Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
de todo un pouco

A lingua quenos define

    CASTELAO dixo que se aínda somos galegos é "por obra e gracia do noso idioma". Certo. Se perdésemos a lingua que nos define, perderiamos un dos nosos maiores atributos como pobo. Non digo que para amar e defender este noso vehículo de comunicación haxa que residir necesariamente fóra da Galicia. Pero case o afirmo tras vivir corenta anos máis alá das nosas fronteiras.

    Nas Mocedades Galeguistas de Buenos Aires establecemos que cada mozo ou moza galego ou arxentino que pedise o seu ingreso debía saber galego. Aceptabámolos se se incorporaban ás clases que ofreciamos. Por suposto, actas, cartas, recibos, etc., estaban sempre en galego. Tamén na Asociación Iniciadora da Academia Galega da Habana utilizaban o galego para todo, o que non ocorría, nos primeiros tempos, na Academia fundada na Coruña en 1906.

    Fernando Pessoa dicía: "A miña patria é a lingua portuguesa"; tamén o galego é a nosa. A revista Terra Gallega, de Cuba, hai máis de oitenta anos, tiña como lema unha frase de Fichte: "O signo da nacionalidade é o idioma". E moito antes, en 1885, A gaita gallega, tamén cubana, postulaba que "a lingua é a patria mesma".

    Emocionábame cando vía que o diario porteño La Prensa publicaba un saúdo á colectividade galega, cada 25 de xullo, na nosa lingua; e cando vin os cartaces do municipio de Zurich, que anunciaban actos no idioma de cada colectividade emigrante, e vin un anuncio en galego. O galego era unha bandeira de loita para os que estabamos fóra. Un signo identitario.

    Escritor

    12 abr 2014 / 21:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito