Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Increméntanse as voces a favor da reactivación da mina de Touro

Os círculos próximos ao proxecto coinciden en que todo está máis calmado e, a pesar de que hai detractores, os veciños confían no bo facer da empresa

    O Proxecto Touro, a iniciativa que busca reactivar a antiga mina de cobre do municipio, segue a ser actualmente motivo de opinións moi controvertidas. Non obstante, dende os círculos máis próximos ao proxecto de megaminería coinciden en que todo parace estar máis calmado e en que, a pesar de que seguen existindo voces en contra, a maioría dos veciños do municipio agardan cos brazos abertos que volvan explotarse os vellos terreos. Ademais a Plataforma de mineiros, que comezou con só 18 traballadores de Cobre San Rafael, vai collendo cada vez máis forza. O seu presidente, Óscar Cifuentes, explicou que se foron unindo "trabajadores de otras empresas dependientes de la concesión minera de Touro, y a continuación familiares y vecinos que simpatizan con nuestras reivindicaciones: la defensa de la profesión, del sector industrial y del proyecto". Actualmente son 715 asociados.

    María Victoria, ao fronte da xestoría Ispema Gestión, no municipio de Touro, é unha das veciñas que está segura de que si volve a mina, medrará a economía. Leva 13 anos ao fronte do seu negocio e a antiga explotación tocoulle moi de cerca. "Meu pai traballou na vella mina e foi grazas ao que puido sacar adiante a seus fillos". Eu nesa época "era moi pequena, pero lembro que se construían moitos pisos e agora nada, está todo parado", asegura. De feito laméntase de que están cerrando moitos negocios na zona e que normalmente xa optan por desprazarse a Santiago ou Arzúa para mercar.

    Outra das persoas que foi consciente da gran baixada poboacional e de locais comerciais en Touro é Alejandro Taboada, hostaleiro no restaurante Taboada. "Onde hai industria xérase poboación e riqueza", argumenta, e "é necesario emprego para que haxa vida". Alejandro non entende que "lamentemos a falta de emprego e logo rexeitemos a mina". El, un mozo de 37 anos, é consciente de que é dos poucos que optou por quedarse na vila, xa que a maioría da xente nova "ten que buscarse a vida en Santiago ou na Coruña".

    Respecto dos detractores ao proxecto, o hostaleiro considera que son persoas "que non entenden á xente do rural e que pensan que a aldea vai cambiar e non ser a de sempre, cando en realidade é o revés", explica. Con todo, está seguro de que "o 95% dos veciños están agora a favor". A pequena porcentaxe que non o está, indica, son algúns gandeiros aos que o proxecto lles quita os terreos e "ofrécenlles outros na zona, pero non os queren".

    Tamén o dono dun supermercado da vila considera que a reactivación da explotación "é fundamental para xerar traballo". Este empresario leva 40 anos ao fronte do seu negocio e detectou como pouco a pouco "a zona foi morrendo". Antes, apunta "éramos uns cinco mil habitantes e agora dous mil". Para este veciño de Touro "é unha sorte que haxa cobre, e polo tanto, haberá que explotalo". Ao respecto das voces en contra "entende" que existan, posto que "todo depende da tua posición", indica. O que non tolera son as opinións infundadas, de persoas "que non viven no campo" e que non coñecen o concello nin as súas necesidades.

    O mesmo considera José Esturao, agora xubilado. "A xente que está en contra é precisamente a acomodada, e aí radica o problema", sentencia. As consecuencias da falta de traballo deixan verse sobre todo no avellentamento da poboación, di. "Falei cunha mestra do colexio daquí e de 600 rapaces que había agora quedan apenas 200". Este veciño lamenta tamén a carencia de servizos: "non temos nin gasolineira". Di que non é que estea a favor da mina, senón que está "a favor do progreso".

    Fala tamén da falta de xente nova, debido a nula posiblidade de atopar traballo, Ramón López, cazador. Considera que o proxecto dará oportunidades laborais, algo que urxe posto que "cada día se ven menos nenos, non hai xuventude", argumenta. Cre firmemente que o Proxecto Touro é o impulso que precisa a comarca para saír adiante.

    O mesmo pensa Louzao Vázquez, gandeiro da zona, que ademais recalca que "non ten sentido que moita xente ofreza a súa opinión sen saber". Louzao ten claro que aínda que continúen os escépticos á mina, "antes había moitos máis, pero agora a xente confía no bo facer da empresa e saben que as cousas se levarán con máis coidado que antano".

    Con todo, hai opinións distintas. Un dos gandeiros de Touro cos que falou este xornal considera que si "se fixeran as cousas ben dende o principio, a xente non protestaría". Non entanto "os ríos levan moitos anos contaminados, e eu entendo que deberían sanealos antes que nada", indica.

    María Victoria

    dona dunha xestoría

    Meu pai traballou na antiga mina e foi grazas a iso polo que puido sacar adiante aos fillos"

    Alejandro Taboada

    hostaleiro casa taboada

    Onde hai industria xérase poboación e riqueza e é preciso emprego para que haxa vida"

    Ramón López

    cazador

    Cada día se ven menos nenos en Touro, xa non hai xuventude como había hai anos"

    Louzao García

    gANDEIRO

    Agora a xente confía no bo facer da empresa e saben que as cousas se levarán con máis coidado que antes"

    14 dic 2019 / 23:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito