Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gallego Jorreto, o dignificador cultural

O conselleiro de Educación entregoulle o premio Celanova Casa dos Poetas ao arquitecto e urbanista// No acto houbo unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O arquitecto e urbanista Manuel Gallego Jorreto recibiu onte, de mans do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, o premio Celanova, Casa dos Poetas 2010, en recoñecemento á súa traxectoria profesional. Durante o acto, organizado e realizado pola Fundación Curros Enríquez e que se desenvolveu na Casa do Concello de Celanova, realizouse unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no XXXI cabodano do seu falecemento.

Na súa intervención o titular autonómico de Educación reafirmou "o compromiso da Consellería de Educación coa Fundación, organizadora" destes galardóns ao tempo que aproveitou para felicitar o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, "un galego que ten demostrado ao longo da súa traxectoria o seu amor e coñecemento do patrimonio cultural, a súa visión de futuro na propia obra creativa e, sobre todo, o compromiso con todo o que Galicia representa", segundo argumentou.

Vázquez destacou o labor de- senvolvido por Manuel Gallego Jorreto nos ámbitos específicos do deseño arquitectónico, no que xa ten abarcado desde os edificios administrativos e oficiais como os da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela) ata as vivendas unifamiliares localizadas nos concellos de Oleiros (A Coruña) e de Corrubedo (Ribeira).

Todo isto, lembrou, pasando polos espazos culturais e históricos como as casas de cultura de Valdoviño ou Chantada, ou o Museo de arte sacra da Colexiata de Santa María na Coruña, así como o centro cívico na rúa Colón de Ourense.


Traxectoria.
Co recoñecemento, segundo informou a Xunta nun comunicado, o galardoado viu recoñecido o seu traballo pola contribución á dignificación da cultura galega e de Galicia desde un ámbito tan importante como é o da arquitectura.

Durante o acto, Gallego Jorreto recibiu unha medalla de prata conmemorativa do galardón, que é obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, na que se realiza un alegato simbólico da figura dos tres grandes poetas de Celanova -Celso Emilio, de Manuel Curros Enríquez e Castor Elices-. Ademais entregóuselle un diploma acreditativo no que se recolle un fragmento da acta.

Antes da entrega dos presentes ao persoeiro premiado, os asistentes realizaron unha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro.

Nese momento, o presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Mouriño Villar, presentou o acto, no que tamén actuou a formación musical Haulodia, e o novo patrón da Fundación Curros Enríquez, Felipe Ferreiro, fixo unha emotiva lembranza do poeta e galeguista Celso Emilio Ferreiro, no XXXI cabodano do seu falecemento.


ASISTENCIAS
. Hai que indicar que na entrega do premio que organizou a Fundación Curros Enríquez, estiveron presentes, entre outras personalidades, o vicepresidente do Parlamento, José Manuel Baltar; o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director xeral de Promoción e Difusión da cultura, Francisco López Gutiérrez e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.

tendencias@elcorreogallego.es

 

 

05 sep 2010 / 22:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito