Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Feitizo de sons

Homenaxe a Mini e Mero dous ‘imprescindibles’

A Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene escolleu estes dous músicos, clásicos dentro do panorama da música tradicional da comunidade, para protagonizar o concerto homenaxe que cada ano intenta destacar unha figura singular da nosa música

En verbas do dramaturgo e poeta alemán Bertolt Brecht (1898-1956): "Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai quen loita moitos anos e son moi bos. Pero hai quen loita toda a vida, eses son os imprescindibles". Sen dúbida, na última destas categorías teñen un merecido posto Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarro (Mero). Por iso na XVIII Xuntanza de Gaiteiros, que anualmente organiza a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e que se celebrou o pasado día 30, correspondeulles o papel de homenaxeados nunha noite na que a carpa instalada na Praza do Concello de Fene (o tan desexado Auditorio é aínda unha materia pendente) converteuse nun lugar máxico, no que a música reuníu ao seu redor o sentimento, a reivindicación e o compromiso co país. Foi unha velada musical que os asistentes non esqueceran facilmente.

Ás actuacións de Raúl Galego, Quempallou, os propios Mini e Mero e a banda organizadora sumóuselles a participación, totalmente por sorpresa e fóra de programa, do cantautor Miro Casabella quen, ao ter noticia pola mañá de que se ía celebrar esa homenaxe, non dubidou en trasladarse a Fene para participar el tamén no acto coa súa guitarra, e manifestar dese xeito a amizade e a profunda admiración que o unen aos homenaxeados.

Aos participantes na XVIII Xuntanza de Gaiteiros xuntámolos nunha conversa que comezamos cos organizadores, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene. Como representantes contamos con Valentín García (presidente) e Miguel Doval (director da Banda):

Facédenos un pequeno resumo dos homenaxeados nas edicións anteriores da Xuntanza de Gaiteiros.

Valentín García: Ao longo das dezasete edicións anteriores fomos homenaxeando a distintos grupos de gaiteiros que, alá polos anos sesenta e setenta, mantiveron viva a nosa tradición musical nas festas e romarías; e tamén quixemos recoñecer o traballo de persoas individuais como Antón Corral, Xeranio Torreiro, Manuel Cociña, etc.

No eido musical sempre conseguides manter un nivel moi alto ¿non?

Valentín García: Son moitas as grandes figuras da nosa música que participaron nas homenaxes. Xente como Pepe Ferreirós, Nando Casal, Guadi Galego, Xabier Díaz e moitos outros teñen prestado a súa colaboración, sempre dun xeito desinteresado.

Esta cita anual en Fene ¿como conseguides mantela?

Valentín García: Temos que recoñecer que montamos as homenaxes "botándolle un pouco de cara". Unha vez que temos decidida a persoa ou o colectivo ao que imos homenaxear, poñémonos en contacto coa xente que sabemos que ten unha relación directa con eles, tanto de amizade como de traballo. Ata hoxe nunca recibimos unha negativa, aqueles aos que lles reclamamos a súa colaboración estiveron sempre ben dispostos a participar.

Á propia Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene ¿Que tal lle van as cousas?

Miguel Doval: O certo é que a situación actual da Banda non é tan satisfactoria como noutras épocas. O motivo principal é a falta de interese por parte dos cativos, que ultimamente semellan preferir outras actividades. Así como hai uns anos vivimos unha grande afluencia de rapaces, que nos daba a posibilidade de contar cunha ampla "canteira", hoxe en día estamos a pasar por unha etapa algo máis complicada. Pero non é este un problema que afecte soamente a Airiños de Fene, senón que é común entre todas as agrupacións coas que mantemos relacións. Esperemos que estas Xuntanzas que organizamos axuden tamén a que os rapaces descubran as infinitas posibilidades da nosa música.

Os seguintes cos que quixemos falar foi cos homenaxeados nesa XVIII Xuntanza de Gaiteiros que, aínda que non tocan o instrumento, si son gaiteiros de corazón.

Cando vos chamaron para comunicarvos que seriades os homenaxeados nesta nova edición da Xuntanza de Gaiteiros ¿que pensáchedes?

Mero: Teño que recoñecer que o primeiro que fixemos foi informarnos sobre quen estaba detrás da organización desa Xuntanza. Nós, queiramos ou non, representamos unha cultura que ten unha seriedade e unha dignidade, e non podemos permitirnos o luxo de que sexa manipulada. Pero neste caso deseguida comprobamos que era un chamamento feito con moi boa fe.

Mini: O primeiro que nos embargou foi un sentimento de vergoña porque, en realidade, penso que non fixemos méritos suficientes para algo así. Nós o que facemos desde hai moitos anos é o que nos dá a gana, exercendo a nosa liberdade tal e como pensamos que debemos facelo e iso, máis que un mérito, é un privilexio. Por suposto que, cando te chaman para unha cousa así, sínteste agradecido e aloumiñado na túa vaidade; pero o que nos está a fastidiar é que, cando empezan a facerche homenaxes, semella que é porque xa te estás facendo vello (risas).

Ademais do gran traballo con Fuxan Os Ventos e coa Quenlla, tamén merece un fondo recoñecemento o voso esforzo na recuperación do repertorio dos cegos. Faládenos dese traballo.

Mero: O dos cegos é o aspecto máis marxinal da cultura tradicional galega. Foron unha xente que morreu de inanición. Aqueles cegos que nós lembramos cheiraban a miseria, a pobreza. Levaban tres chaquetas, unha por riba das outras, para protexerse do frío.

A finais dos anos sesenta vendían as súas coplas por dous ou tres reais e así ían malvivindo. Andaban polos camiños buscando pan e comprensión; o primeiro con sorte podían atopalo, un cacho de pan duro, pero a comprensión aínda non a atoparon hoxe. Sorprende comprobar como o resto das culturas próximas á nosa recuperaron o legado dos cegos como pano en ouro, pola contra en Galiza foi constantemente desprezado. A súa cultura e a súa música son valores que os galegos debemos recuperar, porque o día que comprendamos esa xente e o gran traballo que fixeron, sentirémonos gratamente felicitados na nosa autoestima.

O escollido para presentar os concertos que conformaban a homenaxe foi Xesús Mato. Faládenos da vosa relación con el.

Mero: A nosa relación con el é moi fonda e estreita desde hai moitos anos. Mato foi o "provocador" de toda esta situación, porque foi quen nos tentou e nos amosou por primeira vez as manifestacións musicais do noso pobo. Cando tiñamos dezaseis ou dezasete anos descubriunos un mundo novo que, en realidade, era o noso. Nós eramos uns perfectos ignorantes da nosa cultura, pero grazas a todo o que el nos ofreceu fomos quen de recuperar o noso, de recuperar quen somos, de abrir os ollos e chegar a escandalizarnos por todo que deixáramos atrás sen decatarnos. Tivemos que facer exercicios de observación sobre o propio, sobre nós mesmos e o que nos rodeaba. Grazas a el descubrimos a beleza da música do noso país, comezamos a percibir a cultura como un todo e non como unha parte e sentímonos, por primeira vez, gratificados na nosa autoestima. Recuperamos ademais a dignidade de ser rurais, de ser aldeáns.

Mini: Xesús Mato estivo sempre detrás de nós, na sombra, foi a base sobre a que se cimentou o edificio que fomos construíndo, porque é un gran sabio no que se refire ás cuestións musicais. Mato é crego pero nunca quixo convencernos de nada relixioso nin doutrinario, iso forma parte tamén da súa bondade e do seu xeito de ollar a vida. Era e é tan bo que foi capaz de transmitirnos sutilmente os seus coñecementos sobre a tradición musical e cultural de Galiza, sen violentar nunca a nosa liberdade. Por iso, incluso cando xa harmonizabamos nós mesmos as pezas, a última palabra sempre era a súa; pero nunca nos dixo "iso está mal", cando algo non o convencía o máis que comentaba era "¿por que non probades deste xeito?" Verdadeiramente, Xesús Mato foino todo para nós nesa época.

 

Ese xeito sutil de darvos a coñecer a música e a cultura tradicionais deste país ¿como era?

Mini: Nós nesa época tocabamos cancións de Nuestro Pequeño Mundo e do folclore universal. Xesús levavanos a actuar a distintos lugares: teleclubs, igrexas, escolas, palleiras, etc. pero, despois da nosa actuación e de merendar, convencía á xente do lugar para que nos cantaran as pezas que lembraban. Así fomos descubrindo verdadeiras xoias que nos marabillaron e que fomos incorporando ao noso repertorio. Ese fermento foi traballando en nós moi lentamente (que é como mellor se fan as cousas) e esa evolución nosa levou case seis anos. Algo que Mato nunca nos dixo "recollede vós", pero sempre nos levou aos lugares nos que atopar algo interesante; foi unha aprendizaxe ao estilo da Grecia clásica.

 

Era obrigado que, despois de tantas lobanzas á súa figura, lle preguntáramos ao propio Xesús Mato a súa opinión sobre a homenaxe e sobre os seus protagonistas.

Esta homenaxe a Mini e Mero ¿pensas que é acertada?

Xesús Mato: Penso que era xa tempo de que Galiza recoñecera o gran traballo que levan feito estes dous homes que contan, entre os seus moitos méritos, co da resistencia nos principios e na filosofía inicial, a dos tempos nos que naceu Fuxan Os Ventos.

 

O que ti lles descubriches ¿que tal o asimilaron?

Xesús Mato: Moi ben, foron moi bos alumnos e non fixo falta argumentarlles demasiado as cousas para que as descubriran e entenderan porque, en realidade, xa as levaban dentro deles. Despois da experiencia de Voces Ceibes e nesa década dos setenta, que penso que foi a de maiores esperanzas de todo o século pasado, decatámonos de que a raíz da verdadeira recuperación da nosa dignidade como pobo estaba onde menos pensaban moitos, no rural e nas súas xentes máis humildes. Aí naceu unha historia que se non chega a ser por Mini e Mero non iría para adiante, diso estou plenamente convencido.

 

A clave do éxito da vosa proposta musical ¿cal pensas que foi?

Xesús Mato: Penso que, fundamentalmente, estivo en sabernos xuntar cunha xente moi boa, en primeiro lugar coas xentes do rural: os labregos, os mestres e mesmo os cregos, que nos axudaron moito; despois con diferentes poetas cos que tivemos unha gran relación, como Marica Campo, Vergara Vilariño, Darío Xoán Cabana, Neira Vilas, Manuel María, etc.

 

Despois da actuación do grupo de cantareiros Bruada, da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, que foron os encargados de abrir musicalmente a Xuntanza, tocoulle a vez no escenario ao gaiteiro Raúl Galego, un bo amigo dos homenaxeados que contou coa colaboración de Fernando Díaz no tambor.

A participación na homenaxe a Mini e Mero ¿que supón para ti?

Raúl Galego: Para min era un acto de obrigado cumprimento. O que nos xunta é unha especie de "lazo familiar" porque son moitos anos en común, pero non é soamente unha cuestión de tempo senón tamén de afinidade nas ideas e nas batallas. Compartímolo todo.

 

Esa eleción de Raúl Galego para participar no acto de homenaxe ¿que vos pareceu aos protagonistas?

Mero: Pareceunos unha moi boa idea. Non soamente polo ben que toca e o gran referente que é no mundo da gaita en Galiza, senón porque ademais de moitas loitas compartimos tamén moitas ausencias. Ademais, Raúl é realmente o gaiteiro da Quenlla; cando precisamos un gaiteiro para unha determinada actuación, ou para a gravación dun novo disco, é a Raúl a quen primeiro chamamos. Sempre estivo connosco nos bos e nos malos tempos e por iso é gratificante o feito de contar con el, non soamente como grande amigo senón tamén como gran gaiteiro que defende o noso instrumento nacional, lonxe deses instrumentos foráneos, con sons alleos, que pretenden facernos perder a nosa propia identidade cultural. Como ben di el: "Hai cousas que son gaitas e outras que son paus furados".

 

Outra das propostas musicais que participaron na Xuntanza de Gaiteiros podémola considerar como digna recolledora do facho prendido hai anos por Mini e Mero; son os Quempallou, un grupo que xurdiu da mestura entre a forza das montañas do Incio e a dozura das costas do Morrazo. Un dos compoñentes do grupo, Guillerme Ignacio, falou connosco do que significou para el o traballo dos homenaxeados.

Do traballo que levan feito Mini e Mero ao longo de todos estes anos ¿que valoración farías ti?

Guillerme: Penso que forman parte xa da historia da música contemporanea do noso país. Primeiro con Fuxan Os Ventos e actualmente coa Quenlla, o seu traballo supuxo un fito na recuperación da nosa tradición musical cantada e, tamén, na interpretación das novas verbas dos galegos nunha linguaxe musical. Eu podo dicir, con moito orgullo, que "mamei" moitas pezas do repertorio de Fuxan Os Ventos cando aínda era un cativo, que me sigo emocionando cando escoito as súas cantigas, e que lle sigo de preto as pegadas a esta indisoluble parella.

 

Para Quempallou, o feito de tocar para eles nesta homenaxe ¿é case como facelo para uns mestres?

Guillerme: Sen o case, porque os seus traballos de campo, a súa sabedpría e o seu saber estar son dignos, verdadeiramente, de orgullo e loanza.

 

E a opinión dos homenaxeados sobre o traballo que está a facer Quempallou ¿cal é?

Mini: Paréceme un traballo perfecto, sobre todo porque se saen da corrente xeral. Hoxe en día trabállase máis coa música instrumental que coa cantada, pero eu sigo pensando que a palabra foi fundamental no noso folclore porque era a parte máis grande do "corpus musical". Ademais, a palabra segue sendo necesaria hoxe en día para exercer a nosa liberdade de opinión, de ser e de estar. A maiores, os Quempallou teñen acadado unha merecida sona, non soamente de bo a nivel musical, senón de grupo serio e comprometido con este país.

07 oct 2006 / 16:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito