Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
sesión ordinaria

O Goberno local de Santiago aproba obras en rúas da cidade por 2,3 millóns de euros

Estas actuacións serán a segunda fase das obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade en Vista Alegre, o inicio da contratación das obras de reurbanización da rúa Carretas e a aprobación dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente

    O alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, fixo un repaso en rolda de prensa dos asuntos tratados na sesión ordinaria deste mércores, entre os que figurou a licitación da segunda fase das obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade en Vista Alegre, o inicio da contratación das obras de reurbanización da rúa Carretas e a aprobación dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a mellora da rúa Carreira do Conde. En total, estas tres actuacións suman un investimento de 2,3 millóns de euros.

    A Xunta de Goberno iniciou o procedemento de licitación da segunda fase das obras de mellora da accesibilidade e da mobilidade do barrio de Vista Alegre. Esta actuación sae a licitación por un importe de 1.015.867 euros e un prazo d execución de dez meses.

    O alcalde agarda que estas obras poidan comezar no mes de outubro. En relación á primeira fase, xa en marcha, apuntou que as obras "avanzan a bo ritmo e nestes momentos estase rematando a rede de saneamento e concluíndo as actas do protocolo de gretas das vivendas dos bloques, como paso previo para a demolición das terrazas". Estase traballando nas rúas Santa Uxía de Ribeira, Santa Comba e praza de Álvaro Cunqueiro. Logo pasarase ás rúas Boiro e Rianxo.

    Ademais da demolición das terrazas, entre as actuacións destaca a conexión do extremo norte da rúa Santa Comba coa rúa Bispo Diego Peláez mediante unha vía dun só sentido, que permitirá alixeirar o tráfico cara a rúa Noia no seu tramo norte. Nas vías de menor sección - Rianxo, Ribeira e tramo da rúa Noia de intersección coa avenida de Castelao- habilitarase un carril dun só sentido e dúas beirarrúas, resolto todo cunha pavimentación única e cun nivel único na procura de continuidade entre os distintos ámbitos.

    Reurbanización da rúa Carretas
    Agustín Hernández tamén comunicou o inicio do expediente de contratación da mellora da reurbanización da rúa Carretas, obra que ten un custo de 838.811 euros e un prazo de execución de cinco meses. "Esta actuación dá resposta a unha demanda veciñal encamiñada á peonalización da rúa, permitindo so o acceso a residentes e Policía Local", indicou.

    Recordou que esta intervención, aprobada por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, pretende "continuar coa reconfiguración do ámbito das rúas San Clemente, Trindade e Carretas". A previsión é que as obras poidan comezar en outubro.

    Mellora de Carreira do Conde
    A terceira obra á que se referiu o alcalde foi a de mellora da rúa Carreira do Conde. A tal fin asinarase un convenio entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

    O obxectivo desta intervención, segundo Agustín Hernández, é "a humanización e acondicionamento deste vieiro" que, na actualidade, ten severos problemas de accesibilidade cos desniveis e itinerarios escalonados". "Con este proxecto preténdese unha nova distribución de usos e a redución do espazo destinado ao tráfico rodado en favor do tráfico peonil, así como o aumento da superficie axardinada", explicou.

    Intervirase tamén na fonte existente e, xunto coa obra principal, haberá pequenas actuacións de reparación e mantemento das beirarrúas da avenida Xoán Carlos I que linden co parque da Alameda, consistentes nunha nova pavimentación e na mellora da accesibilidade. O orzamento desta obra será de 641.556 euros, dos que o concello achegará 129.417.

    Licenzas no ámbito do Perímetro Azul
    Noutra orde de cousas, o alcalde tamén se referiu á toma en consideración pola Xunta de Goberno dos criterios para determinar qué tipo de actuacións poden ser cualificadas como obras menores aos efectos da comunicación previa, concretamente nos edificios non catalogados incluídos no chamado Perímetro Azul, que rodea ó Casco Histórico. Estes criterios foron aprobados pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

    As obras que se poderán realizar como menores serán as acometidas, canalizacións, arquetas, pintado de fachada, conservación e mantemento de cubertas e a substitución de carpinterías exteriores. "Isto sen dúbida permitirá unha maior axilización dos trámites no Servizo de Licenzas posto que, unha vez presentada a comunicación previa para realizar estas obras, poderán dar comezo nun prazo de 15 días", dixo Agustín Hernández.

    Suspensión temporal das obras en Bonaval- A Almáciga
    A Xunta de Goberno autorizou a suspensión temporal das obras do corredor verde Bonaval-Almáciga (Fase II - Vía Verde). O alcalde aclarou que "esta suspensión prodúcese tras unha reunión coa Asociación de Veciños da Almáciga, pola cal se chegou ao acordo de manter as hortas actualmente plantadas ata o 15 de agosto para poder recoller os produtos. Esta petición conta coa conformidade do director da obra e do contratista". Este proxecto ten un orzamento de 143.120 euros.

    Dinamización comercial
    En materia de comercio, deuse conta da resolución da convocatoria de subvencións para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial. O importe total das axudas é de 45.000 euros, que se reparten do seguinte xeito:

    - Centro Comercial Aberto Compostela Monumental: 21.165 euros, para sinalización e dinamización comercial e para unhas xornadas de prevención de riscos laborais.
    - Fundación Santiago Centro, Área Comercial: 16.466 euros, para diferentes campañas comerciais e talleres para tendeiros ou asesoría xurídica.
    - Asociación de Empresarios e Profesionais de Conxo, Espert@ Conxo: 5.252 euros, para accións de ludoteca, páxina web e actuacións en locais baleiros.
    - Em Rede, Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca: 2.117 euros, para accións de mellora de ferramentas de traballo e promoción de incentivos para os compradores.

    Recollida de animais
    A Xunta de Goberno adxudicou tamén o servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes, por un importe de 44.758 euros e un prazo dun ano prorrogable. Lembrou o alcalde que este é un servizo que se presta en todo o termo municipal os 365 días do ano e as 24 horas do día.

    Unha vez recollidos os animais son levados ao Refuxio para proceder a identificar ao dono se ten microchip e, senón, permanecen no Refuxio. Dende o 2011 e ata o primeiro semestre deste ano, este servizo leva recollidos case 400 gatos e 926 cans nas rúa de Santiago

    Servizo de rozas e limpeza viaria
    Outra das adxudicacións da sesión foi a do servizo de roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viario, carreiros fluviais e parcelas municipais, por un importe de 230.000 euros e para os anos 2014 e 2015. "Con este contrato teremos unha empresa dedicada todo o ano a rozar as fincas, camiños e cuneta de todo o concello, encargándose tamén de limpar, recoloca re repoñer sinais ou carteis", explicou o alcalde.

    Fogos fin de festa
    Finalmente, Agustín Hernández aludiu á adxudicación do deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico do 31 de xullo das festas do Apóstolo. "Este ano, os eventos pirotécnicos do 24 e 31 de xullo contratáronse por separado co obxecto de dar máis opcións a empresas galegas para a presentación de ofertas de cara os fogos do 31 de xullo, que inciden mais no aspecto da pirotecnia", indicou. Unha empresa galega foi a adxudicataria dun concurso ao que se presentaron outras cinco firmas. O custo do espectáculo é de 23.449 euros.

    31 jul 2014 / 16:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito