Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

Libros galegos para o mundo

    Non é a primeira vez que unha editorial galega, que edita en galego, rastrea territorios da edición en castelán. Fíxoo ocasionalmente Ediciós do Castro. Faino con traducións Faktoría K de libros (selo de Kalandraka), Pulp Books (selo así mesmo de Rinoceronte Editora). E edita directamente en español Editorial Trifolium, na colección “Litterae”.
    Mais esta aventura que vén de dar as súas primeiras alancadas, semella, ao menos como proxecto e tendo en conta a súa primeira colleita, moito máis cobizosa. Refírome a Mar Maior, un selo da decana das editoriais galegas, a xa histórica Editorial Galaxia. Mar Maior nace coa vontade de ser unha fiestra galega aberta ao mundo a través dos libros, proxectando así a cultura de noso en outras linguas e para outras sociedades. Presente xa en España, Bruxelas e Bos Aires, e co propósito de chegar moi pronto a Montevideo, México DF, Sâo Paulo e Salvador de Bahia. Mar Maior traballa asemade con proxectos de coedición en francés, inglés e alemán, para navegar así nese mar maior que é o mercado global. Hai poucos meses que Mar Maior se presentou en sociedade. Arestora busca as complicidades de todos aqueles que coiden que a literatura galega é unha herdanza moi valiosa, que medra cada día e que cómpre difundila por outros lugares e mercados para convertela en patrimonio común.
    Unha boa mostra é a brillante selección de nove títulos cos que Mar Maior inaugura a súa proposta editorial. Catro títulos que mestre da fabulación galega, Álvaro Cunqueiro, publicou en castelán (Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, Flores del año mil y pico de ave, El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes, Tertulia de Boticas prodigiosas y escuela de curanderos); un inédito de Emilia Pardo Bazán (El vidrio roto. Cuentos para las Américas. Argentina); a Historia de Galicia de Ramón Villares. E tres pezas de la actual narrativa galega, que contan co aval de lectores e críticos: Laura en el desierto de Antón Riveiro Coello, Circe o el placer del azul de Begoña Caamaño e Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz.
    Xa que logo, un aplauso cómplice a Mar Maior. Parabéns para unha iniciativa cultural de amplo alcance, e unha manifestación do desexo de que as súas singraduras por ese mar maior da edición internacional, noutras linguas e para outras culturas acaden colleitas farturentas e as súas xornadas sexan tan extensas e lonxevas como as do selo matriz: a viguesa Editorial Galaxia.

    Crítico literario

    16 ene 2015 / 20:40
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito