Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 noviembre 2020
14:01
h
este sábado día 1

O "Libro da Ribeira Sacra" de Araúxo incorpórase á Biblioteca de Mesopotamia

A adega Ronsel do Sil, unha das referencias da cultura vinícola da Ribeira Sacra, acolle este sábado día 1, a partir das doce da tarde, o acto no que a Biblioteca de Mesopotamia integra aos seus fondos un novo volume: o monumental Libro da Ribeira Sacra [Cinsa do vento], de Emilio Araúxo. A Biblioteca consolídase, deste xeito, nun intrumento único en Galicia para crear sobre a xeografía da rexión silomiñota unha luminosa paisaxe literaria.

O acto, organizado polo Concello de Parada de Sil e Chan da Pólvora Editora, contará coa participación do propio Emilio Araúxo, do crítico literario Arturo Casas e de Antón Lopo, director da editorial. Ademais, intervirán o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Francisco Magide Bizarro; o alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, en representación dos concellos da Ribeira Sacra; e o presidente da DO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez. Por último, fará unha intervención o poeta e narrador oral Celso Fernández Sanmartín, estreitamente vinculado á tradición que Araúxo representa.
Como é xa costume nos actos da Biblioteca, nomearanse os novos bibliotecarios de honra, que nesta ocasión serán a adegueira de Ronsel do Sil, María José Yravedra; Antonio Carreño, catedrático da Brown University, e Braulio Vilariño, impulsor do Instituto de Estudos Ulloáns, co que a Biblioteca mantén unha alianza de colaboración. Tamén se converten en bibliotecarios, de maneira directa, Emilio Araúxo, Arturo Casas e Magide Bizarro. Entre os bibliotecarios de honra do selo editorial comunal, figuran Margarita Ledo Andión, Claudio Rodríguez Fer, Francisco Albo, Roberto Varela Fariña, Elba Rei e Olga Novo.

Poucas obras como o Libro da Ribeira Sacra [Cinsa do vento], de Emilio Araúxo, conseguiron crear arredor da rexión silomiñota unha literatura tan inquietante e poderosa. Nela, con meticulosidade insólita, Araúxo reconstrúe as orografías, os perfís humanos e a historia da rexión: desde as montañas do Courel á Cabeza da Meda, de Quiroga á Peroxa, de Castro Caldelas a Monforte de Lemos ou de Pantón e Sober a Xunqueira de Espadañedo. Pero, sobre todo, está a atmosfera de Sacardebois, lugar do Concello de Parada de Sil no que o autor pasa longos períodos desde hai anos e no que foi levantando unha instalación de exhibición sobre a memoria silomiñota.

Cun esforzo editorial infrecuente, o selo comunal da Biblioteca de Mesopotamia incorpora o Libro da Ribeira Sacra aos seus fondos de referencia e faino a través dun volume monumental de case cincocentas páxinas, coidadosamente deseñado e incorporando elementos que redimensionan e encadran a obra. Por un lado, unha introdución escrita polo máis prestixioso crítico literario galego, Arturo Casas, que dá as claves da obra e da traxectoria do seu autor. Pola autra, a fotografía do monfortino Manuel Valcárcel, autor de Tempo, filme sobre a Serra do Courel que foi recoñecido cos distintos festivais, como o de Jaén, ou na Mostra de Sao Paulo.

O resultado do esforzo é un libro que é máis que a cartografía da rexión dos dous ríos, máis que o espazo histórico dunha comunidade e do seu idioma. Máis que a voz dunha cultura extintiva que foi rescatada das augas e se nos ofrece plena e vívida, axitada aínda polo sorriso e a emoción vibrante. Estamos ante un poema que rotura a terra coas mans das xeracións e coa gloria da súa sabedoría. Un longo e readical poema no que Araúxo rastrexa os signos, os xestos, e encontra un territorio que ben puidera corresponderse coa totalidade do mundo, deste mundo nin noso nin tan local. A través del adentrámonos na crónica da pobreza, do abuso, da fame, do humor ou da memoria consecutiva, dos ritos consecutivos da resistencia. Trátase, en fin, dunha tentativa de construción, mesmo precaria, de formas incertas que procuran maneiras alternativas de vivir e de pensar.

Exploremos as lecturas posibles e fagámolo entre os límites do fragmento crítico e un índice apresurado de preguntas, atentos sempre a esvaradía totalidade dun libro prodixioso.

Emilio Araúxo
Emilio Araúxo [Coles, 1946] irrompeu na acción cultural pública a mediados dos anos noventa con Noitarenga, unha empresa editorial que se centrou en verter ao galego a obra de pensadores contemporáneos, nomeadamente Alain Badiou, o seu mestre por excelencia. Nela apareceron, ademais de poemarios de distintos autores e autoras, Dos soños teimosos, esa longa entrevista con Uxío Novoneyra que se convertería no testamento do poeta courelao. A finais dos noventa, abandona Noitarenga e inicia Amastrangallar, unha editora non venal onde desenvolverá a cerna da súa exploración creativa: "sentir, con palabras desenterradas, que son un mediador entre os mortos e os que acaban de nacer. Os días son unha cinta que corre: esa é a auga da que bebo. Lentamente, o lume faise desaparición”, asegura o poeta. A súa obra resulta difícil de clasificar. Os lindes da poesía, da fotografía e da filosofía
conflúen nun ámbito conceptualmente difuso pero fisicamente nidio: o espazo. Palabra, imaxe e obxecto dialogan entre si nun laborioso discurso de liñas-verso: recolle a voz do outro, fragméntaa e móntaa de novo. É o que el denomina "efecto do poema". O ser humano [cita a Badiou] "é un infinito de posibilidades e a ti correspóndeche darlle sentido”. Entre as súas obras, figuran os poemarios Pois (1998), As chairas da letra (1998) ou Seica si (2017), resultado da alianza editorial entre Amastrangallar e Chan da Pólvora Editora. O seu ensaio máis recente titúlase Mal amor (Axóuxere, 2018).

Esta é a segunda vez que Araúxo se vincula á Biblioteca de Mesopotamia, xa que el foi o encargado de realizar o texto complementario de Os eidos, titulado xenericamente As cores do ucedo, entrega capital para comprender a escrita dese poemario e as reflexións de Uxío Novoneyra sobre el.

O selo comunal da Biblioteca de Mesopotamia
A Reconstruír unha paisaxe literaria sobre a paisaxe xeográfica e apontoar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Ese é obxectivo da Biblioteca de Mesopotamia, un selo editorial comunal impulsado por Chan da Pólvora Editora co apoio de boa parte dos concello da rexión e distintas entidades. Por parte dos concellos están representados o de Parada de Sil, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra do Brollón, Castro Caldelas e Ribas de Sil. Tamén conta co apoio das deputacións de Lugo e Ourense, ademais da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Cultura. A DO Ribeira Sacra, a Real Academia Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Novoneyra tamén forman parte do grupo impulsor do selo comunal.

Trátase, deste xeito, dun proxecto que trata de facer un horizonte común a partir da confluencia fluvial do Miño e do Sil, unha terra de historia tinxida polo magma do románico e a explosión dunha natureza indomable. Tanto pola súa morfoloxía, que marcan os dous ríos, como polo seu carácter fundacional do país, confórmase unha auténtica Mesopotamia galega: En Campodola está a primeira montaña do país que emerxeu dos sedimentos oceánicos e nos arredores de Monforte atopáronse as primeiras pegadas de cultura humana das que se ten noticia en Galicia. Este territorio á sombra dos neveiros da Meda, dos tesos cumes do Courel e dos cimos mineiros do Incio é, en palabras do xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, “o que queda da primeira Galicia formada hai 350 millóns de anos”.

Como non podía ser doutro xeito, a denominación da biblioteca fai referencia á nosa propia Mesopotamia de Occidente, lugar de tránsitos e de unións. Trátase dunha experiencia inédita: de maneira ordenada e coherente, preséntase un acervo literario de máxima esixencia, relacionado estreitamente coa unidade xeográfica na que se enmarca. Na biblioteca reúnense xineas creativas de indubidable interese, toda vez que nesta Mesopotamia encontraron inspiración escritores de procedencia universal: desde os míticos trobeiros galegoportugueses do medievo ata Cervantes, desde Uxío Novoneyra ata Góngora ou desde Ánxel Fole ata Blanco Amor e Vicente Risco. Neste sentido, os propósitos da colección son varios, xa que se se pretende atinxir as vertentes culturais, sociais e populares: o perfil das terras que se ven desde calquera dos concellos que participan no proxecto terá para os membros da comunidade común, a partir de agora, un nome propio asociado a unha literatura.

O primeiro volume da Biblioteca foi, precisamnete, os Contos de Mesopotamia de Ánxel Fole, colleita dunha serie de narracións ambientadas en diferentes paisaxes da rexión, desde O Incio e O Courel e Castro Caldelas a Monforte e Pobra do Brollón. O volume contou cunha introdución de Claudio Rodríguez Fer. SA súa presentación, na Pinacoteca do Colexio da Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, en abril do 2017 converteuse no grande acontecemento cultural da comarca. O segundo volume, Os eidos, de Uxío Novoneyra, presentouse na sede da Fundación Novoneyra, no Courel, en abril do 2018.
.

30 may 2019 / 17:38
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito