Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

Libros perigrosos

    Malia que Juan Tallón segue a ser un escritor “sen pose nin carreira” e non lle gusta tomarse en serio, está a consolidarse como tal, tanto na narrativa galega como na escrita en castelán. No ano no que andamos, Juan Tallón sacou do prelo dous libros tan orixinais como peculiares: Manual de fútbol. Un libro fuera de juego e esta peza, Libros peligrosos, editada recentemente por Larousse. Un libro de non doada clasificación xenérica, mais que pode ser lido como unha singular novela de libros. Unha novela verbo de cen libros, sobre unha selección de libros que acolle no seu seo novelas, relatos, poemarios, ensaios, tratados de filosofía. Obras literarias que no seu día pasaron pola peneira dun lector teimoso e ao mesmo tempo un chisco heterodoxo. Juan Tallón achéganos as reflexións que no seu caletre suscitaron eses libros, lidos con ollo atento e á vez cínico e un pouco pillabán. Unha lista de libros que non debe de ser interpretada como unha listaxe redonda, canónica, porque nin existe o mellor escritor nin os mellores cen libros.
    Xa na lectura inaugural percibimos a marca, os azos e folgos das súas “recensións”. En pouco máis de media plana, Juan Tallón achéganos as claves máis clarificadoras dunha novela, dun poemario, dun diario, dunha autobiografía, dun ensaio ou dunha densa obra filosófica. Son cen títulos amalgamados de tal xeito que chegan a constituír unha novela de libros. Conectados entre si, ou ao menos por parellas, de forma enxeñosa e, por veces, argallante. Un reto que semella imposible de acadar, mais o autor consegue vencellalos por lazos escriturais. Sorprenden polo insólito da relación as conexións de Dino Buzzati e Parménides, de Juan Rulfo e William Faulkner, de Philip Roth e Kant, e a do profesor de Könisberg con Iñaki Uriarte; de Onetti con Kafka, de Mario Levrero con 2666 de Bolaño, ou do “non” de Álvaro Cunqueiro a José Manuel Lara e o “non” de Wittgenstein ao seu editor.
    Juan Tallón, como outrora fixera Henry James, traballa desde o envés do espello e elabora desde ese reverso textos verbo do mester escritural: Comentarios luminosos, que se sitúan máis alá ou máis acá -ou quizais nas estremas- da crítica literaria. Mais, ao mesmo tempo que nos ofrece aos lectores informacións curiosas, fainos partícipes dun cadoiro de sensacións qeu a el lle produciron de escritores imprescindibles, á marxe de épocas e de xéneros. Son eses “libros perigosos” porque algunha vez o subxugaron, ou se viu na obriga de lelos sen chegar a entendelos nin na primeira nin na segunda lectura. Xustamente o que agardaba o seu autor –Wittgenstein neste caso–. E cuxas pegadas nos achega arestora como incorrixible letraferido.

    Crítico literario

    24 nov 2014 / 19:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito