Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no Parlamento

Recoñécese así o compromiso do escritor coa lingua e a cultura propias da nosa terra

Con motivo do corenta aniversario do seu pasamento, o Parlamento de Galicia acolleu onte un acto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, no que o presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “nada do que acontece en Galicia, ningunha corrente de pensamento, ningún feito histórico, literario, social ou cultural debe resultar alleo ao Parlamento, a casa de todas as galegas e galegos”.

Por esta razón, argumentou, “xornadas coma esta, que conmemora o 40 aniversario do pasamento de Celso Emilio Ferreiro, son e serán sempre benvidas nesta institución, máxime tendo en conta que somos en gran parte debedores do traballo, do sufrimento, da incomprensión e do infinito talento de figuras como a que hoxe homenaxeamos”.

Anunciou que a homenaxe deste luns terá continuidade coa publicación dunha obra sobre Celso Emilio Ferreiro, con textos de Ramón Nicolás e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Parlamento de Galicia.

Insistiu Santalices en que “para os que nacemos, nos criamos e pensamos en galego, Celso Emilio Ferreiro –ao que tiven o privilexio de tratar na nosa casa de Bande– é unha figura determinante” polo seu compromiso coa lingua e a cultura propias de Galicia.

O acto contou tamén coas intervencións do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o profesor Ramón Nicolás, biógrafo do escritor, e o académico e expresidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Alumnado do IES Castelao, de Vigo, e do Celso Emilio Ferreiro, de Celanova, deron lectura a diferentes textos do homenaxeado.

Por parte da familia, interviñeron un na cerimonia fillo e un bisneto de Celso Emilio Ferreiro.

O acto foi presentado por Isabel Blanco, Premio Celanova, Casa dos Poetas.

02 dic 2019 / 23:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito