Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

José Luis Oujo Pouso del PP de Porto do Son: “Imos centrar os nosos esforzos en crear emprego”

O candidato do Partido Popular á alcaldía do Concello de Porto do Son, Luis Oujo, asegura que se centrará na xeración de emprego e na creación das bases para que este municipio comece a medrar unha vez que finalice a actual crise.

A poucos días de finalizar a campaña electoral, ¿que perspectivas teñen en canto aos resultados electorais?
Pois non podo facer valoracións previas porque non hai sondaxes reais que me poidan avalar, pero o que podo afirmar é que estamos altamente satisfeitos. En primeiro lugar, porque o esforzo pola nosa parte foi e está sendo máximo, e os resultados en canto a afluencia de xente nos actos de campaña están sendo moi bos. De feito, o 17 de maio, o pasado martes, tivemos o mitin central de Porto do Son, no que nos acompañaron Diego Calvo e o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e podo dicir que tivemos un éxito rotundo en canto a asistencia de veciños.

No caso de gañar estas eleccións, ¿como afrontaría vostede os próximos catro anos de goberno?
Teño que recoñecer que nos metemos en política no peor momento en canto a economía se refire. Nós ímonos centrar na creación de emprego, en crear as bases para que Porto do Son, unha vez que se acabe esta crise, poida empezar a crecer ao mesmo ritmo que os demais. Refírome con isto a proxectos básicos para o noso concello como é a aprobación do PXOM, a creación dun parque empresarial e dunhas vías de comunicación adecuadas.

Vostede sempre fai mención ao apoio que ten por parte do seu partido e da Xunta de Galicia. ¿A que se refire exactamente?
Pois mire, todos e cada un dos puntos que están contidos no meu programa electoral están consensuados con cada un dos conselleiros competentes en cada materia. Eu sempre dixen que non vou prometer cousas que non poida cumprir, e por iso era importante para min asegurarme antes de que a Xunta de Galicia estaría ó meu lado, apoiándome para levalos a cabo.

Por último, ¿que lle diría vostede á xente que aínda está indecisa?
Pois eu diríalle simplemente que valoren o que teñen actualmente no goberno, que valoren as súas actuacións e formas de xestionar e gobernar. Eu sempre digo que Porto do Son demanda un cambio, non só na xestión, senón na forma de facer política. Eu pediríalle unha oportunidade para demostrar que nós somos un equipo formado e que estamos preparados para gobernar e levar a cabo proxectos que están pendentes neste concello dende hai tantos anos, e que ata o momento ninguén tivo a capacidade de facer realidade. Estes momentos de profunda crise requiren por parte dos veciños un voto responsable. É o momento de decidir, e de pensar no noso futuro e no futuro dos nosos fillos, pero sobre todo é o momento ideal para que Porto do Son teña un goberno do Partido Popular, xa que temos o apoio da Xunta de Galicia, e moi pronto teremos o apoio do Goberno central.

18 may 2011 / 23:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito