como distante paisaxismo descritivo, senón como vivencia animada dos elementos do cosmos natural (o vento, os paxaros, a auga, o lume...) con solucións líricas fondamente persoais e imaxinativas, leve visión hilozoísta e brillantes instrumentacións sinestésicas e metafóricas. Estabamos diante das fontenlas orixinais de onde manaría a caudalosa corrente da súa poética futura. Ilustrárao o pintor coruñés Alexandro González Pascual. Fora impreso polo obradoiro gráfico de Moret, costeado por amigos e distribuído polo xornalista Jorge Víctor Sueiro. En memoranza de Sueiro quero lembrar tamén aquí que, grazas ao seu fervor literario, por aquelas datas no seu piso coruñés uns cantos amigos e amigas escoitaramos, nun disco que lle trouxeran ocultamente, unha lectura de poemas gravada por Pablo Neruda na súa propia voz.

    Pasarían, despois, moitos anos -corenta e un exactamente-- ata que, xa falecido Antón Avilés, na colección Libros de Frouma, de Follas Novas, se decidira publicar unha nova edición de A frauta i-o garamelo. Precedida dun excelente estudio introdutorio a cargo dos profesores Dolores Arxóns Álvarez e Xavier Castro Rodríguez, estivo ao coidado de Mª Teresa Monteagudo Cabaleiro. Fixeran posíbel, ademais, a realización do libro, como nel se fai constar, a viúva e fillos do poeta, Antonio García Vieites un seu amigo da mocidade que prestou un exemplar da edición príncipe, e o profesor, investigador e amigo Armando Requeixo polas súas valiosas achegas. Aínda faltaban tres anos para que a Real Academia Galega concordase dedicarlle o Día das Letras Galegas 2003.

    No que respecta á actual edición conmemorativa do cincuenta aniversario daquel primeiro poemario cómpre dicir que se lle debe á iniciativa do profesor Xavier Castro, director así mesmo da Casa da Gramática, co apoio económico da anterior Secretaria Xeral de Política Lingüística e a colaboración do Concello de Noia. A imprenta Grafinoia deu cabo a unha moi lograda publicación, cun interesante ensaio prologal do propio Xavier Castro sobre Poesía e Pintura. Avilés-Ulises-Lugrís, no que se expón a tensión creadora entre a escrita e a plástica, nunha referencia ao poeta Avilés e ao pintor Lugrís en converxencia co mito uliseico. As ilustracións, notábeis, corresponden ao poeta e pintor Baldo Ramos: "No proceso de creación, entendo a caligrafía como ponte entre o que lemos e o que vemos, entre a escritura e as imaxes".

    No recente acto de presentación na Casa da Cultura, que leva o nome do poeta, a mesa estaba composta polo poeta Manuel Álvarez Torneiro, que fixo unha emotiva e moi fermosa semblanza do poeta de Taramancos e do seu libro; Lino García, concelleiro de Educación; Xavier Castro; o pintor Baldo Ramos e Santiago Avilés Baquero en nome da familia. O vento era un soar de frauta por toda a ría.

    04 jul 2009 / 22:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito