Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

"Gústame que sexa o lector quen decida o que quere crer"

Marina Mayoral publica 'O anxo da Eva', unha narración sobre o amor nas fronteiras do real

"O que me gusta é que sexa o lector o que decida o que quere crer. É a mesma postura que teño na vida. Todo é tan complexo que non se pode impoñer nada". Nese espazo sen dogmas é onde inscribe a escritora Marina Mayoral, a trama da novela O anxo de Eva, (Xerais, 2013) que onte presentou na Libraría Couceiro de Santiago.

Ese anxo do título -"a voz narrativa sempre se refire a el como ser alado"- vén xa de atrás, da nenez da autora en Mondoñedo. "Un día funlle bicar o anel ao bispo e regaloume a estampa dun anxo guapísimo, que protexía unha nena entre as súas ás". O mesmo anxo irrompera xa noutras achegas narrativas de Mayoral, como La sombra del ángel, e regresa agora para dialogar cunha mociña superdotada, Eva, que no transo dos 12 aos 13 anos asiste a un ronsel de anunciacións que lle franquean as portas á vivencia adulta do sexo. "Nas familias nas que hai nenas desa idade sempre parece que son máis pequenas do que en realidade son", afirma Marina Mayoral, que sitúa a familia protagonista desta historia nun auténtico campo de batalla sentimental. "Todos teñen unha vivencia distinta do amor", di a narradora, que contrapón a experiencia "egoísta e exclusivista do amor" coa experiencia da amizade. "O amor é dificil, a amizade non. Os amores sucédense e a amizade permanece. E nas miñas novelas, aquí tamén, sempre hai dúas amigas que poñen a súa amizade por riba de toda consideración, mesmo de carácter moral". Amigas que falan, pais, nais, irmáns, avoas, amantes todos, que, entre conversa e conversa, van erguendo este relato sobre o amor e a necesidade de comunicación nas fronteiras do real.

fperez@elcorreogallego.es

26 jun 2013 / 23:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito