Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gran nivel dos gañadores no Premio Literario Minerva

Xa se coñecen os gañadores do Premio Literario Minerva, organizado polo colexio Manuel Peleteiro. Así o primeiro posto na modalidade de Narración foi para Alba Guzmán Falcón, de 16 anos, alumna de 1º de Bacharelato do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, polo seu relato Vodas de prata. O 2º lugar recaeu en Iago Fraga Vilas, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do IES Ramón Cabanillas de Cambados, pola súa obra Meu home, eu quérote; e o 3º levouno Enma Combo García, de 17 anos, de 2ª de Bacharelato do colexio La Salle de Santiago, pola súa narración titulada Berros metálicos.

Nesta categoría houbo tres accésits, sendo o 1º para María Alejandra Barco Tojo, do IES de Arzúa, polo seu traballo O ollar de Libia ; o 2º para María Crespo Cutrín, do IES Lamas de Abade de Santiago, pola súa obra Infinita e o 3º para Alba Miranda Rial, do IES Nº1 de Ribeira, polo seu traballo Todo, para nada.

Na modalidade de poesía a gañadora foi Lara Hernández Iglesias, de 17 anos, que cursa 2º de Bacharelato no colexio M. Peleteiro, polo seu traballo Chamada de vida, enfermidade vencida en corpo de peregrina. O 2º lugar foi para Ana Fraile Somoza, de 17 anos, de 2º de Bacharelato do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, polo seu traballo Minervae e o 3º para Nee Barros Fernández, de 17 anos, de 2º de Bacharelato no IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, polo seu poema Nocturno, Impromptu e Disonancia.

Ademáis, houbo dous accésit, o 1º para Emilio Pulido Fraiz, do Colexio M. Peleteiro, pola súa obra Morte e vida no luar e o 2º para Miguel García-Miguel Diz, do Colexio IES Rosais 2 de Vigo, polo seu traballo Vaivén.

O xurado reuniuse o xoves 5 de marzo para ditar o fallo da edición número corenta e oito dos recoñecidos galardóns. O certame recolleu un total de 88 traballos dos alumnos de Bacharelato de Galicia. Con esta iniciativa trátase de contribuír ao fomento do uso da lingua no ámbito educativo e a impulsar a literatura entre os mozos.

Destacou a calidade das obras poéticas, o que semella garantir o futuro da poesía galega. Do mesmo xeito, quedou sorprendido da gran variedade, tanto nas temáticas coma no estilo, dos relatos. Considerou de xeito positivo a representatividade das diversas liñas creativas entre todas as obras presentadas, que abren un futuro esperanzador para as nosas letras. "Agardamos que, como xa vén sendo habitual, moitos destes mozos sexan recoñecidos nun futuro próximo no panorama literario galego, sumándose á ampla relación de autores hoxe consagrados que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Berta Dávila, Olga Novo...", sinalou a secretaria do certame e profesora do Colexio Teresa González da Silva.

Na modalidade de Narración os mebros do xurado foron Manuel Quintáns Suárez, Armando Requeixo Cuba, Carmen Ferreira Boo, Concepción Armas Quintá e Gregorio Ramos Penido.

Na categoría de Poesía o xurado estivo composto por Luís Alonso Girgado, Lorena Souto, Martiño Maseda Lozano, Xosé Luna Sanmartín, e Lourdes Castro Chorén.

06 mar 2020 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito