Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Investigadores da USC premiados pola Deputación de Pontevedra

    Dos oito Premios Provinciais á Investigación 2012 concedidos pola Deputación de Pontevedra a metade recoñeceron o traballo de dous investigadores da USC e dunha doutora e un doutor formados nas aulas composteláns.

    Alejandro Ramos, actualmente desenvolvendo a tese no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información, foi premiado na categoría de Novos Investigadores na área de Novas Tecnoloxías, e Héctor Lago Almeida, da Facultade de Xeografía e Historia na área de Humanidades e Ciencias Sociais. Os outros dous premiados son Ana Sousa Hervés, pola súa tese de doutoramento no ámbito das Ciencias e Tecnoloxía, e Jorge Miguel Ayán na área de Humanidades e Ciencias Sociais.

    O premio de Alejandro Ramos Soto recoñece a achega do investigador a área das novas tecnoloxías, co seu traballo ‘Computación flexible para a mellora dos sistemas de información meteorolóxica de Galicia’.

    A súa proposta céntrase na creación de descricións lingüísticas a partir de datos numéricos, seguindo a liña de investigación desenvolvida na tese ‘Computación con percepcións para a descrición lingüística de procesos complexos a través da análise de series temporais de datos’.

    Este campo de estudo aborda a problemática de explicar en linguaxe común as complexas series de números derivadas dos cálculos efectuados en disciplinas como a meteoroloxía, onde cada día se tratan inxentes cantidades de datos que permiten facer predicións a curto e medio prazo.

    MeteoGalicia xa mostrou o seu interese pola tecnoloxía desenvolvida no estudo, de cara a ofrecer diariamente aos seus usuarios predicións meteorolóxicas especificas do ámbito local.

    Héctor Lago, na modalidade de Novos Investigadores de Humanidades e Ciencias Sociais, foi recoñecido polo seu traballo ‘A vila de Vigo e a Guerra de Sucesión (1701-1712). Algo máis que unha batalla?).

    A súa proposta achégase ás dinámicas e acontecementos políticos e militares que marcaron os diferentes compases da Guerra de Sucesión entre 1700 e 1712, ao tempo que profundou nunha visión da Vila de Vigo como sustentadora material e humana da guerra no espazo sur occidental galego, “en tanto que foi viveiro de homes e paso obrigado dunha parte dos exércitos que se encargaban da defensa do noroeste peninsular”, explica Lago Almeida.

    Teses

    Nas categorías de teses de doutoramento tamén dous dos premios foron para persoal investigador da USC. Así, en Humanidades e Ciencias Sociais gañou un premio ex aequo de 2.000 euros Jorge Miguel Ayán Vila pola súa tese ‘Casa, familia y comunidad en la edad de hierro del NW’ defendida a comezos de 2012 e que dirixiron Marco Virgilio García Quintela e Manuel Felipe Criado Boado.

    Jorge Miguel Ayán formou parte do grupo de investigación Síncrisis. Investigación en Formas Culturais dedicado ao estudo da conversión do patrimonio histórico e cultural e a súa xestión, en fonte para o coñecemento histórico ou histórico-artístico.

    Pola súa banda, a licenciada en Química pola USC Ana Sousa Hervés fíxose co seu correspondente premio ex aequo na área de Ciencias e Tecnoloxía pola súa tese doutoral ‘Síntesis y aplicaciones biomédicas de dendrímeros Gatg. Preparación de micelas PIC’, dirixida por Ricardo Riguera Vega e Eduardo Fernandez-Megia.

    A tese de Ana Sousa, actualmente en Alemaña, centrouse na síntese e funcionalización dunha nova familia de dendrímeros (GATG) e os correspondentes copolímeros de bloque PEG-dendrímero. Estes sistemas, ademais de posuír unha demostrada actividade biolóxica, poden organizarse en nanoestruturas de tipo electrostático como son as Micelas PIC.

    11 oct 2013 / 12:17
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito