Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Manoel Santos Coordinador de Greenpeace en Galicia

"Para frear a desfeita planetaria, cómpren mudanzas rápidas"

Conta que “durante unha década os movementos antiglobalización se artellaron, en procesos como o do Foro Social Mundial, para berrar que un outro mundo era posíbel -de aí o de altermundismo–. Había que darlle unha reviravolta a esta tolería á que chaman neoliberalismo, na que o libre mercado e o capital prevalecen sobre o social, o cultural, o político, o ambiental e, por tanto, sobre a vida mesma”.

Podemos dicir que Greenpeace está máis viva que nunca? Cambio climático, plásticos nos océanos e mares, bosques, a enerxía nuclear... Como é a súa loita?

Greenpeace nunca deixou de estar viva dende que nacera aló pola década dos 70 do século pasado. O que si é certo é que os estragos ambientais a nivel planetario non fixeron máis que medrar dende aquela, sempre por mor das actividades antrópicas que están a impactar sobre os ciclos e o equilibrio da natureza coma nunca antes na historia natural. Isto obriga a que a organización, e o ecoloxismo en xeral, se vexa na obriga de multiplicar a súa ­actividade, porque cada vez hai máis ­frontes abertas.

Hogano a loita de Greenpeace céntrase máis ca nada nas dúas principais ameazas que temos sobre a vida no planeta, a emerxencia climática e a perda de biodiversidade. Para iso traballamos en moitas direccións, dende a mobilización social e o voluntariado á investigación, a denuncia ou a incidencia política, pero sempre mantendo os nosos sinais de identidade, como as accións directas non violentas tendentes a chamar a atención sobre os problemas ambientais e a proposta de solucións para camiñarmos cara a un futuro verde e en paz.

Como podemos facer para que exista máis xente con conciencia medioambiental?

Teño a impresión de que estamos a vivir un certo repunte na conciencia ambiental de parte da cidadanía, se cadra porque a crise ecolóxica é cada vez máis nidia e a xente comeza a percibir que xa está a afectar ao seu xeito de vida e á natureza que lle rodea. Vaia, que non é unha invención catastrofista dos grupos ecoloxistas, como dicían -e din- os avogados do desenvolvementismo, senón que hai evidencias científicas e realidades moi visíbeis.

Porén, precisamos moita máis conciencia aínda, porque para frear a desfeita planetaria cómpren mudanzas rápidas e radicais no noso xeito de producir e consumir, ao cabo de vivir, e iso só podemos inducilo se existe unha xigantesca e contundente presión popular sobre os poderes políticos e económicos, para que se vexan na obriga de emprender eses imperiosos cambios.Por si sós non o van facer.

En que momentos se senten incomprendidos?

Non creo que sexamos uns incomprendidos. Coido que a meirande parte da xente, aínda aquela que ten intereses contrapostos aos do ecoloxismo, entende por que defendemos a saúde do planeta. Outra cousa é que na súa escala de valores, de ambicións ou mesmo de necesidades pesen máis outras cuestións, que poden bater de fronte contra a visión do ecoloxismo. Por exemplo, pechar centrais térmicas de carbón é urxentísimo, mais espétase coas afeccións ao emprego.

É 'militante ecoloxista'. Por que a etiqueta de 'militante'?

Cando falamos de militante referímonos sobre todo á participación e defensa activa dunha causa, neste caso o ecoloxismo, mais tamén á asunción persoal, na medida do posíbel, dun xeito de vida que procura un maior equilibrio coa natureza, cos procesos ecolóxicos e coas outras especies que habitan no planeta. Paradoxalmente se atendemos á etimoloxía do termo, se cadra non é o máis acaído, por canto ten unha orixe máis ben bélica, e o ­ecoloxismo está na antítese da violencia. Pero dun xeito ou ­doutro estamos mergulladas nunha batalla, iso non se pode negar.

Manoel, outro mundo segue a ser posible? Poden pensarse alternativas desde Galicia?

Un outro mundo é posíbel na medida en que máis e máis persoas tomen conciencia sobre todo de que existen uns límites planetarios e de que o insustentábel xeito de vida da poboación máis favorecida do planeta, a do norte global, ameaza a casa común e a propia existencia da humanidade. Nas nosas mans está que as mudanzas sexan de xeito planificado e consciente ou que acontezan de xeito traumático e convulso.

Neste último sentido, dende un ollar ambiental ben poderiamos dicir que en tomando conciencia os grandes poderes económico-financeiros dos límites ambientais do planeta, da escaseza cada día máis acentuada de recursos e xa que logo do seu encarecemento progresivo, camiñemos cara a posicionamentos que moitos dan en chamar ecofascistas. Refírome a que xurdan réximes no que unhas poucas persoas pretendan soster o seu xeito de vida acaparando recursos á conta de que a maioría non poida ter ­unha existencia minimamente digna. Fronte a isto existen alternativas que poñen a sustentabilidade ambiental no centro, e claro que se poden pensar dende calquera lugar do mundo, tamén Galicia. Ese é o gran desafío.

Vostede coñece moi ben ao señor Beiras e as diferentes correntes das mareas. Con quen se quedaría?

Eu coñecín ao Beiras no contexto dos movementos antiglobalización, que influíron moito na súa lectura do mundo e nas súas teses políticas despois. O que se deron en chamar as mareas, a nivel político e simplificando moito, coido que foron experiencias nas que unha parte da cidadanía que non ­acreditaba nos partidos clásicos existentes decidiu dar un paso adiante na esfera ­institucional. Houbo lecturas moi interesantes aí, moitas xurdidas dos rescuallos do 15-M e outros ­procesos sociais, e deron para que moitas persoas que non o fixeran antes cuestionaran o sistema e imaxinaran unha outra cousa, mesmo no eido ambiental. Pero non me corresponde a min nin decantarme nin ­xulgar se esas experiencias ­pagaron a pena ou non, se lograron os seus ­obxectivos ou se se ­deturparon no camiño.

Agora que Yolanda Díaz é ministra, cre que Galicia obterá melloras por parte do Estado?

A min gustaríame que tódolos deputados e deputadas en Cortes procedentes das circunscricións galegas -e das outras- traballasen a reo pola xustiza social e ambiental, porque non hai unha sen a outra. Se falamos do novo Goberno do Estado, no que Yolanda é ministra, eu pediríalle moita máis ambición na loita contra o cambio climático e a crise da biodiversidade. Hai moitas urxencias, como unha lei de cambio climático e transición enerxética, unha de mobilidade sostible, a actualización da lei de Costas, a aposta pola agroecoloxía e o freo á gandería industrial, a derrogación da lei mordaza... E lembremos que tamén temos unhas eleccións galegas moi importantes para o noso futuro.

Volvendo a Greenpeace, como está Galicia? Como biólogo que é, cre que os galegos preocupámonos da nosa terra? Ou somos preguizosos?

O pobo galego ten un longo historial no que se refire a grandes mobilizacións en defensa da terra, dende As Encrobas á nuclear de Xove, as loitas contra os plans acuícolas salvaxes, os verquidos na fosa atlántica, as mareas negras, a minaría especulativa e infindade delas máis. Non creo que sexamos un pobo preguizoso en absoluto nese eido. Agora, unha cousa son as reaccións diante de situacións conxunturais e outra en cuestións estruturais nas que non somos quen de dar resposta, dende a nefasta ordenación territorial ao pouco coidado que temos das nosas contornas. Acho que temos que avanzar moito máis aínda porque hai urxencias ambientais que necesitan contestacións contundentes por parte da cidadanía e o deterioro ambiental do país vai en aumento a tódolos niveis.

Hai quen di que Greenpeace é ­unha multinacional ecolóxica...

Na acepción na que se adoita empregar o termo multinacional por suposto que non o é, non é ­unha empresa que procura uns beneficios económicos para dar conta a un consello de administración. É unha organización sen ánimo de lucro, que ademáis é independente porque non acepta doazóns de empresas, partidos ou gobernos e que co apoio de millóns de socios e socias en todo o mundo loita por un mundo verde e en paz. O que si é, é unha organización internacional.

Cre que os últimos escándalos causaron a perda de credibilidade?

Eu non os definiría como escándalos. Greenpeace é unha organización que denuncia os grandes poderes e que loita por unha mudanza real no modelo produtivo e de consumo, para camiñar cara a un mundo máis sustentábel e xusto. E isto é incómodo para moitas empresas e grupos de poder, que loxicamente tentan difamar e atacar á organización. Algúns destes ataques á credibilidade da organización, que nunca foron demostrados, estiveron relacionados con supostas subvencións a Greenpeace. Asemade, as contas son públicas e auditadas de xeito externo para garantir a independencia.

E BIÓLOGO. Nado en Corrubedo, é biólogo especialista en ecosistemas e recursos ecolóxicos e produtor editorial. Considérase militante ecoloxista e altermundista. Ademais, é fundador e director de Altermundo, foi un dos promotores do Foro Social Galego e participa dos procesos do Foro Social Mundial e do Foro Mundial de Educación.

06 feb 2020 / 21:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito