Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

'Golfiño e os invasores', o agardado regreso dun clásico da BD galega

O personaxe creado por Fausto Isorna volve ao público da man de El Patito Editorial

    Santiago. Golfiño volve ás librarías galegas da man de El Patito Editorial co álbum Golfiño e os invasores, un regreso que conforta por igual os novos leitores e os vellos seareiros deste personaxe, que naceu un día da man do debuxante e deseñador Fausto Isorna.

    Golfiño tomou o seu nome da revista homónima, Golfiño, que, desde 2000, publicou Edicións Xerais, baixo a dirección de Miguel Vázquez Freire, con Isorna na dirección artística e Isabel Soto no secretariado da publicación. Inspirándose na cabeceira da revista, Isorna creou un golfiño antropomórfico, habitante dun misterioso país submarino, cuxa estranxeiría lle permitía artellar situacións paradoxais e humorísticas ao enfrontalo cos costumes humanos. Desde o primeiro momento, Golfiño é estranxeiro, un emigrante indocumentado, e vive de polisón nas fontes dos parques mentres busca traballiños para ir tirando, até que unha editorial o descobre e o converte en personaxe de cómic.

    Emigrante como é, Golfiño pasou logo á prensa, con periodicidade semanal, e protagonizou a serie por entregas Golfiño e os invasores, inacabada ao peche da revista en 2004. Agora, a civilización submarina de Golfinia regresa aos andeis de librarías e bibliotecas cos seus singulares personaxes, reunidos nun mesmo volume: Periquiña, Lombardini, Lolo Golfón, O Monicaco, Coloriños, O Axente Peláez e O Alcalde.

    Logo da súa presentación na Libraría Couceiro de Santiago, o pasado maio, e tras o seu paso polas feiras do libro de Lugo ou a Festa do Libro da Coruña, El Patito Editorial, con Gemma Sesar á fronte, traballa xa nun novo feixe de aventuras de Golfiño, unha das máis populares creacións da banda deseñada galega deste século.

    16 jun 2011 / 02:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito