Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
galicia siglo xxi ·· actores del cambio

Laura Seara: "Co AVE, Ourense será a estación central de Galicia"

"A última lexislatura foi a da igualdade material e social entre a muller e o home, reflectida nuns textos lexislativos" ·· "O cambio en Ourense é imparable, e eu recomendaríalle a Baltar que fora preparando as maletas"

"¿Por que me metín en política? É unha cousa curiosa, eu veño dunha familia politizada e que loitou polas libertades democráticas. Meu avó materno foi militante do Partido Comunista e meu pai foi concelleiro, ás primeiras eleccións democraticas, polo PSOE, e miña nai tamén foi concelleira do PSOE. Agora non o son ningún dos dous. A min ninguén me dixo nada na casa, pero era inevitable falar de política. Cando eu tiña 14 anos presenteime ás eleccións do consello escolar do Instituto, e a partir daí decidín apuntarme ás Xuventudes Socialistas. Empecei de moi nova", conta Laura Seara Sobrado (Allariz, 1975; licenciada en Dereito e avogada, diputada no Parlamento galego polo PSdeG-PSOE), chamada a chegar ás máis altas cotas políticas.

_ ¿Na política a fin xustifica os medios?

_ Hai que ter a cabeza moi fría e os pés quentes, porque hai que moverse moito e traballar moito e rápido, pero o fin non xustifica os medios. Hai unhas barreiras que non se poden cruzar.

_ ¿Séntese satisfeita no traballo parlamentario?

_ Gústame moitísimo o Parlamento. Nesta lexislatura o Parlamento é o centro da vida política. Algo no que se empeñou moito o presidente Touriño, e estase cumprindo. O Parlamento galego tivo un papel relevante nos primeiros anos da democracia, pero perdeu protagonismo nos 16 anos de Fraga.

_ ¿Cales son as prioridades políticas da sociedade actual?

_ A nivel mundial o reto pendente é a débeda que teñen os países ricos cos países pobres. O acontecido no século XX foi terrible para o sur do planeta. E líderes como Zapatero están a formular un camiño e unha ruta distinta, como é a sua proposta da alianza de civilizacións, asumida pola ONU, para que a solidaridade sexa real.

_ ¿A solidaridade aínda é un dos trazos que define a socialdemocracia europea?

_ Un dos trazos que mellor define o Partido Socialista en España e á Internacional Socialista no seu conxunto é a solidaridade. Pero tamén hai máis retos, como o reequilibrio territorial e o reequilibrio no benestar das persoas, aplicable a Galicia, seguir ampliando os dereitos civís das persoas. E dentro deses dereitos, a igualdade entre os homes e as mulleres.

_ ¿A igualdade avanza?

_ A última lexislatura foi a da igualdade material e social, plasmada nuns textos lexislativos dunha envergadura importantísima para España e para Galicia. A primeira lei que se aproba e contra a violencia de xénero, cumprindo un compromiso do presidente Zapatero nese sentido. Ponse en marcha a Lei de igualdade, cunha contestación incomprensible por parte dos populares, que lles deben moitas explicación ás mulleres deste país, e sobre todo débenllas mulleres do PP, de por que non se plantaron ante a negativa do seu partido de non apoiala e recorrela ante o Tribunal Constitucional. Parece mentira que un partido democrático faga bandeira contra a igualdade.

_ ¿Refírese á discriminación positiva e á paridade?

_ En efecto. As medidas de acción positiva son formula para que ao tratar distinto a quen é distinto, poida ser igual. Son medidas para acelerar a igualdade de xéneros. As políticas neutras poden chegar a ser máis perigosas que as políticas desiguais, porque cando unha lei é desigual e discrimina a un sexo respecto do outro, deseguida se detecta e se combate. Aparentemente as políticas agrarias deste país non ían contra ninguén, eran neutras, e, non obstante, tiñan completamente esquencidas ás mulleres, que xogaban un rol decisivo na sociedade galega. Lle fixeron moito dano ás mulleres que viven no medio rural. As leis actuais pretenden igualar realmente a muller co home, para que non suceda que traballando no mesmo posto ela cobre un 30 % menos có home; que sendo as mulleres o 60% da poboación universitaria, haxa moi poucas líderes na universidade; que só unha porcentaxe mínima de mulleres ocupen postos nos consellos de administracións das empresas. E non só se trata de democracia e dereitos, tamén se trata de ser listos, pois este país non pode desperdiciar o capital humano que achega a metade da sociedade. Non son leises contra ninguén, son leis para todos.

_ ¿A emancipación tardía segue sendo o principal problema dos mozos?

_ Eu xa non son tan nova, vou cumprir 33 anos. Participei activamente no movemento xuvenil; fun vicepresidenta do Consello da Xuventude de España, o que me permitiu ver os problemas da xente nova e saber que demandaba. Hai dez anos a emancipación era o principal problema que tiñan os mozos en España e en Galicia. Hoxe ségueo sendo, pero coa diferenza clara de que durante os últimos catro anos o Goberno de Zapatero si foi consciente dos baixos salarios da mocidade, da inestabilidade laboral e das dificultades de acceso á vivenda, e puxo en marcha unha serie de medidas para facilitar a emancipación de mozos e mozas.

_ ¿Como se poden corrixir, no plano territorial, as diferenzas que existen entre a Galicia interior e a costeiera?

_ Como ourensá, prometinme a min mesma poñer en riba da mesa os problemas que tiña a miña povincia. Eu vin como moitos amigos e amigas tiveron que facer a maleta igual que a fixeran os seus avós hai 50 anos e seus pais hai 30. A min agradoume moitísimo que o presidente da Xunta tivese claro o que pasaba. Eu recordo a Emilio Pérez Touriño, cando por primeira vez saíu elixido secretario xeral do PSdeG, ir a Ourense e falar do desequilibrio entre o interior e a costa. ¡E que ben o explicou en termos económicos, demográficos e de infraestructuras! A partir de ahí tiven claro que Ourense non tiña por que resignarse e debía demandar outro papel no mapa de Galicia. Sigo sen entender porque o PP, cando o presidente da Xunta anuncia a eliminación da peaxe entre Dozón e Cea, se opón, e di que esa peaxe tense que repartir en todo o treito entre Saniago e Cea. Ou sexa, que moi pouco entendeu o que é o equilibrio territorial. E a min moléstame moito que a pronvincia de Ourense fora a que máis éxitos lle deu a un PP que a deixou totalmente abandonada. Houbo algún momento en que había máis orzamentos para a Cidade da Cultura que para toda a provincia de Ourense, e falo de datos de investimentos reais.

_ ¿Ese plan de reequlibrio será efectivo?

_ Si. Primeiro, o diagnóstico está moi ben feito por parte do Goberno galego; segundo, estanse poñendo os mecanismos necesarios para tentar de corrixir as situación de desigualdades. O Plan de Reequilibrio Territorial, dotado con máis de 3.000 millóns de euros, é a mostra máis clara. Pero tamén os intentos de atraer capitais e investimentos, e as propias políticas sociais, están aí, non hai máis que velo. Ademais houbo un empuxe por parte do Estado nese sentido. Ese 8% que recibe Galicia dos presupostos do Estado tamén nos permite falar de reequilibrio dentro do propio Estado. E a sede de Confederación Xeográfica anunciada xa para Ourense, vai ser moi importante para a xestión do auga da conca da Miño-Limia.

_ ¿Que suporá o AVE para Ourense?

_ Haberá un Ourense antes do AVE e un Ourense depois do AVE. O AVE converterá a Ourense na estación central de Galicia, na plataforma loxística de Galicia. E non fai falla que insista na transformación que terá a cidade dende todos os puntos de vista, non hai máis que ver as transformacións que de Sevilla, Córdoba, Ciudad Real ou Valladolid coa chegada do AVE. O AVE chegará a Ourense como un volcán.

_ ¿De verdade vostede cre que Galicia terá AVE no 2012?

_ Estou convencida, porque o dixeron o presidente do Goberno o presidente da Xunta, a ministra de Fomento, e eu confío plenamente na palabra dos meus compañeiros.

_ ¿Desde a perspectiva medioambiental, como están os ríos galegos?

_ Os datos científicos falan por si sós, os nosos ríos estábanse esquilmando. A Galicia dos dez mil ríos, e non dos mil como dicía Cunqueiro, estaba sendo esquilmada por intereses económicos e por culpa dunha mala planificación de política hidraúlica e da política enerxética. Unha das decisións máis valentes deste Goberno foi a paralización das minicentrais hidraúlicas. A partir de aí Consellería do Medio Ambiente marca unha nova política do auga na conca de Galicia costa, que é a que lle compete. Estamos nunha situación distinta, aínda que haberá que avaliar a contaminación dos ríos, á parte de levabamos un atraso importante na aplicación da directiva marco da auga. Tiña que estar cumprida no 2005, e non foi así. Tivemos que afrontar o da multa que nos ía pór Bruselas pola contaminación da ría de Vigo por incumprimento de tres directivas: a de cría de moluscos, a de baño e a da auga.

_ ¿Como evalúa a herdanza que deixou o PP en materia medioambiental?

_ Foi nefasta. Unha política improvisada, mal feita. O feito nestes case que tres últimos anos é comparativamente relevante respecto da etapa anterior.

_ Vostede estivo na Comisión para a reforma do Estatuto, ¿por que non se chegou a un acordo entre as tres forzas?

_ Porque o señor Núñez Feijóo atendeu demasiadas veces o teléfono de Génova. O PPdeG mirou máis polos intereses do seu partido no Estado que polos intereses de Galicia, e para exemplo está o que pasou co Estatuto de Andalucía.

_ ¿Que analise fai dos resultados electorais do 9-M en Ourense?

_ Foi unha campaña moi bonita e ben deseñada, cun papel moi relevante en toda Galicia do presidente da Xunta. O cambio de Goberno en Galicia e o liderado de Pérez Touriño contribuíron á vitoria de Zapatero. A ministra Elena Espinosa fixo unha campaña de libro, foi decisiva. Na cidade de Ourense é a primeira vez na historia que os socialistas gañan nunhas xerais. Pero tamén gañamos en 19 concellos da provincia, no que o PP estaba historicamente implantado. E nos que non gañamos, subimos moito. O cambio na provincia de Ourense é imparable e eu recomendaríalle a Baltar que fora preparando as maletas.

EL PERFIL

"Con África teño pendente unha cita"

¿Que tal se leva co teléfono móbil?

Teño unha relación demasiado íntima co teléfono móbil, e case empeza a ser unha parte do meu corpo. Teño que empezar a controlar a dependencia que teño del.

¿Como lle vai co PC portátil?

Moi ben. Empecei a usalo cando estudaba a carreira e case, case, estudiei con el.

¿Que aficións ten?

Teño unha que a teño esquencida porque require tempo, o cine e o teatro, pero interpretando. Eu fixen moito teatro durante a miña etapa universitaria, o que pasa é que para dedicarme a iso, aínda que sea como afecionada, é moi complicado.

¿Ten animais de compañía?

Non. Gústanme os animais nas casas dos demais.

¿Practica algún deporte?

Fixen moito vóleibol e atletismo. O que pasa que, como case todo o mundo que está na política, o problema é a falta de tempo.

¿Que está a ler?

Pois acabo de rematar un libro de Doris Leasing, La grieta.

¿Que música lle gusta escoitar?

Na cuestión da música son moi variada, gústame moito o rock dos 90, e teño un grupo que é o meu preferido, U2. Tamén me gustan os cantautores e a música pop.

¿Con que frecuencia vai ó cine?

Ía moito máis antes, eu era unha persoa moi cinéfila, agora procuro ir cada quince días. A verdade é que vexo moito cine, pero na casa.

¿E ao teatro?

Aínda menos do que quixera. A pesar de que aumentou a oferta teatral nas cidades, segue sendo escasa.

¿Por onde van as súas preferencias no munda arte?

A min gústame moitísimo a pintura, e me gusta sobre todo a pintura moderna. Teño un pintor por riba de todos, que me apaixona parece un topicazo, pero paga a pena dicilo: Picasso. Foi un xenio que marcou un antes e un despois na pintura do século XX. Da súa obra, a época azul é a que máis me atrae.

¿Vostede Cociña?

Non. Fatal, fatal, e, ademais, non teño paciencia, e iso que son neta dunha restauradora. O restaurante Fandiño, de Allariz, era da miña avoa. Parece mentira que, criándome nos meus primeros anos entre potas, non herdara absolutamente nada da maña, do xeito e do bo facer dela. Miña nai é tamén unha excelente cociñeira.

¿Ten algún prato preferido?

Os ovos con patacas e chourizo. E despois tamén me gusta moito o foi. A min gústame moito comer. E unha afección que teño.

¿Onde lle gusta viaxar?

Eu teño unha cita pendente con África: xa estiven no norte e no sur, pero gustaríame coñecer a África central. Para miña idade, son unha persoa que viaxei bastante.

¿Preocúpase por ir á moda?

Doulle a importancia xusta. Non ten porque marcar as nosas vidas, a min gústame vestir o que me apetece, e o que me gustan moitísimo son os zapatos, e mercalos.

19 mar 2008 / 18:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito