Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia reciclará ou reutilizará o 30% dos residuos xerados

medio natural novo modelo de tratamento do lixo o desenvolvemento do novo plan 2010-2020 suporá un investimento de máis de 500 millóns

O novo Plan de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, deseñado polo Goberno da Xunta e xa en fase de información pública, reducirá a produción de residuos, incrementará a súa reciclaxe e minimizará a vertedura final en depósitos controlados. Para acadar estes tres obxectivos prioritarios, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mobilizará un total de 502 millóns de euros e porá en marcha 10 liñas estratéxicas de actuación.

A contía específica dirixida a planificar a rede de infraestruturas alcanza o 410 millóns de euros. Destes, 351,5 irán destinados á creación da Sogama do Sur e de oito plantes de compostaxe, mentres que os restantes 59 millóns investiranse en mellorar a capacidade das plantas xa existentes. O novo Complexo de Tratamento de Residuos Urbanos do Sur, que terá unha capacidade para valorizar enerxeticamente 290.000 toneladas de residuos ó ano, levará a maior parte do investimento total en infraestruturas. A construcción das súas intalacións suporá un custo de 244,8 millóns de euros.

Dos tres grandes retos que contempla o novo plan, que se prevé que sexa aprobado no Parlamento galego a finais de ano, o que primeiramente se pretende facer é estabilizar a produción de lixo durante unha primeira fase e lograr que en 2020 a poboación galega produza un 10% menos respecto dos 1,2 millóns de toneladas que se xeran na actualidade.

En segundo lugar, búscase diminuír progresivamente os residuos que van parar a vertedoiros ata lograr que en 2015 o 100% do lixo que se xera en Galicia se trate correctamente. Isto supón que mentres na actualidade se leva a vertedoiros controlados o 53% dos RSU xerados, o obxectivo é reducir a porcentaxe ata o 24%, depositando só aqueles residuos que non poden ser valorizados, basicamente rexeitamentos non combustibles, cinzas e escouras procedentes da valorización.

O terceiro gran eixe da nova política de residuos da Xunta de Galicia será o incremento da reutilización e a reciclaxe dos residuos ata un 30% do total dos residuos sólidos xerados, fronte ao 10% actual. Este obxectivo lograrase mediante a valorización material do 25% da materia orgánica (fundamentalmente a través da compostaxe), o 60% do vidro, o 50% do papel e cartón e o 50% dos envases lixeiros.

Neste sentido, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, apuntou que a implicación da poboación galega é fundamental, xa que o que os cidadáns fagan nos seus fogares é o primeiro e fundamental paso para reutilizar e reciclar residuos. Por este motivo, a administración autonómica fará un especial esforzo por concienciar toda a sociedade e incrementar o coñecemento dos cidadáns respecto do sistema.

A chamada estratexia das tres R's (redución, reutilización, reciclaxe) complementarase coa valorización enerxética a través da actual planta de Sogama en Cerceda e o novo Complexo de Tratamento de Residuos Urbanos do Sur, destinada a xestionar a fracción de residuos que non pode ser absorbida polo Complexo Ambiental de Cerceda, tratando a maior parte dos residuos xerados no sur de Galicia.

Justo de Benito sinalou que os complexos do norte e do sur, xunto coa mellora e potenciación das plantas de tratamento existentes (Nostián, Barbanza e O Morrazo) e a construción de 8 novas plantas de compostaxe, así como o incremento da reciclaxe e da redución, permitirán que Galicia dispoña dun sistema de tratamento de RSU punteiro e un dos mais modernos de Europa. Lembrou que os sistemas complementarios de xestión de residuos urbanos son os que triunfan na Comunidade Europea, e explicou que os países que máis valorizan enerxeticamente son os que máis reciclan e os que menos cantidade de residuos elimina en vertedoiro, "e este é o camiño que está a seguir Galicia".

"A alternativa á valorización enerxética é seguir soterrando o lixo en vertedoiros, unha solución á que a Xunta se opón rotundamente", declarou. Apuntou que na actualidde Sogama leva o vertedoiro un 51 por cento dos residuos que non é capaz de tratar e Nostián o 66 por cento, unha situación que cualificou de insostible ambientalmente, e afirmou que é necesario desenvolver un plan ambicioso, realizable e respectuoso como medio ambiente para conseguir que estas cifras cambien radicalmente.

Claves

Compostaxe. Galicia disporá de oito novas plantas de compostaxe, que custarán 81,5 millóns de euros, ós que hai que sumarlle outros 11,4 para pequenas plantas de carácter local. En total, 92 millóns dirixidos a esta modalidade de reciclaxe que se emprega xa en Nostián e no Complexo Medioambiental do Barbanza e que en breve tamén funcionará na planta do Morrazo.

 

Punteiro. Cando o Plan de Xestión de Residuos Urbanos entre en funcionamento, Galicia contará cun dos sistemas de tratamento de RSU máis modernos de Europa.

 

Concesións. A Xunta prevé que o investimento en infraestruturas se realice polo sistema concesional, de xeito que as empresas que opten a prestar este servizo público terán que facerse cargo de custear a construción das infraestruturas. Este sistema non impedirá que a xestión directa a asuman as administracións locais.

22 jun 2010 / 01:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito