Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha difunde un vídeo de promoción turística a través da canle Youtube

Ten versións en galego, castelán, inglés e francés // Destaca os recursos e salienta as oportunidades que ofrecen ás empresas

Captar turistas é o obxectivo do vídeo promocional que vén de difundir o Concello larachés a través da canle Youtube e os espazos municipais e de turismo en Facebook, convencido de que "non hai recuncho na Laracha que non anime a regresar". Con esta frase comeza o audiovisual dispoñible en galego, castelán, inglés e francés.

Cunha duración de sete minutos e medio, expoñen dun xeito dinámico os principais recursos turísticos municipais apostando por destacar a espectacularidade das imaxes aéreas.

Caión, a súa praia con bandeira azul e o xeodestino Costa da Morte teñen un especial protagonismo, pero tamén fan énfase na zona interior coa Feira de Paiosaco, na riqueza medioambiental da área de Gabenlle e dos entornos fluviais (incluíndo o Museo dos Muíños de Golmar), o patrimonio arqueolóxico (castro de Montes Claros) e arquitectónico (mosteiro de San Pedro de Soandres), as festas populares (Romaría dos Milagres e a Feira das Cereixas), a gastronomía e o turismo activo.

O obxectivo fundamental é captar visitantes e tamén ofrecer unha imaxe global do municipio explicando as oportunidades que ofrece A Laracha tanto ás persoas que están á procura de atopar un lugar no que fixar a súa residencia como a empresas e posibles investidores. É por iso que na parte final se fai un breve percorrido polas principais infraestruturas, servizos públicos e eventos, así como o polígono industrial.

O concello está a traballar agora na realización doutro vídeo turístico de menor duración -en torno a un minuto- que complementará o estreado onte para facilitar o seu visionado e adaptarse ós perfís dos diferentes usuarios das redes sociais.

BONIFICACIÓNS. Pola súa banda, a Corporación larachesa acordou onte bonificar co 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) o proxecto da segunda fase de ampliación do CEIP Otero Pedrayo. Tamén decidiron modificar a ordenanza da taxa por recollida de lixo para rebaixar o recibo dos usuarios cando Sogama aplique ao Concello a redución do 10 % do canon.

30 abr 2019 / 21:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito