Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Inclúen a uva merenzao na indicación protexida do Viño de Barbanza e Iria

Elévase o rendemento máximo permitido por hectárea a doce mil quilos para a branca

    Ribeira. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se adoptan unha serie de cambios relacionados co prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida do viño de Barbanza e Iria. Entre as modificacións destaca a incorporación da uva merenzao ás variedades tintas. Ademais, tamén aumenta o rendemento máximo por hectárea permitido para as variedades brancas e os límites máximos de dous parámetros analíticos: a acidez volátil e o contido en anhídrido sulfuroso.

    Trátase dunha variedade presente na zona aínda que en cantidades pequenas. En canto ao rendemento por hectárea, pasa de 10.000 a 12.000 quilos para as variedades brancas, xa que a experiencia dos últimos anos demostra que as parcelas son capaces de proporcionar rendementos superiores aos agora admitidos, sen diminución da calidade do resultado obtido.

    No que se refire á acidez volátil e ao contido de sulfuroso, no prego de condicións anterior establecíanse uns límites demasiado restritivos para estes dous parámetros, que deixaban fóra produtos con adecuadas características organolépticas e que responden á tipicidade dos caldos da mencionada zona.

    Isto, unido a que nos últimos anos se están a comercializar cada vez máis viños desta indicación xeográfica cun maior envellecemento e que, polo tanto, están durante moito máis tempo expostos a riscos oxidativos, foi o que motivou que se decidise aumentar os máximos establecidos para os citados parámetros. Os cambios quedarán recollidos no rexistro da UE.

    26 jul 2019 / 21:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito