Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 03 junio 2020
01:53
h

Huawei presenta os seus novos móbiles insignia

Os Huawei P40 chegarán ao mercado o 7 de abril sen os servizos de Google.

Hai un mes Huawei presentou o seu novo smartphone encartable, ousando a fixarlle un prezo de venda de 2.499 euros, detalle que eclipsaba a súa principal eiva: carecer dos servizos de Google. Agora que toca renovar os smartphones insignia da compañía volvemos atopar a mesma pedra no camiño, e os novos Huawei P40, P40 Pro e P40 Pro+, pese a poder presumir de contar cunhas cámaras de grandísima calidade e con moitas posibilidades, ao continúan sen corrixir a grande carencia dos dispositivos de Huawei podemos entender que serán dispositivos irrelevantes en Europa, xa que os nosos consumidores non considerarán admisible non poder empregar legalmente aplicacións que consideran esenciais en teléfonos de alta gama.
Dende Huawei queren compensar a ausencia dos servizos de Google cunha tenda de aplicacións de seu, a AppGallery, que presume dun inmenso catálogo, pero non conta con aplicacións de Google e Facebook, ou sexa, que non facilita a instalación de aplicacións tan importantes como Facebook, Messenger, WhatsApp, Instagram, Gmail ou Google Maps, das que a meirande parte dos consumidores europeos non están dispostos a prescindir, á vez que tampouco admiten ter que recorrer a trucos que permiten a instalación dos servizos de Google, pero pondo en risco a seguridade do sistema.
Os novos Huawei P40 presentan moitos paralelismos cos Samsung Galaxy S20 a nivel de deseño, de xeito que nos novos teléfonos chineses podemos ver cámaras frontais en orificios en pantalla e tamén unha disposición vertical das cámaras traseiras.

Huawei P40

Concretamente o Huawei P40 é un smartphone con pantalla OLED Full HD+ de 6,1 polgadas, procesador Kirin 990 5G, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles acompañada por unha cámara de infravermellos (para desbloqueo facial), Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1, NFC, lector de pegadas en pantalla, certificación IP68, batería de 3.800 mAh con carga rápida de 22,5 watts.
A nivel de cámara presume de funcionalidades como ser capaz de eliminar das nosas instantáneas a persoas que circulen polo fondo da imaxe ou os reflexos en cristais a través dos que sacamos unha fotografía, para o que fai uso de intelixencia artificial, deixando claro que os seus bos sensores teñen que ir acompañados por un bo software para poder aproveitar o seu potencial.
No que respecta ao software tamén inclúe MeetTime, aplicación de videoconferencia exclusiva de Huawei; opcións de colaboración multi-pantalla (permite editar documentos do móbil no ordenador ou usar o portátil para realizar chamadas telefónicas; inclúe tecnoloxía para intercambiar ficheiros entre dispositivos de xeito doado e áxil; integra un noso asistente de voz chamado Celia; integra funcións para facilitar o traballo en dúas fiestras á vez; e incluso conta cun panel de control para xestionar a electrónica do fogar de xeito centralizado. Sen dúbida grandes funcións que serían moi ben recibidas se non fose polo sacrificio que supón non contar cos servizos de Google.
Chegará ao mercado o 7 de abril a un prezo de 799 euros.

Huawei P40 Pro

O Huawei P40 Pro é basicamente un smartphone de maior tamaño, que conta cunha pantalla OLED de 6,58 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz e unha resolución de 2.640 x 1.200 píxeles, 256 GB de almacenamento, batería de 4.200 mAh con carga de 40 watts por cable e de 27 watts sen fíos (podendo usar tamén carga reversible), e unha mellora importante na cámara traseira, que conta agora cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 40 Mpíxeles (pensada para a gravación de vídeo até 4K a 60 fps), un teleobxectivo de 12 Mpíxeles (cun zoom óptico de 5x, híbrido de 10x e máximo de 50x) e unha cámara de profundidade.
Poderase mercar a partir do 7 de abril a un prezo de 999 euros.

Huawei P40 Pro+

O Huawei P40 Pro+ vai un paso máis adiante, e chegará equipado con 512 GB de almacenamento, así como unha cámara traseira edición de 8 Mpíxeles e zoom óptico de 10x (que conseguiría un zoom máximo de 100x). A súa batería tamén mellora a carga rápida sen fíos até os 40 watts. Estas melloras incrementais supoñen que cando chegue ao mercado no mes de xuño terá un prezo de 1.399 euros, o que resulta moi difícil de xustificar e que parece responder ao feito de querer compararse co Samsung Galaxy S20 Ultra.

27 mar 2020 / 03:18
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito