Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

O Lobishome de Brañaganda

    David Monteagudo, nado nunha aldea da Galicia profunda e asentado en Cataluña, é un narrador serodio, pero que debutou con moto éxito hai dous anos coa novela Fin. A peza que arestora edita Acantilado, Brañaganda, é a súa terceira incursión no mundo da ficción. Unha novela baseada nas crenzas e lendas da licantropía ou teriantropía para sermos máis precisos. Esa crenza, transmitida por lendas populares, no poder de certos humanos para se transformaren en animais carnívoros, polo xeral no animal máis abundante na zona. En Galicia e en boa parte de Europa, ese animal é o lobo. O lobo é un personaxe destacado na literatura popular galega, nas lendas orais que agachan unha grande carga simbólica polivalente. Símbolos que, no dicir de Paul Ricoeur, dan que pensar, mais soamente na medida na que sexamos capaces de enfrontar os seus retos radicais e engadirlles unha interpretación coherente. Porén, a figura do lobishome ou "o lobo da xente" tense resolto frecuentemente a base de tópicos como o demostran a novela de Carlos Martínez Barbeito, El bosque de Ancines ou a película de Pedro Olea, El bosque del lobo.

    Neses mitos e tópicos que nutren a literatura oral galega, alicérzase Brañaganda, a novela de David Monteagudo. A súa achega retrata a vida nunha aldea rural galega, unha sociedade campesiña illada na que os seus moradores se senten ameazados diante dunha cadea de crimes cometidos por un suposto lobishome. O rumor popular atribúeos ao brazo executor dun home lobo que actúa como xuíz moral castigando certos pecados nefandos que se cometían na illada Brañaganda. Na novela, con todo, hai moito máis: amores prohibidos, corrupción, espurias alianzas de poder, silencios que destilan veleno e, sobre todo, a presenza do mal e do terror.

    É aquí onde fraquea a novela de Monteagudo. Ao autor faltoulle a afouteza para apostar por esa alta literatura á que Lovecraft asigna a tarefa de resolver as dúbidas do home racional a respecto do seu lugar no mundo. Función catalizador de pulsións reprimidas, cun imprescindible ensamblaxe de contido e de expresión. En Brañaganda bótase en falta unha meirande madurez técnica, capaz de suscitar o medo. Prevalece, porén, unha tona de literatura comercial que me fai lembrar a excelente novela de Alfredo Conde, Romasanta. Memorías incertas do home lobo, que liquidan invencións máxicas e pseudocientíficas da licantropía e nos presenta a un "amadamado", o "home do unto", o desapiadado "sacamanteigas" que mataba para facerse rico traficando coa manteiga das súas vítimas.

    19 dic 2011 / 19:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito