Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Obituario

José García Oro: sempre o meu sabio amigo

    HUMILDE, sabio, próximo, brillante. Así era José García Oro, o Padre Oro. Tralo seu moi sentido pasamento, a parroquia de Veiga estará inexorablemente vinculada a un dos nosos galegos máis distinguidos. Unha eminencia que tivo a ben nacer e logo transcender da contorna dezana coa súa inefable sabedoría. Un dos grandes, xunto a Ramón María Aller ou José Rodríguez González, o matemático de Bermés.

    Persoa ilustrada á que sempre profesei unha grande admiración, como home e como investigador, forxou, como poucos, unha extensa e fructífera biografía que reflicte a súa enorme valentía e toda unha vida dedicada aos asuntos do coñecemento.

    Unha inquedanza, a do saber, que foi cultivando co tempo e sempre vinculada á orde franciscana, onde iniciaría os seus estudos e onde ingresaría aos 18 anos. Sumouse, como un máis, á compañía relixiosa facendo súa a humildade como máxima, nun xesto cotián que o fixo enormemente accesible. De fonda humanidade, a cotío restabase méritos; e iso fíxoo máis grande aínda.

    Co tempo, dedicámoslle unha rúa en Lalín. Excuso dicir que el non a quería. Pensaba que non tiña méritos. Xustamente esa convición foi unha das suas grandes cualidades.

    De enorme capacidade para ser instruído en asuntos de grande relevancia espiritual, soubo combinar a súa dedicación sacerdotal co interese esculcador pola teoloxía, a historia da Igrexa católica e a filosofía. Contidos nos que obtivo o seu doutoramento, logo de cursar os estudos correspondentes en Roma.

    Como o seu celo investigador non tiña límites, foi quen de ampliar a súa erudición en realidades tan diversas como o mundo medieval, ou a personaxes históricos como os Reis Católicos ou o Cardeal Cisneros. Por non falar de como se volcou con deleite e rigor no período do Renacemento para adentrarnos na súa nobreza, nas súas igrexas, cidades, pobos e hospitais... E foi precisamente todo o seu labor de documentalista, experto neste prodixioso período que transformará a Europa, o que o levou a consideralo como un erudito do Renacemento. Iso sí, Galicia sempre acabaría sendo a súa referencia vital e académica, á que acababa retornando o seu curioso espírito.

    Asuntos de tanta trascendencia e calado non lle impediron traballar e investigar na súa contorna máis próxima. Por isa razón, dedicou varias das súas obras á súa terra natal, á que sempre levou no seu corazón. De feito, eu mesmo tiven a honra de editarlle, no ano 2000, o seu "La tierra de Deza en la Edad Media u en el Renacimiento. Del anonimato al pleito", primeiro libro do Seminario de Estudos do Deza, que escribiu con Angeles Novoa Gómez. E facendo gala do seu amor á terra, entrou no terreo da historia eclesiástica para deixarnos todo o seu legado intelectual, que se conserva na biblioteca do Mosteiro de San Francisco de Santiago, que era como na súa casa.

    No frontis da Universidade de Santiago podemos situalo como un dos seus valores máis imperecedeiros. A súa dedicación á docencia universitaria durante trinta e oito anos, fano digno dunha multitude de seguidores universitarios versados agora en diferentes campos da historia.

    Fóisenos o Padre Oro. Aínda recordo velo polo claustro da Facultade e falar con enorme facilidade de calquera tema mundano ou de alta cultura. E, en ambos casos, sempre era quen de facelo co mesmo ton e a mesma tranquilidade dos homes bos. Tiven ocasión de departir con el por última vez en outubro de 2017. Aproveitara unha visita institucional a Noia para achegarme canda el a saúdalo expresamente.

    O meu sabio amigo e tamén amigo sabio, xa descansa no que foi o seu fogar da vida, o Convento de San Francisco. Alí quedará por sempre a representación perpetua da súa grande humanidade.

    13 ene 2019 / 14:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito