Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O III Torneo de Xadrez Cidade de Santiago agarda chegar aos 200 inscritos

Área Central acolle o sábado unha cita clasificatoria para o Circuito Fexaga 2019

    A concelleira Noa Diaz presentou onte a terceira edición do Torneo de Xadrez Cidade de Santiago que se celebrará este sábado no Centro Comercial Área Central. A inscrición está aberta ata hoxe a través da dirección de correo electrónico (torneosexc@gmail.com) pero xa hai máis de 140 participantes confirmados anque a organización agarda alcanzar preto de 200 xadrecistas.

    O torneo está organizado pola Escola de Xadrez Compostela, unha entidade que segundo a concelleira traballa dende 2016 na difusión deste deporte de forma "apaixonada". Xunto a Noa Díaz estiveron Sara Castedo, adxunta á Xerencia de Área Central, e Nicolás Cereijo, socio fundador da Escola de Xadrez Compostela, quen se encargou dar os detalles do torneo, clasificatorio para o XIV Circuíto de Promoción Fegaxa 2019.

    Constará de sete rondas para a categoría absoluta, a un ritmo de 15 minutos por xogador, máis tres segundos de bonificación por xogada. Disputarase en xornada de mañá e tarde e será válido para as puntuacións ELO FIDE, da Federación Internacional de Xadrez. Estas puntuacións son as que establecen o ranquin dun xogador a nivel mundial.

    Os máis pequenos tamén teñen o seu torneo que se divide en categorías, segundo a idade: sub-8, sub-10, sub-12 e sub-14. Esta última categoría está incluída no Circuíto Galego de Promoción, no que se disputan 16 probas en diferentes localidades de Galicia.

    11 sep 2019 / 21:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito