Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
15:46
h

Impulso a lectura coa posta en marcha das feiras do libro de Galicia de 2012

A primeira cita do calendario será na cidade de Ferrol do 19 ao 24 de abril

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a lectura e impulsa o sector editorial coa posta en marcha das Feiras do Libro de Galicia 2012. O percorrido destes eventos culturais comezará en Ferrol esta semana, o xoves 19 de abril, e continuará a súa itinerancia ata o mes de agosto polas catro provincias galegas, nas localidades de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña e Viveiro.

    A Secretaría Xeral de Cultura, que dirixe Anxo Lorenzo, promove estes eventos culturais, coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia, que determina os concellos en que se realizan e o seu calendario. En 2012, a primeira das feiras será en Ferrol, onde permanecerá no cantón de Molíns desde o 19 de abril ata o 24 de abril. Entre o 28 de abril e o 6 de maio desenvolverase a Feira do Libro de Santiago de Compostela, que se instalará no paseo central da Alameda. A terceira parada será na cidade de Lugo, onde se poderá visitar a feira do libro na praza Maior entre o 15 de maio e o 20 de maio, mentres que a Feira do Libro de Ourense será do 1 ao 6 de xuño na Alameda.

    Nos meses de verán celebraranse as tres feiras restantes. A Feira do Libro de Vigo chegará á praza de Compostela o día 29 de xuño, onde permanecerá ata o 8 de xullo. A seguinte parada será no mes de agosto, do día 1 ao 10, nos xardíns Méndez Núñez da cidade herculina. Finalmente, a Feira do Libro de Viveiro, que terá lugar desde o 13 ao 16 de agosto, pechará o ciclo de 2012.

    Gañar máis lectores e impulsar a lectura
    Gañar máis lectores e impulsar a lectura é un eixo central de actuación da Secretaría Xeral de Cultura e un obxectivo clave para o progreso e a formación integral da sociedade. Nesta liña, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo promove anualmente a realización de feiras dedicadas ao libro, que representan unha das actividades de maior tradición e asentamento dentro do amplo abano de alternativas abertas polas feiras culturais.

    Estes eventos supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ao seu potencial lector, e ao mesmo tempo favorecen a exhibición, difusión e comercialización do libro galego.

    Proxección exterior do sector editorial
    Ademais das feiras do libro de Galicia, a secretaría xeral favorece a proxección exterior do sector editorial galego coa participación en feiras internacionais de interese estratéxico para o mercado. En 2012, o libro galego estivo presente na Feira Internacional do Libro Infantil de Boloña o pasado mes de marzo e tamén participará nas feiras do libro de Bos Aires, en abril, e de Guadalaxara (México), no segundo semestre do ano.

     

    16 abr 2012 / 14:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito