Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 29 junio 2022
02:12
h
USC

ilustraMundos, unha ollada á diversidade cultural a través da ilustración

Once artistas mostran a súa obra nunha exposición que se inaugura o luns 20 en Fonseca

    Once ilustradores e ilustradoras de distintas culturas do mundo exporán a súa obra na Universidade de Santiago dende este luns 20 e ata o 20 de abril na exposición ilustraMundos organizada por campUSCulturae e comisariada polo seu coordinador, o profesor Xosé A. Neira Cruz, no marco do Congreso Internacional ‘Ilustrando a diversidade’ que se desenvolverá en Compostela a vindeira semana.
     
    A inauguración da mostra terá lugar ás 19.30 horas no Colexio de Fonseca nun acto ao que asiste o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e no que o Espazo de Danza da USC que dirixe Juan Carlos Zahera presentará dúas pezas -Tango e  Prima Dona (adianto da produción que se presentará en abril no X Encontro de Danza Contemporánea da USC)- coreografadas por Amparo Novas e interpretadas por Miriam Maril e Miguel Gendre que rematarán cunha intervención musical de Diego Gabriel.
     
    A exposición ofrece un percorrido polos diferentes estilos, conceptos, criterios artísticos e tradicións culturais de once artistas que contribúen a crear a cosmovisión da arte que nace a partir das páxinas dos libros. Trátase da arxentina Mónica Weiss, o surafricano Piet Grobler, a catalá Carme Solé Vendrell, a polaca Joanna Domanska, o suízo Marc Taeger, a vasca Elena Odriozola, o frisón holandés Machiel Braaksma, o brasileiro Fernando Vilela, a lituana Kristina Sabaite e, para rematar a viaxe regresando ao país que auspicia esta exposición, os galegos Antonio Seijas e David Pintor.
     
    Parte das obras expostas en Fonseca quedarán na Universidade de Santiago de Compostela unha vez finalizada a exposición, como cesión dos e das artistas para dotar o fondo do Museo Internacional da Ilustración, iniciativa de campUSCulturae coa que se creará o primeiro museo desas características existente en Europa.
     
    De feito, ilustraMundos é o primeiro xermolo deste ambicioso proxecto que xa ten rendido os seus froitos desde que campUSCulturae empezou a dar os seus primeiros pasos, en maio de 2011 liderado pola USC co cofinanciamento da Culture Agency da Comisión Europea. Desde entón máis de 30 ilustradores de distintas nacionalidades e culturas manifestaron o seu interese en apoiar esta iniciativa que podería converter a Compostela nun referente da ilustración internacional.

    17 feb 2012 / 14:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito