Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ palabras e parole }

Importancia dos exemplos

    NA redacción dun dicionario bilingüe como é o italiano-galego, galego-italiano é importante, e sobre todo moi útil, a inclusión dos exemplos en ambas as dúas linguas. Evidentemente iso aumenta moito a dimensión do corpo da palabra pero xulgamos que é fundamental para facilitar a asimilación das dúas linguas postas en contacto. A súa tradución pretende mostrar un modelo de adecuación entre as dúas linguas e pon de manifesto a articulación sintáctica do italiano.
    Se na palabra lombriga (it. lombrico) poñemos como exemplo “o corpo da lombriga está formado por moitos segmentos con forma de aneis”, “il corpo del lombrico è formato da tanti segmenti a forma di anelli” aprendemos, entre outras cousas, que as preposicións son diferentes nas dúas linguas: en galego dise “está formado por” mentres en italiano dise “è formato da”, en galego dicimos “con forma de” que corresponde ao italiano “a forma di”.
    Se para a palabra “macellaio”/ “carniceiro” poñemos o exemplo “suo padre è macellaio al mercato”/ “o seu pai e carniceiro no mercado” aprendemos ademais de que “macellaio” é o carniceiro, que mentres que en galego o posesivo leva o artigo diante, no italiano non o leva se se trata de nome de parentesco.
    Non é preciso que os exemplos sexan máis longos do necesario: Se para a palabra “lumbago”, it. “lombaggine” poñemos como exemplo: “O lumbago é unha dor na parte baixa das costas e as estatísticas demostran que é unha das enfermidades máis comúns na sociedade” sería excesivo. Abondaría con dicir “la lombaggine è un dolore alla regione bassa della schiena”. Neste caso aprenderíamos ao mesmo tempo que “lombaggine” e feminino en italiano e que as costas son en italiano “a schiena”.
    Pola contra, tampouco deben ser excesivamente cortos. Se para a palabra “lamber” na acepción de “adular”, dicimos: “Digo sempre o que penso, non acostumo lamber”, quedaría algo incompleto; habería que engadir, por exemplo, “os pés” que traducido ao italiano resultaría: “Dico sempre quello que penso, non è mia abitudine leccare i piedi.
    Cal é, xa que logo, a medida xusta? A que cumpra a misión encomendada: facilitar a aprendizaxe da lingua que descoñecemos, isto é, que serva para comprobar e ilustrar a aserción. Se ao mesmo tempo o exemplo serve para aprender certas particularidades lingüísticas da lingua que se descoñece, moito mellor.
    Hai outra cuestión que tampouco carece de importancia; estámonos a referir ao feito de que non se deben usar exemplos que sexan incorrectos: Se para a palabra galega “nácara” (en italiano”madreperla”) poñemos este exemplo: “ten un xersei con botóns de nácara” (“ha un golfino con bottoni di madreperla”) non sería axeitado porque, polo xeral, os xerseis non teñen botóns. O mellor é falar, neste caso, de chaqueta/giacca. O mesmo ocorrería se para “lonxitude” poñemos como exemplo “a lonxitude dun campo de fútbol é de 50 metros” porque non é certo.
    Omitimos os exemplos das chamadas palabras culturais, das que xa temos falado, porque a súa como finalidade é insistir sobre o contido da entrada, e estas levan xa unha definición que suple dabondo a función do exemplo.
    Catedrática Filoloxía Italiana USC

    03 ago 2017 / 19:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito