Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
en Compostela

A Galicia máis viva marcha en defensa do galego: "O espírito de Manuel María está presente nesta manifestación", di Saleta

Coincidindo co Día dás Letras Galegas, a manifestación saíu pouco antes das 12,30 horas inmersa nun ambiente festivo // Miles de persoas toman as rúas para reivindicar a lingua e o legado das Irmandades da Fala

O lado máis reivindicativo deste día das letras Galegas adicado a Manuel María tivo como marco principal Santiago e as súas rúas. A Plataforma Queremos Galego foi a encargada de organizar unha manifestación que partiu dende a Alameda preto das 12:30 horas. Os convocantes portaron na cabeceira da manifestación unha pancarta co lema: "O idioma é a vida". Verso do homenaxeado este ano no Día dás Letras Galegas, coreando consignas como 'En Galicia, en galego'.Tras ela varios miles de persoas, entre eles ducias de representates dos estamentos políticos e sociais de Galicia.

O bo tempo e o ambiente festivo acompañou a marcha nunhas concorridas rúas de Compostela. A Cultura de Galicia homenaxeou así a un home comprometido coa súa terra e co seu idioma. Os manifestantes tamén defenderon olegado das Irmandades da Fala, en pleno centenario, e do poeta Manuel María en defensa do idioma, así como o dereito a vivir plenamente en lingua galega.

Alí puidéronse ver a representantes das entidades máis activas en defensa do idioma, portavoces políticos e sindicais como A Mesa, Erguer!, Galiza Nova; Bieito Lobeira, Ana Pontón ou Rubén Cela do BNG; Anxo Louzao e Suso Seixo da CIG, Antón Sánchez de Anova e mesmo o propio rexedor municipal, Martiño Noriega. Tamén estaba prevista a participación doutros representantes de EU.

En declaracións aos medios o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, valorou esta "xornada festiva e reivindicativa" nun contexto no que a lingua está "excluída da maioría de espazos" a pesar de ser "o elemento de identidade que define ao seu pobo", mentres o Goberno da Xunta caracterízase "por acción ou por omisión" por "atacar constantemente" este legado con medidas como o decreto do plurilingüismo.

Maceira advertiu que o goberno que saia das próximas eleccións autonómicas deberá impulsar "modificacións legais" que sitúen ao galego na mesma condición que o resto de idiomas e "comprometerse co Plan Xeral dá Lingua Galega", que inclúe actuacións "necesarias" para que o pobo "poida recuperar e reapropiarse" do seu sinal de identidade.

Entre elas, mencionou o desenvolvemento da CRTVG como axente de normalización, a derrogación do decreto do idioma, o respecto da toponimia en transportes e vías ou a garantía de atención por parte da administración galega e do Estado, entre outras.

"SETE ANOS NEGROS"

A portavoz do BNG, Ana Pontón, trasladou o "orgullo" de que o galego sexa "a carta de presentación ante o mundo", denunciando a "política de escrache" exercida por Alberto Núñez Feijóo a través de "sete anos negros" para a lingua nos que tentou "desafiuzar" o idioma do ensino.

Tamén instou a que o vindeiro martes o parlamento galego aprobe unha moción presentada polo BNG na que piden que o Goberno galego cumpra as recomendacións trasladadas polo Comité de Expertos e o Consello de Europa polo idioma.

Carlos Callón, expresidente da Mesa e candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, mostrouse feliz por celebrar o Día das Letras en recordo a "un activista pola a lingua" e "un nacionalista", como foi Manuel María, e animou a actuar para que "o inimigo público número uno" do idioma, en alusión ao presidente da Xunta, non trate "como leprosos" aos falantes do galego.

Así, denunciaron que segue habendo trabas na xustiza, na Policía Nacional, a Garda Civil, a Axencia Tributaria, o INSS ou a DXT, á vez que contrapuxo o traballo do BNG co dos 23 representantes escollidos nas pasadas Xerais que presentaron "unha iniciativa" vinculada co galego "en cinco meses. "Teríanme que cortar as mans para non presentar iniciativas constantes polo noso idioma".

Tamén presente na marcha, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, animou a lembrar que o galego "é algo que conecta coa memoria" e "unha ferramenta útil" que dá "razón de ser para estar no mundo", e pedindo estender a reivindicación do 17 de maio para "sacar a pasear a lingua ao longo do ano".

Por parte de Anova, Antón Sánchez reclamou manter a "autoestima" e "a dignidade como pobo" para deixar o "privilexio" de contar con este idioma "ás próximas xeracións", algo "fundamental" e "un reto enorme" ante as "dificultades" polo descenso de falantes pero ao mesmo tempo "coa esperanza" que achegan distintos segmentos da poboación que continúan impulsando iniciativas de revitalización cultural.

APOIO DE SALETA GOI

Tras saír da Alameda, a marcha partiu cara á Rúa Senra para pasar pola Praza de Galicia, ao son de tambores e consignas como 'Feijóo escoita a lingua non se toca'. Alí púidose ver a un grupo de mozos cun cartel de Ceivar coa lema 'Defender a lingua non é delito' e outro con 'Defendamos os dereitos dos presos independentistas'.

Abundantes imaxes de Manuel María e carteis con versos e frases do poeta evidenciaron a reivindicación do seu espírito e compromiso vital por parte da marcha, que continuou por Doutor Teixeiro para volver subir por O Hórreo e entrar no Casco Antigo da capital galega, circulando a través da Rúa Nova até chegar á Praza da Quintana sobre as 12:50.

Alí celebraron o acto central da xornada reivindicativa, coa presenza de Xurxo Souto e a actuación musical de Mini Mero, entre outras.

Ademais dun recital colectivo do poema 'A Fala' por parte de personalidades da cultura como Mercedes Peón, Xurxo Souto fixo lectura dunha carta de apoio remitida pola viúva de Manuel María, Saleta Goi, na que destacou que o poeta participou en todas as organizacións e protestas en defensa da lingua que podía, ademais de "catar nos seus versos" a defensa do idioma.

"O espírito de Manuel María está presente nesta manifestación", engadiu, para despois citar os versos 'o idioma é a luz, que ilumina o noso ser, renunciar á nosa linga e semellante a morrer'. Marcos Maceira, portavoz da plataforma, tomou a palabra para reivindicar a "presenza viva da voz e da palabra de Manuel María" e das Irmandades reclamando "o mesmo" que hoxe en día, a "plena presenza e dereito de uso" para a lingua galega.

"As Irmandades da Fala do século XXI somos nós", sinalou, insistindo en que esta acción "non é un capricho" e criticou a política do goberno da Xunta para reclamar o "dereito a vivir en galego". "A situación do galego non é irremediable, non somos un pobo condenado a desaparecer", destacou.

17 may 2016 / 12:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito