Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 19 mayo 2022
14:00
h
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Jesús Vázquez: "Temos moito voto prestado polo do galego no ensino"

A nova Consellería recupera as competencias de política lingüística ·· O seu titular non ten decididos os detalles do sistema que substituirá o decreto do galego, pero está convencido de que non terá atrancos legais nin sociais

É, igual ca súa predecesora, proprofesor universitario e fillo de emigrantes, aínda que doutra vaga, e tamén doutras ideas ben distintas en certos aspectos. Jesús Vázquez Abad naceu en Nuremberg (Alemaña) en 1967, pero alá só viviu os seus primeiros nove meses. Ata os 7 anos medrou en Ribadavia, onde ten as raíces, e despois marchou para Vigo, onde acabou doutorándose en Ciencias Económicas. Pero dende 1991 –enfatiza– vive, quere e dá a vida por Ourense, onde vive coa súa parella. O novo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria desembarca disposto a traballar arreo en San Caetano procedente do Congreso, onde era voceiro do PP en temas de universidade dende 2008. É a esfera educativa que mellor coñece, porque sempre estivo vinculado á universidade, ao campus de Ourense, no que foi decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No seu novo posto tocaralle abordar un momento crucial para o ensino superior, pero tamén asume as competencias de política lingüística, na que se mostra decidido a cumprir a promesa electoral de derrogar o decreto do galego no ensino non universitario, aínda que é cedo para falar de como e cando.

_ ¿Cales serán os obxectivos prioritarios desta consellería?

_ De momento, cinguiríame aos que puxemos no programa electoral, ao que todo o mundo sabe, o guión que seguiremos todas as consellerías, que foi o que nos deu a maioría absoluta.Temos moi claro o que a xente estaba realmente demandando. E somos conscientes de que hai moito voto prestado e de que esta é unha consellería que participou diso.

_ ¿Quere dicir que pensa que parte deses votos prestados son polo tema da lingua no ensino?

_ Eu son consciente de que é así. Hai moitísima xente que así o manifestou, é un clamor o que pasou e está pasando.

_ Falta concretar, ¿sabe como vai ser o novo modelo unha vez se derrogue o decreto do galego no ensino?

_ Non, é unha cuestión que tentaremos consensuar en todo momento co resto dos grupos. Entendemos que é unha situación complicada, pero que compartimos a voz da rúa. En Galicia hai dúas linguas oficiais e hai que dar maior liberdade de elección aos pais, profesores e alumnos. Levarase a cabo no seu tempo debido, porque aínda temos que montar o equipo de traballo.

_ ¿Pero pode estar listo para o curso que vén? Polos tempos administrativos que require parece complicado...

_ Non quero dar datas, as cousas hai que facelas ben e definitivas. Por iso non vou dar unha data, porque depende do ritmo de traballo da Consellería, que vai ser frenético xa nestes primeiros días. Estamos ademais nun momento complicado, a finais de curso. Será un tema que se traballe en profundidade e, como dixo Feijóo, ten que ser un dos posibles pactos de todos os grupo [parlamentarios].

_ ¿Pero non cre que atopará atrancos legais? Ademais, o decreto actual inclúe máis materias en galego que o anterior, pero parece compartir a filosofía dos publicados nos tempos da presidencia de Manuel Fraga...

_ Non hai ningunha imposibilidade legal nese sentido. Pode ser que haxa xente que non queira volver á situación de antes, onde había de bilingüismo harmónico, que non xeraba ningún problema, iso é o que intentamos.

_ ¿Seguirá sendo o galego unha lingua vehicular para todo o alumnado, máis alá das clases de galego?

_ O galego é a lingua de todos os galegos, está fóra de toda dúbida, pero esas son cuestións de decreto xa concreto, é moi difícil especificar hoxe. Nós entendemos que houbo unha imposición que ten que desaparecer, que a xente teña dereito a elixir e que poida incluso ter competencias en máis de dúas linguas. Hoxe por hoxe é necesario o inglés.

_ Di que se sinte cómodo e querido na política, pero co salto a unha consellería poderá depararlle máis críticas que o traballo no Congreso. Os equipos de normalización lingüística e outros colectivos xa están a criticar a derrogación do decreto...

_ Eu penso que esta consellería non vai ter tantos temas de polémica. Aos que a critican pediríalles que falaran comigo. Podo entender que, sempre co uso da palabra, co bo trato, a xente poida reclamar o que desexa. Estou disposto a falar con eles.

_ A súa predecesora socialista retirou os concertos aos dos colexios que separan a nenos e nenas, ¿ten intención de aceptar os recursos deses centros ou pensa non concederllos polo feito de escolarizar só a alumnado dun só sexo?

_ Haberá que ver a legalidade deses recursos e a situación. É básico que a xente poida elixir con liberdade, pero con isto non quero dicir nin que si nin que non. Sei que hai outras comunidades onde causou unha grave polémica, e o teremos que estudar en profundidade, hai que ver a situación. Axustarémonos ao que di a legalidade.

_ Vén do mundo universitario, sabe que os reitores lle van pedir máis cartos, ¿que poden agardar?

_ Imos realizar o maior esforzo posible na tesitura na que estamos. Somos conscientes dos problemas que teñen as universidades, e os reitores tamén son conscientes da situación pola que está a pasar este país.

_ ¿Poden contar cun novo plan de financiamento para 2010?

_ Terémolo que tratar. En breves días emprazarei aos reitores a reunirnos. A universidade ten que ser unha área prioritaria, e máis nun momento de crise, como motor do cambio da estrutura económica e de mentalidade. Hai un compromiso firme con ela. ¿Ata onde podemos chegar? É preciso saber antes como está a situación económica e falar con sinceridade entre as dúas partes.

_ ¿Dá por boa a folla de ruta pactada polas universidades e a anterior consellería para a implantación das novas titulacións?

_ As universidades gozan de autonomía, o noso labor é axudalas.Podo estar menos de acordo en como se desenvolveu o plan Boloña dende Madrid. Penso que se fixeron cousas moi mal, non houbo intención de integrar aos alumnos e recoñezo que as universidades fixeron pola súa conta un esforzo moi grande.

_ ¿É tempo tamén de ter valentía para corrixir disfuncións como as derivadas das duplicacións de titulacións, sen ceder a localismos?

_ A min gústame pensar en termos de eficiencia. Non estou falando de recortes nin nada, pero os reitores teñen que poñerse de acordo. E non sei se houbo localismos, cada un ten a súa visión. Se a min me preguntan, sempre penso que o campus de Ourense estivo mal parado. É a terceira cidade de Galicia e non ten ningunha titulación en exclusiva. Como ourensán gustaríame ter unha serie de carreiras que servisen de empuxe económico e social. Dito isto, estamos para escoitar aos reitores e traballar da man con eles. Asegúrolle que para este goberno é unha prioridade axudar á universidade pública galega.

icasal@elcorreogallego.es

ESCOLAS INFANTÍS

Oposicións, pendentes de decidir

_ ¿Ten xa unha decisión tomada sobre a convocatoria das oposicións de ensino este curso?

_ Terémolo que decidir nos vindeiros días. Sei que hai problemas de prazos, pero por agora non hai decisións concretas, porque iso é algo que hai que determinar en equipo.

_ O fracaso escolar é outro tema clave, pero con recorte de gastos parece máis difícil facerlle fronte con eficacia....

_ Penso que hai moitas medidas que se poden adoptar que non son tan custosas. Non todo nesta vida é cuestión de cartos. É verdade que falar de cambios e de calidade implica diñeiro, pero contamos co mellor profesorado da historia e unha sociedade que está implicada na educación dos fillos. Danse, por tanto, os ingredientes necesarios para ter unha educación de calidade.

_ ¿Asumirá as escolas infantís, aínda que non como galescolas, esta consellería?

_ Si, vai levalas esta consellería. Entendemos que o proceso de educación é íntegro.

22 abr 2009 / 01:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito