Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
chega ‘donkey xote’

De ‘goomer’ a ‘nocturna’

Cada filme que encara Bren supón un reto tecnolóxico e creativo máis grande que o anterior n O enxeñoso fidalgo da Mancha pasa da obra de Cervantes a fluír en 3D cun orzamento de 12 millóns n A compañía galega quere conquistar Hollywood

Acabar un filme de animación debe ser semellante a ter un fillo. E os profesionais que os elaboran semellan pais e nais, pois non hai proxecto que culminen do que non se sintan especialmente satisfeitos. Isto é así para Bren desde que coa serie Goomer se encaramaban ó máis alto, tras recibir Filmax o seu primeiro Goya na gala de 2000 pola película do mesmo nome. Tras esta serie, cóntanos Alberto Neira, director de produción, chegaría O Cid (2003), que “foi como a nosa primeira película”. Aínda que era en 2D, “Bren tivo unha parte importante facendo escenas 3D de multitudes, pois é máis sinxelo que debuxalas”. Mesmo chegou ós cines de EEUU.

A continuación viría un salto cuántico: chegaba Pinocho 3000, “á que lle teño moito agarimo, porque a nosa achega foi moito maior, os fondos da película fixéronse aquí, animouse boa parte da película. Había coprodutores de Canadá e Francia. E foron dous Goyas consecutivos, un momento moi bonito”. E co de 2004, xa sumaban tres galardóns. Despois chegaría a película Gisaku, tamén en 2D, pero que gañou espectacularidade gracias ós planos desenvolvidos con ferrementas 3D. O seguinte paso foi Pérez, o ratito dos teus soños, “que nos deu unha grande alegría, non só polo Goya e o éxito de recadación, senón polo modo de traballo coa arxentina Patagonik e con Filmax Animation”.

Na actualidade, apunta Neira, “estamos con Nocturna, de feito xa case acabamos a nosa parte en 3D. É unha peli da que imos estar orgullosísimos, porque é sumamente creativa, e a obra de Filmax Animation que máis expectativas xerou no eido mundial”. En EEUU e Reino Unido xa están á espreita con este filme, que chegará ós cines este ano, con coprodución en Francia.
“E para rematar Donkey Xote, que será o noso gran fito. É dar un novo salto para nós, subir un chanzo máis. É a película máis complexa que fixemos, a máis ambiciosa, a máis cara. Repártese o protagonismo entre humanos e animais”. Alberto Neira sinala que se coproduce, entre outros, cun estudo italiano chamado Lumiq, que se encargará da posprodución e o renderizado. E o temón lévase desde Santiago de Compostela. Pero Bren non só é cine. Tamén fixo cortiniñas para a canle de Disney Channel, a TVG e publicidade, e traballou en planos concretos en películas con actores de carne e óso. “Hai un gran mercado no uso de técnicas 3D nas películas de imaxe real, e aínda que centrados na animación, como empresa de servizos temos que ir onde o mercado nos reclame”.

Porque xunto coa creatividade, Bren ten unha vantaxe: o prezo. “Nós temos un orzamento bastante medido. No caso de Pérez, os coprodutores eran arxentinos, alí os custos son máis baratos, e situouse sobre os tres millóns de euros, que é o que custa unha película media sen animación en España”. Se o comparamos con Stuart Little, película onde tamén interactúan ratos dixitais e actores reais, custou vinte ou trinta veces menos, cun resultado similar. Stuart Little custou uns 80 millóns de euros e Stuart Little2 uns 92. En Donkey Xote o orzamento anda polos 12 millóns de euros, Nocturna estará entre os oito e os dez... Bren tenta ofrecer calidade e prezo, algo que comezan a valorar os estudos de Hollywood. “Nós podemos facer por doce un filme polo que eles pagan 70”, alega, defendendo o “termo medio” que nace no cuartel de Área Central. Hoxe, son 80 as persoas que traballan na sede compostelá, organizadas en dúas quendas, pero cando o traballo aperta poden chegar a cen persoas e tres quendas. O seu perfil, segundo Neira, é variadísimo. “Hai xente con formación específica, desde licenciados en Belas Artes a enxeñeiros, informáticos, e autodidactas que fixeron carreiras que non teñen nada que ver, pero con formación paralela e moita vocación, acabaron como tresdeseiros (3Dseiros).

Segundo Jacques Isaac, director técnico, Bren conta cunha capacidade de almacenaxe en disco de dous terabytes –“temos que borrar cartafois e os correos a cotío”, di–, 35 estacións de traballo, tres servidores de ficheiros, unha granxa de renderizado de trinta máquinas, e para compoñer dous Mac. En canto a I+D, Bren desenvolve todo o preciso para saír dos atrancos e mellorar os resultados da animación 3D. O seu software de xestión propio SoftBren, que pronto será mellorado, permite utilizar internet para que cliente e produtoras vexan, en tempo real, o traballo realizado.



11 feb 2007 / 18:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito