Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 19 octubre 2021
11:41
h

Hércules de Ediciones publica 'Doce cartas a Mª Victoria Moreno'

Con texto de Gracián e ilustracións de Seijas, o volume foi presentado onte en Couceiro

Hércules de Ediciones vén de publicar Doce cartas a María Victoria Moreno, unha biografía literaria sobre a homenaxeada no Día das Letras Galegas, e que presentou onte na libraría Couceiro da capital galega.

Con ilustracións de Antonio Seijas, a autora do volume é Ánxela Gracián, escritora e tradutora, que logrou percorrer a vida e obra desta interesante escritora nunha innovadora aposta na que a narración corre da conta dun dos personaxes máis entrañables de María Victoria Moreno, o lobo Garimoso, ese que no seu libro Mar adiante pasa varias noites coa nena Mariquiña sen papala porque ela o soñou bondadoso. Garimoso, fascinado por esa nova vida de lobo que non se ve na obriga de comer carapuchiñas, inicia a lectura ds libros de María Victoria Moreno, tanto os escritos por ela como os que sobre ela se escribiron e, logo do mergullo nesa lectura fascinante, decide mandarlle estas cartas.

Nelas se rememora a súa infancia como paraíso perdido; as vivencias da mocidade e as aspiracións desta estapa; a súa concepción da docencia na que defende un ensino responsable e respectuoso; as lecturas; os gozos; a lealtade eterna aos amigos e aos mestres; o sentido épico da vida e, finalmente, a escrita como único exorcismo ante a dor de sabernos perecedoiros.

Na presentación do libro, presidida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ademáis da autora e do ilustrador, interviron o académico da RAG Xesús Alonso Montero, grande amigo de María Victoria Moreno, e a editora Laura Rodríguez. O acto contou co acompañamento poético musical de Miguel Requeixo na palabra e Miguel López Pombo na música.

20 mar 2018 / 21:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito