Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

O Isaac dos nenos galegos

    Como escribiu Xosé Ramón Fandiño, o 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo internouse para sempre polo vieiros da saudade. Desapareceu a súa enxoia figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos, tras noventa e un anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo. O incansable labor dese campión da ética, da arte e do pulo industrial, gobernado por criterios ben afastados das políticas capitalistas hexemónicas, acaba de ser recuperado arestora por Loli Beloso Neira nunha publicación editada por Finis Terrae Ediciones, Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Un impagable galano editorial fermosamente ilustrado por Rubén Calles Lijo coa colaboración de Loli Chan Beloso. Un limiar, escrito coa pluma do corazón, por Xosé Neira Vilas achéganos aos últimos días de Díaz Pardo e á súa relación de agarimo que con el tivo Loli Beloso nos derradeiros anos da vida de Isaac, "o Sol de Galicia" como o cualifica a autora.

    Nesta publicación, escrita ao xeito dun conto para nenos, Loli Beloso acércanos á traxectoria vital, artística, empresarial e sobre todo humana de Díaz Pardo. A autora, botando man dunha escrita sinxela para que os cativos da nosa terra non teñan ningunha barreira ou atranco co seu texto, percorre a vida de Isaac desde o seu nacemento en Santiago ata os últimos anos ateigados de tristura e amargor ao ver a súa obra rachada en anacos por aqueles que se aproveitaron da súa xenerosidade no ano 2006, o ano da traizón.

    Díaz Pardo, un home renacentista que xa desde os primeiros anos da posguerra asumiu a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia, revive, nas páxinas de Loli Beloso, como pintor, ceramista, editor, escritor, empresario e creador de millentas iniciativas a favor da cultura de noso. Mais Loli Beloso amósalle sobre todo ás nenas e nenos galegos a inxente humanidade e xenerosidade dun galego universal, seguramente o intelectual que máis loitou pola cultura galega nos últimos setenta anos. Así o reflicte este conto biográfico que escribe Loli Beloso, tamén co propósito de que unha parte do recadado na venda do mesmo será destinada para a investigación do cancro.

    18 sep 2013 / 21:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito