Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Histagra recupera a memoria da Compostela de 1936

Unha grande exposición na Fundación Granell e un Congreso Internacional que reunirá en Compostela a historiadores de todo o mundo. Son os actos centrais cos que Histagra, en colaboración co Concello, lembrará o 80 aniversario do inicio da Guerra Civil Española

O alcalde de Santiago e o coordinador do grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural, Lourenzo Fernández Prieto, presentaron hoxe estes eventos, cos que se pretende construír un novo relato sobre o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 dende a óptica compostelá. Na presentación tamén participaron os investigadores Antonio Míguez Macho e Loli Vilavedra, que incidiron en que "o obxectivo non é ir contra ninguén nin dar unha visión única da historia, senón poñer sobre a mesa as mentiras e a propaganda sobre os feitos do 36 para que despois cada quen constrúa a súa memoria".

O rexedor compostelán explicou que o obxectivo do Concello e de Histagra é "indagar na nosa memoria, neses pasados incómodos que é preciso non esquecer e tentar coñecer cada vez mellor". Nese sentido, mostrouse convencido de que "aínda que é habitual que sobre o pasado se utilicen sentenzas categóricas, os que traballan no seu estudo saben que as certezas non son boas compañeiras". Por iso, Martiño Noriega apostou por reflexionar sobre "que aconteceu no verán de 1936 para que unha cidade plural e republicana como era a Compostela da época, en tan só uns meses se convertera nunha cidade gris e cun alto grao de represión".

Na mesma liña, o director de Histagra sinalou que tanto a exposición como o Congreso están formulados como "a memoria dun tempo incómodo, do que hai moita propaganda e sobre o que é preciso reflexionar". Lourenzo Fernández Prieto explicou que a programación está concibida pensando en Santiago e por iso "non se vai falar da Guerra Civil porque aquí non houbo nin bombardeos nin trincheiras, pero si un Golpe de Estado no que houbo vítimas e verdugos e que supuxo a transformación dunha cidade dinámica e moderna no seu tempo nunha cidade na que houbo represaliados e asasinados".

Exposición na Fundación Granell
Con ese obxectivo de recuperar a memoria da Compostela de 1936, a Fundación Granell acollerá dende mañá xoves e ata o 25 de setembro unha exposición que leva por título 80 anos. Santiago 1936. A mostra quere explicar como, co estoupido da Guerra Civil, Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo na que aínda se festexaba o Estatuto de Autonomía de Galicia, a converterse no escenario do medo e da persecución. Para iso bota man de fotografías, mapas nos que se localizan os partidos políticos e asociacións que tiñan a súa sede en Santiago, actas de mesas electorais, murais cos nomes das vítimas e dos verdugos do Golpe do Estado, ou dun audiovisual que fai un retrato dunha cidade viva.

A exposición está comisariada por Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella García, Alfonso Mato Domínguez, Antonio Míguez Macho e Loli Vilavedra Fernández, e conta coa colaboración do Arquivo da Universidade de Santiago, a Biblioteca Xeral da USC, o CGAC, a Deputación da Coruña, a Fundación Eugenio Granell, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, e Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.

Congreso Internacional

Coincidindo co 80 aniversario do Golpe de Estado, o 18 de xullo, comezará o Congreso Internacional 1936 ¿Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria, que se celebrará ao longo de tres días na Facultade de Xeografía e Historia, a Fundación Eugenio Granell e o Teatro Principal. Loli Vilavedra explicou que os organizadores sentiron "a obriga ética de abrir o encontro á cidadanía, indo máis alá das sesións clásicas de conferencias e mesas redondas". Para iso, e grazas á colaboración do Concello, propóñense tres charlas abertas ao público no Teatro Principal, "un espazo máis civil e menos académico". Serán os días 18, 19 e 20 de xullo, ás sete da tarde, e estarán protagonizadas polo xurista e fiscal Carlos Castresana; Elizabeth Jelin, membro do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina; e Ben Kierman, da Universidade de Yale.

Ademais, no Congreso está confirmada a participación doutros nomes recoñecidos como Ángel Loureiro, da Universidade de Princeton; Elina Liikanen, da Universidade de Helsinki; Reyes Mate, investigadora do CSIC; Manuel Cruz, da Universitat de Barcelona; ou Xavier Etxeberría, da Universidade de Deusto. Ademais, para a xornada do 19 de xullo está previsto un café literario con Manolo Rivas e Suso de Toro.

06 jul 2016 / 13:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito