Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xoán Antón Pérez-Lema, socio director de Pérez Lema Avogados e secretario xeral de Acouga

"Hai que antepor as persoas aos bancos, eléctricas e construtoras que integran o Estado na sombra"

{ A Coruña, 1966 }"No 2020 Galicia non pode seguer a perder competitividade", di este letrado, o que ocorre "dende que Feijóo chegou ao poder no 2009". En so catro anos desaparecían os bancos Pastor e Gallego, as caixas e producíanse excesos contra os que traballan desde un bufete con "moita especialización xurídica, empatía, capacidade de tomar decisións e de traballo en equipa". Xunto a él loitan, como David contra Goliath, Ana, Borxa, Carmen, Emilia, Ledicia e Susana. E gañan.

Acouga e vostede exercen a acusación particular ante a Audiencia Nacional polo Pastor-Popular-Santander. En que punto están?

Acouga, baixo a miña dirección letrada representa xa a varias ducias de consumidores e investidores minoristas galegos. Xa declararon os antigos presidentes do Popular Emilio Saracho e Ángel Ron, por certo dun xeito tan contraditorio que anuncia a responsabilidade penal evidente dos dous últimos consellos de administración da entidade. Inspectores do Banco de España presentaron en abril un informe pericial do que se tira que a contabilidade non reflectía a imaxe real do seu patrimonio e que a ampliación de capital de 2016 era totalmente insuficente para dotalo dun capital de manobra abondo. Agochaba unha elevadísima sobrevaloración de activos de valor reducido ou dubidoso.

Por que unha reclamación conxunta de indemnizacións?

As persoas que foron á ampliación de capital e mesmo os que mercaron nos meses posteriores, quizais ata a formulación das contas de 2016 en febreiro de 2017, haberían demandar polo civil, onde xa acadamos ducias de sentenzas favorábeis, entre elas catro das Audiencias galegas en apelación. Para os que adquiriron accións antes, no canxe do Pastor polo Popular na fusión no 2012, ou na ampliación de capital dese ano, non está aínda claro que unha acción civil poida ter un bo suceso. Velaí que propoñamos a actuación colectiva no procedemento penal de Madrid, de onde sairá un pronunciamento condenatorio aos xestores do antigo Popular que determine a responsabilidade civil do Santander na indemnización dos danos xerados aos accionistas.

Canta xente se adheriu?

Polo de agora son un cento, e a meirande parte son tamén accionistas da ampliación de capital de 2016. A respecto destes agardamos primeiro a que cobren o investimento de 2016 pola vía civil e despois unímolos aos xa presentados no xulgado de Madrid. Nuns dous anos poderemos falar duns cincocentos ou máis.

Recórdeme, por favor, o número de afectados en Galicia e España.

Non manexo números fiábeis. Pensemos que a emisión de bonos de fidelización emitidos no 2017 ao 1% do Santander en troques do capital investido en accións na ampliación de 2016 evitaron un bo número de reclamacións, valéndose da confianza que moitos consumidores mantiñan cos seus antigos xestores do Pastor, a maioría xa na rúa por mor do ERE actual. En calquera caso, milleiros de consumidores e pemes cun investimento moi elevado. A proporción galega sobre o total estatal sobardaría o 10 %, malia representarmos só o 5,5 %do PIB e 5,8% da poboación.

Por que foron malos os bonos?

Eran bonos trampa a sete anos, prorrogábeis a perpetuidade a vontade do Santander. A súa suscrición obrigaba a renunciar non só ás actuacións xudiciais pola ampliación de 2016, senón por calquera titularidade de acción do Popular.

E os cartos volatilizados?

Son 18.000 millones de euros en activos, tres billóns, con B de burro, das vellas pesetas.

Cal é o perfil desas persoas que perderon os seus cartos?

Sobrancea o consumidor, o aforrador. O Pastor era 'o Banco' para os galegos, como Caixa Galicia, Caixavigo ou Caixaourense eran, en cadanseu ámbito territorial, 'a Caixa'. Moitos destes aforradores viven de pequeñas pensións, que agardaban completar co seu pequeno paquete de accións. Tamén existen bastantes pequenos e medianos empresarios afectados. A moitos se lles condicionou o acceso ao crédito, o Pastor era o principal banco das pemes neste país.

Desde Acouga xa demostraron que se lle pode gañar á banca... e a Abanca. Como quedou o caso da reclamación polas cláusulas chan herdadas de tempos das caixas?

A sentenza ditouse en novembro de 2018 e xa é definitiva dende xaneiro. Por primeira vez na Galicia unha asociación de consumidores lle gañou unha demanda colectiva a un banco. Os 1.200 adheridos xa recuperaron 6 millóns de euros e faltan aínda ducias de persoas por cobrar. Nalgúns centos hai diferenzas entre o percebido e o realmente adebedado que estamos tentando resolver.

Por que foi un fito?

Constitúe polo de agora o preito de Dereito Privado que atinxiu a máis persoas e familias da historia xudicial de Galicia. Centralizamos todo nun único procedemento en Galicia e en galego pola nosa banda, tamén con centos de consumidores de fóra. Imaxinemos que, no canto desta demanda colectiva, os 1.200 adheridos tivesen que presentar demandas individuais.

En que máis andades no bufete?

En Pérez-Lema Avogados e Consultores mantemos un Departamento de Dereito Bancario e de Consumo con tres avogadas a tempo completo. Tramitamos centos de demandas de nulidade de cláusulas de chan, gastos, vencemento anticipado, tarxetas revolving con créditos automáticos suxeitos a xuros ilegais, abusos en consumo eléctrico, telecomunicacións, demandas por atrasos nos vóos...

E sobre as hipotecas IRPH?

Para Acouga mantemos unha demanda colectiva de gastos en trámite de dilixencias preliminares e estudamos a posibilidade dunha demanda colectiva polo IRPH se o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declara que as mesmas poden ser declaradas abusivas polos xuices estatais, como xa adiantou a Avogacía Xeral da UE.

E no mundo do transporte?

Traballamos coas patronais galegas do transporte de mercadorías Apetamcor e Fegatrans na preparación de reclamacións conxuntas por danos contra Autopistas del Atlántico polos curtes continuos e deficiencias do servizo por mor das obras da ponte de Rande entre febreiro de 2015 e xuño de 2018. Presentaremos varias ducias destas reclamacións antes da fin de 2019 e continuaremos no 2020.

Vostede representa tamén a u­nha das persoas investigadas polo suposto fraude na CEGde haidécadas... cómoacabará ese xuizo? Supoño que a Sección 6ª da Audiencia, con sé en Compostela, decidirá algunha caste de nulidade de actuacións que retrotraerá a causa ao Xulgado instrutor. E irán entón 19 anos dende o comezo das pescudas xudiciais. No caso da persoa que defendo, como doutras que defendín e xa non están investigadas, non hai pegada da súa conexión cos delictos investigados. E por moito que reinterpretemos a causa estaría prescrita de todas a todas. Tampouco entendo o papel que xoga a CEG na causa, con acusacións diverxentes das do Ministerio Fiscal. Se hai nulidade de actuacións e temos que reformular a nosa cualificación dos feitos pediremos a súa condena ás custas por mala fe procesual.

Moralexa: hai que defender os máis febles fronte os poderosos?

Hai que poñer ás persoas por diante de grande parte da banca, das grandes distribuidoras eléctricas e o lobby construtor-concesional, a economía que depende da regulación estatal, que forman o Deep State, o Estado profundo, na sombra. Un núcleo duro de poder que goberna grande parte do Ibex 35, do capitalismo castizo do BOE.

{ A PREGUNTA DO MILLÓN } NON LLE TREMOU A MAN Á HORA DE IR CONTRA UNHA XUIZA COMO PILAR DE LARA ?

Fun o único avogado que denunciou, co consentimento e apoio do meu cliente -o ex conselleiro do BNG Fernando Blanco- a Pilar de Lara polas dilacións indebidas no trámite da súa investigación penal, que ao final se pechou ao ser estimado o noso recurso. Un recurso que tería chegado moito antes á Audiencia se a xuíza tramítase a xeito e a tempo as nosas varias solicitudes de arquivo e sobresemento, que presentamos dende primeiros de 2014.

08 nov 2019 / 22:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito